Novas por contido

A CIG pide o cese da xefa territorial de Ourense da Consellería de Sanidade por repartir a dedazo os postos de nivel sen “as funcións” e sen mover ao persoal ao posto adxudicado

Na CIG-Autonómica denunciamos a situación que dende fai anos está a acontecer nesta xefatura e específicamente no Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios de Ourense.

Neste servizo, a data de hoxe, están creados un total de 31 postos:

  • 3 xefaturas de sección (nivel 25)
  • 7 xefaturas de negociado (nivel 18)
  • 9 xefaturas de grupo (nivel 14)
  • 4 postos base C1
  • 8 postos base C2.

Destes 31 postos só 18 están de xeito efectivo no Servizo, xa que 7 están “recolocados” noutros servizos e 6 continúan vacantes e sen cubrir. Resulta inaceptábel que nun servizo tan importante como é a inspección sanitaria se afonde na precaridade con carencias de persoal.

Isto é porque non só existen postos vacantes sen cubrir, senón, e o que é máis grave, é que nun servizo destinado a exercer funcións de Inspección existen 7 persoas que non están no servizo, senón que están noutros diferentes cobrando como se estiveran no servizo.

A CIG-Autonómica tense reunido coa xefa territorial da Consellería de Sanidade polas súas formas ao dar as comisións de servizo, obviando ao propio persoal que está a realizar o traballo no departamento e premiando a persoas amigas doutros. Na CIG esiximos que o persoal ten que estar destinado no seu servizo e que cambiar as persoas dun servizo a outro é unha cacicada.

Dobre premio: nivel é área funcional

Neste servizo, os postos de xefaturas (seccións, negociados, grupos) son valorados no apartado Área funcional de inspección para concursos de traslados con ata 2,4 puntos, mentres que os postos base non teñen ningún tipo de valoración e, casualidade, todos os postos que están “trasladados a dedazo” noutros servizos son xefaturas, o que implica que teñen o plus de valoración de Área Funcional de Inspección cando o persoal que realmente fai o traballo queda fóra da área funcional.

En definitiva, as persoas en comisión de servizo que non están exercendo o traballo de inspección (fan o seu traballo noutros servizos) están acumulando puntos para o concurso de traslados, para a hora de solicitar as prazas de inspección cun grave prexuízo para o persoal que realmente exerce o seu traballo no Servizo de Inspección, con especial dano para o persoal que ocupa postos base.

Dende a CIG-Autonómica esiximos o cese inmediato da xefa territorial por continuar con estas practicas caciquís e de nepotismo claro, que todo o persoal ocupe o posto de traballo ao que está destinado e que de xeito inmediato se cubran as vacantes existentes.

 

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...