Novas por contido

O mércores 19 de abril de 2023, tivemos a primeira Comisión de Seguimento dende o ano 2019 para a vixilancia do réxime de prestacións de servizos e horarios. A esta Comisión de Seguimento acudiron a Xefa de Persoal, a Vicesecretaria Xeral o Subdirector Xeral de Gardacostas e o Xefe de Servizo de Protección de Recursos.

1. Seguimento do réxime de prestación de servizos e horarios.

Destacamos que non remiten as carteleiras dende o ano 2019, incumprindo o acordo polo que deben pasar para vixilancia un mes antes da sua aplicación. Por parte da Administración comprometéronse en envialas de novo.

Na CIG denunciamos a posibilidade de que se estean a facer carteleiras ficticias xa que na realidade os servizos son ben diferentes. Tamén destacamos a falta de equilibrio entre o persoal. Aínda que dixeron que era por dúas causas: a das ausencias do persoal polo motivo que sexa ou da organización do servizo. Está claro que ten moito que ver a falla de cobertura áxil de vacantes, non vacantes, baixas, permisos etc.

Proponse á consellería que soliciten aplicar un sistema na xestión das listas áxil como nos centros de Educación ou centros de Política Social (tárdase apenas un día).

A Administración vai enviar unha proposta para intentar regular as causas polas que se pode adaptar o calendario. Tamén quedaron en enviar unha proposta para definir os postos que deben ter un réxime horario diferente xa que non vale a escusa de que están por teléfono: se cobramos igual os servizos teñen que ser equitativos.

2. RPT do servizo de gardacostas

Logo da creación de prazas para reforzar as bases de Ferrol e Portosín na última modificación da relación de postos de traballo (coa amortización doutras), ofertaron en Comisión de Servizos estas novas prazas: temos de prazo ata o día 21. As que non se cubran en comisión tirarán de listas de contratación con persoal interino. Ademais dende a CIG reclamamos que se teñen que cubrir as non vacantes que se xeran pola cobertura en comisión de servizos, de non facerse suporía unha mingua de persoal nas bases de orixe.

Cobertura de vacantes: Levamos a vosa queixa da falta de coberturas que sobrecarga a outros compañeiros que incluso teñen que suplir outros postos para poder saír ou que simplemente non pode saír a embarcación: un prexuízo inaceptable para o servizo público, deben cubrise as prazas xa!!

3. Segunda actividade

As prazas para segunda actividade son insuficientes (4 para todo o País) e non cumpren o 5% previsto no decreto nin na lei de creación do servizo. Solicitamos unha para cada base e a sua cobertura inmediata, xa que están reguladas e que como moito deberiamos falar de funcións.

A consellería dixo que ía tramitar xa un concurso para esas prazas (as 4 que están na RPT), pero que co tempo que leva o trámite veremos se as teremos cubertas para antes de que remate o 2023.

Púxose enriba da mesa a cuestión das persoas que ten adaptación de funcións por razón de saúde. Entendemos que é un problema independente e que non se resolve coa segunda actividade, xa que a nosa segunda actividade é exclusivamente por razón de idade (non de saúde). Debe tratarse no Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

Lembramos que na segunda actividade non hai mingua retributiva e que se pode estar a dar a entender que si que a hai (interesadamente) e pode ser esta a razón de que non haxa persoas que a estean a demandar (segundo di a Consellería).

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...