Novas por contido

Delegados e delegadas concentráronse diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate da Lei

Delegadas e delegados da CIG-Administración concentrámonos diante do Parlamento de Galiza para manifestar o noso rexeitamento a uns orzamentos da Xunta para 2024 que, un ano máis, non contemplan as medidas necesarias para mellorar as condicións laborais do persoal empregado público.

Como vimos facendo desde hai anos, na CIG-Administración denunciamos que esta lei segue avanzando na precarización das condicións laborais do persoal empregado público e non recolle a posibilidade de recuperar os dereitos perdidos.

A Lei de Orzamentos para 2024 non introduce as partidas orzamentarias precisas para crear as prazas necesarias para o funcionamento da propia administración pública, nin a posibilidade de derrogar a Lei de Medidas, o que permitiría recuperar os dereitos perdidos como o 1% de acción social, os días adicionais que se suprimiron con reformas pasadas e tamén recuperar cuestións que ten o persoal da Administración pendente de volver á mesa de negociación.

Nese sentido denunciamos que a Xunta non aceptou ningunha proposta de mellora na LEPG, como a de recoller os dereitos do V Convenio e que así o persoal laboral non perda os seus dereitos pola funcionarización masiva.

A Lei de Orzamentos deste ano non só non introduce todas estas cuestións senón que afonda máis no deterioro dos servizos públicos.

Xornada de 35 horas

Dende a federación da Administración Pública temos en marcha unha campaña polas implementación da xornada das 35 horas, que xa teñen contemplada outras administracións, como o SERGAS.

Para o persoal é fundamental a redución de xornada mais para iso fai falta máis persoal que faga fronte a este traballo. Iso, entre outras cuestións, tiña que estar recollido nos orzamentos da Xunta, pero non está.

Oposicións, promoción interna, concursos de traslados, carreira profesional 

Reclamamos comisións de servizo non discrecionais e negociadas a implantación da categoría superior no mundo funcionarial, a cobertura de todas as vacantes e o aumento dos cadros de persoal.

Ademais, dende a CIG-Administración demandamos convocatorias anuais de oposicións e promoción interna, concursos de traslados aberto e permanentes e un complemento de Carreira Profesional digno, negociado e para todos e todas.

Respecto do Plan de Igualdade da Xunta exiximos a súa mellora porque o aprobado recentemente non é máis que unha copia da Lei en vigor, sen achegar nada novo.

Outra das cuestión que demandamos é a revisión salarial anual aplicando o IPC real, a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos e a recuperación do Fondo de Acción Social FAS, equivalente ao valor do 1% da masa salarial.

Bombeiros comarcais

No decurso da concentración contamos cunha representación do colectivo de bombeiros comarcais que leva meses mobilizándose en demanda de condicións laborais dignas.

Os bombeiros comarcais están, desde o pasado venres, na praza do Obradoiro reclamando que as súas demandas sexan escoitadas e que as Administracións se aveñan a negociar melloras para garantir o funcionamento deste servizo público esencial.

 

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...