Novas por contido

A Consellería de Medio Rural despois de varios anos ás voltas avanza a intención de separar ao persoal técnico e axente entre as direccións xerais de Planificación e Ordenación forestal (DXPOF) e a de Defensa do Monte (DXDM)

O pasado venres día 14 de abril tivemos unha primeira xuntanza onde o secretario xeral técnico (SXT) da Consellería de Medio Rural informounos moi por enriba deste cambio complexo que supón unha modificación substancial das condicións de traballo de parte do persoal axente e técnico. A CIG critica a falta de actitude negociadora por parte da Consellería, posto que solicitamos diversas reunións co secretario xeral técnico e non tivemos resposta.

A información que se nos facilitou foi “escasa” e seguen quedando unha chea de dúbidas sen aclarar. Dende a CIG manifestamos que unha negociación deste calado require dun coñecemento de tódalas cuestións básicas con carácter previo, pero a resposta da SXT foi que esta reunión non tiña carácter negociador, senón que se trataba dunha reunión informativa. Dende a CIG manifestamos que terían que remitirnos un documento para o proceso de negociación deste asunto que recollera alomenos as seguintes cuestións:

  • Repercusión económica dos postos.
  • Condicións de traballo onde se especifique o ámbito territorial, o ámbito funcional, a carga de traballo que quedaría neses postos e os horarios.
  • Situación de mobilidade dos postos así como a súa forma de provisión, se se vai realizar por concurso ou por unha adxudicación provisional.

As únicas cuestións que se nos trasladaron foron as seguintes:

  • Un 60% do persoal dependería da DXDM e un 40% da DXPOF. A distribución en números sería a seguinte:

    • Dependerían da DXDM entre 40 e 50 técnicos/as e entre 230 e 240 axentes.
    • E da DXPOF entre 31 e 41 técnicos/as e entre 130 e 140 axentes.

Neste apartado solicitamos que se nos aclare de onde saen os números do reparto de traballadores/as e expoñemos que a división proposta supón a necesidade de ter diñeiro dispoñible do Capítulo I pois os/as traballadores/as son escasos e unha especialización leva aparellada a necesidade de máis persoal.

  • En canto ás retribucións:
    • O persoal técnico deixaría de cobrar a produtividade das gardas e o complemento específico diferencial.
    • O persoal axente si mantería o complemento específico diferencial cobrando coma na Consellería de Medio Ambiente.
  • O persoal técnico que pase a depender da DXPOF prestará servizos de luns a venres de 8 a 15 horas

Pero a maiores desta información, seguimos sen coñecer cuestións básicas que afectarían a este proceso e por parte da Consellería non parece que teñan moita intención de aclarárnolas:

  1. Con respecto aos horarios do persoal axente, o mantemento do importe do complemento específico supón a posibilidade de realizar quendas de tarde ou horario partido, pero sen concretar nada mais específico (se se van realizar gardas en determinadas épocas ou se vai prestar servizos ocasionais en fins de semana).
  2. Non se nos aclara nada sobre a reordenación territorial e as cargas de traballo que obviamente vai implicar esta proposta.

O que si van facer é unha sondaxe entre o persoal afectado para ver cantas persoas quererían ir voluntariamente para cada dirección xeral. Por este motivo, remitiranlle ao persoal técnico e axente unha enquisa nominativa, de participación voluntaria e non vinculante, onde incluirán tanto a dirección xeral de adscrición de preferencia como a localización de prestación de servizos.

A CIG non aceptará unha enquisa na que non se aclare todo o solicitado na reunión. O secretario xeral informa que enviaran a enquisa ás organizacións sindicais e que dará un prazo para alegar.

Se pola vía da “voluntariedade” non cadran os números, pretenden facelo igualmente e aplicarían outros criterios que a día de hoxe descoñecemos.

Na CIG consideramos que calquera enquisa que se propoña debe incluír toda a información relevante que faga que o persoal poida manifestar a súa opinión coñecendo tódolos pros e contras, tanto no referente ás remuneracións, como do lugar e ámbito de prestación de servizos, das funcións a desenvolver e dos horarios a realizar.

Ademais, queremos lembrarlle á Consellería que calquera cuestión que se relacione coas condicións de traballo do persoal da administración galega ten que respectar os acordos vixentes, a normativa actual e seguir as canles e procedementos negociais regulamentados. Calquera outro proceder sería inadmisible e recordamos que non aceptaremos ningunha diminución nin perda de dereitos xa consolidados tanto no acordo do persoal técnico como no de axentes.

Rematada a xuntanza, consideramos que foi unha reunión baleira de contido e sen achega de ningunha información que non estivera no sucinto documento achegado ese mesmo día.

Quedamos á espera de recibir o modelo de enquisa que nos vai facilitar a Consellería para que poidas facernos chegar as túas achegas.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...