Novas por contido

O pasado 21 e 22 de novembro tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Persoal, Mesa Xeral e Mesa Sectorial de negociación, nas que se trataron os seguintes asuntos: 1) actualización das axudas de custe, 2) integración do persoal laboral fixo de Ingacal en Agacal, 3) RPT de MR, Facenda e Sanidade, 4) decreto de investigadores/as. En rogos e preguntas o director xeral de Función Pública (DXFP) informou algunha cousa de procesos selectivos e os concursos de traslados. Quedou en dar resposta o venres doutra serie de preguntas e rogos que lle fixemos.

Actualización de axudas de custe

Actualizan as indemnizacións por desprazamento ao mesmo importe que na Admón. do Estado. Actualizan as indemnizacións por manutención e aloxamento creando grupos.

Estamos conformes co incremento das indemnizacións de quilometraxe. Pero manter os grupos de clasificación zumega clasismo. É inaceptable que nos casos de ordes de servizo, os importes para compensar gastos de durmida ou comida sexan diferentes segundo o grupo. Fede a alcanfor que segundo o caso, haxa diferenzas na calidade de hotel e menú.

O asunto pasou pola Mesa Xeral (MX) a semana pasada, e foi votado na Comisión de Persoal (CP) do martes 21. A CIG votou en contra. Os outros sindicatos (CCOO, CSIF e UGT), abstivéronse.

Orde de integración en Agacal do persoal laboral fixo de Ingacal

Afecta a 4 persoas, persoal laboral fixo de Ingacal. Pedimos explicacións sen éxito do atraso, xa que a primeira xuntanza fora en xaneiro de 2021. Nese primeiro borrador afectaba tamén ao persoal investigador, que agora queda fora (está en negociación unha normativa propia). Na CP os catro sindicatos votamos a favor.

RPT de Medio Rural

Non houbo negociación previa, só presentación da proposta. Negóusenos a información solicitada. Estamos conformes coa creación de postos para resolver a toma de posesión do persoal que superou o proceso selectivo. Pero rexeitamos o financiamento desas creacións, xa que van a cargo de futuras amortizacións por xubilación, operación que consideramos ilegal (consultaremos coa nosa asesoría xurídica). CIG votou en contra. CCOO e UGT a favor. CSIF abstívose.

RPT de Facenda

Tiveron en conta a nosa alegación principal: non abrir a estatutario/a o posto de Subdirección Xeral de Estudos, porque na Administración temos xente competente abondo. Discutido na Mesa Sectorial de Funcionarios/as (MSF), foi votado na CP do día 22, co voto favorable dos catro sindicatos.

RPT de Sanidade

Conformes coa creación dun posto de inspector farmacéutico de servizos sanitarios que atende ás necesidades, pero falta dotar de máis persoal outras comarcas. A CIG abstívose. CCOO e UGT votan a favor. E CSIF en contra.

Proxecto de decreto de organización, promoción e carreira profesional do persoal de investigación laboral

Insistimos en 3 asuntos primordiais antes de entrar ás alegacións do articulado:

  1. A obsesión en converter a todo o persoal investigador en persoal laboral. Queda fora o persoal funcionario e estatutario.
  2. A ausencia de medidas concretas na igualdade de xénero e a ausencia dun informe de impacto de xénero.
  3. Falta de ambición: deixar fóra do decreto ao persoal de xestión, administración e servizos facendo un decreto só para o persoal de investigación. E ademais deixar fóra a parte do persoal de investigación, porque só contemplan ao persoal técnico superior e sénior, deixando ao resto do persoal técnico fóra da carreira profesional.

Queren ter o decreto listo para final de ano. Teremos outra xuntanza o venres 24. Chámanos a atención unha proposta de CCOO: que para as excedencias, a maiores de Función Pública, se engada o requisito de informe favorable de Gain ou Acis.

Rogos e preguntas

O DXFP informou de:

Autobaremos: irán publicando.

Consorcio: RPT en vindeiros días. Convocarán unha xuntanza previa para repasar o que xa estaba feito (polo tempo que vai dende a anterior xuntanza).

Sinatura do acordo de PS: para a semana que ven.

Concursos de traslados:

- Bombeiros: engadirán para o concurso as prazas que crean.
- O xoves enviarán os cambios nas bases da convocatoria; convocarán unha xuntanza para a semana, para pechar a negociación.
- Os demais concursos irán convocando (sen máis concreción)

Procesos selectivos: rematando para elección de destino de A1-A2 de finanzas, bombeiro, bombeiro-condutor, emisorista-vixiante, enxeñeiros (de MR), libre e estabilización.
 

A maiores, preguntamos unha serie de cuestións das que o DXFP comprometeuse a preguntar e informar na seguinte xuntanza.

  • Comisión de listas escalas sanitarias: denunciamos o estancamento e opacidade da comisión de seguimento das listas de substitución de escalas sanitarias.

  • Fondos Europeos do plan de recuperación, transformación e resiliencia en Amtega: como é posíbel que a 2 de novembro do 2023 se aproben as medidas para o ano 2023 para a implantación do modelo de incentivos por cumprimento de obxectivos. Demandamos información dos grupos, dos bonos, das datas de aprobación, da negociación inexistente..

  • Asuntos propios en Política Social: esta consellería está a ser restritiva na súa interpretación dos días de asuntos propios para o persoal que presta servizos nos seus centros, xa que non quere recoñecer que no ano 2023 son 8 días e so acepta 6.

  • Concursos de traslados: queremos que os convoquen todos, e toma de posesión a 31/12/2024

  • Concursos específicos: é un fraude que permite ter a centos de persoas en comisión de servizos mentres amarran outro posto. Que recualifiquen todos os postos de CE e pasen a concurso ordinario.

Outras novas recentes

Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.