Novas por contido

O pasado 22 de marzo tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Persoal e da Mesa Xeral na que se trataron os seguintes asuntos: condicións de traballo de biólogos/as de zona, RPT do Mar, RPT de Política Social, modificación das equivalencias de funcionarización.

Acordo sobre as condicións de traballo de determinadas prazas adscritas aos servizos periféricos da consellería do Mar (biólogos/as de zona)

As persoas responsábeis políticas da Administración Autonómica continúan a parcelar a negociación colectiva sobre as condicións de traballo. Demandamos un acordo marco que recolla as condicións de traballo de todo o persoal, cada quen segundo as súas características, e non os acordos por partes que forzan a cada pouco.

Este acordo foi cociñado pola consellería e Función Pública saltándose as leis e sentenzas que regulan a negociación colectiva, ás costas dos sindicatos, e cando o fixeron, foi ás presas. A CIG rexeita as formas, polo que negámonos a emitir o noso voto ata que poidamos reflexionar e facer consultas coas persoas afectadas.

Despois de anos reclamando a recuperación do artigo 19 do V Convenio Colectivo, que suprimiu as compensacións por traballos en domingos e festivos, aparece a consellería cun sistema de compensacións que, evidentemente, queremos que sexa estendido a todo o persoal.

Tamén estamos conformes coa equiparación de niveis a outras escalas de administración especial. E novamente, queremos que sexa extensivo a o resto de escalas.

O acordo ten un risco: dá liberdade absoluta á consellería para fixar os horarios como lle veña en gana. Non existe unha previsión de fixar cuadrantes ou outro sistema de regulación. Van poder poñer o horario que lles pete, vai ser un cheque en branco. Compensan as melloras nestas condicións? Queremos ser ben pensados/as, confiar en que non se van saltar todo e que as carteleiras serán negociadas na comisión de seguimento e comunicadas ás xuntas de persoal; pero tamén é certo que a experiencia non acompaña.

Outro aspecto negativo é que existe a posibilidade de que o persoal poida voluntariamente empregar o seu propio vehículo para realizar o traballo: vai asumir a consellería as consecuencias de sancións de tráfico, accidentes, etc.?

CCOO, CSIF e UGT votaron a favor na Comisión de Persoal. A CIG negámonos a votar ata valoralo en condicións e consultar con persoas afectadas. Finalmente tamén nos sumamos ao voto favorable.

Modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería do Mar

Despois da dúas reunións celebradas antes do verán do ano pasado, convocáronos a semana pasada para “negociar” unhas pequenas inclusións e, curiosamente, antes de sentarnos xa nos enviaran a convocatoria e a proposta desta RPT que iamos comezar a negociar. Como ben se lle escapou á vicesecretaria, a reunión era para “informarnos dos cambios”, co que quedaba claro que non viñan a negociar.

  • Presentan unha suba de niveis atados a un acordo obrigado por función pública e non negociado cos sindicatos.
  • Amortizan 60 postos para crear só 40. Destrúen postos de traballo en gardacostas e non se sentan a negociar as súas demandas e que afectan á RPT. Continúan coa privatización de parte deste servizo.
  • Non inclúen en postos de profesorado as titulacións recoñecidas por sentenza do TSXG. A consellería fai caso omiso obrigando ao persoal a volver á vía xudicial para que lle recoñezan o seu dereito.
  • A inclusión do requisito de carné de conducir debe ser “cando vacante”, en consonancia co acordo de biólogos/as de zona.

Voto: CIG en contra; CCOO a favor, CSIF a favor, UGT abstención

Modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería de Política Social

Na Comisión de Persoal vai a funcionarización dun posto de persoal laboral para poder ofertalo nunha elección de destino (provisional). Os catro sindicatos votamos a favor.

E na Mesa Xeral o mesmo: modifican outros tres postos ocupados temporalmente por persoal laboral que superou o proceso selectivo na escala equivalente de persoal funcionario. Os sindicatos estamos conformes.

Orde de equivalencias de funcionarización

O DXFP retira o asunto da orde do día xa que está moi verde e aínda hai eivas (non queda claro se virá a unha seguinte Comisión de Persoal ou aínda tardará algo máis).

En todo caso, observamos que:

  • Aceptaron mínimas alegacións como a de incluír a categoría 20 do grupo IV no corpo auxiliar da Administración xeral, subgrupo C2.
  • Non aceptaron incluír as categorías laborais con esixencia de ciclo superior no grupo B.
  • Tampouco aceptaron deixar as categorías de gobernante/a e subgobernante/a no C1 da Admón. Xeral que foi onde se funcionarizaron ou darlles opción a escoller. Tampouco a categ. III-99 para o C1.
  • Manteñen a negativa a funcionarizar as categorías V-02 e V-12 na agrupación profesional da Admón. xeral.

Outras novas recentes

Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...
Xoves, 02 Mai 2024

Os deberes para a nova directora de Función Pública

Representantes da CIG-Autonómica acudimos o martes 30 de abril a unha xuntanza de cortesía convocada pola nova directora xeral de Función Pública (DXFP), que agora pasa a chamarse Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (en diante, DXEP). Na xuntanza estaban presentes a nova DXEP, Nuria Aguilar Vázquez, e o anterior DXFP, José María Barreiro.  A...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.