Novas por contido

A CIG-Autonómica presentou unha demanda no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o acordo que deixa sen efecto un artigo do convenio colectivo do persoal laboral da Administración Autonómica que afecta á promoción interna da Oferta de Emprego Público para o ano 2016.

A demanda da CIG-Autonómica vai contra os puntos primeiro, segundo e terceiro do acordo asinado o 24 de febreiro de 2016 por CC.OO, CSIF e UGT con Función Pública, onde deixan sen efecto para a OFERTA PÚBLICA DE EMPREGO de 2016 parte do V convenio colectivo.

Nese senso, queremos aclarar que o denunciado foi á modificación do artigo 9 do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galiza a través dun acordo que a CIG considera ilegal. Este artigo rubricado “Quenda de promoción interna e cambio de categoría” dispón, ou máis ben dispoñía, na súa alínea 4 que: “As vacantes non cubertas por esta quenda acumularanse á quenda de acceso libre”.

Con esta alteración do convenio colectivo as prazas de promoción interna que non se cubran, ELIMÍNANSE, de xeito que si o Tribunal dun proceso selectivo aproba a menos persoas candidatas que prazas na quenda de promoción interna, estas desaparecen sen acumularse á quenda libre, en contra do pactado entre os sindicatos asinantes do convenio colectivo e a Xunta de Galiza.

A CIG denuncia que o citado acordo que altera o convenio colectivo non foi obxecto de negociación polo Comité Intercentros, que é o órgano competente para a negociación do convenio (art. 46.6.a do V convenio).

Asemade, non se constituíu comisión negociadora (art. 89.1 Estatuto dos Traballadores) nin foi presentado para rexistro perante a autoridade laboral (art. 90.2 ET) nin foi obxecto de publicación oficial (art. 90.3 ET) no “Diario Oficial de Galicia”, como se ten feito en ocasións anteriores nas que se modificou o convenio.

Coa sinatura deste acordo estase tamén a inflar a oferta de emprego público de 2016 coa incorporación de prazas ofertadas en anos anteriores e que non foron convocadas en tempo.

CC.OO, CSIF e UGT permiten con este acordo que non haxa unha promoción interna real e efectiva naqueles grupos e categorías cunha maior demanda como son os grupos I e II.

Ao tempo, coa súa vergoñenta sumisión, permiten que nunha categoría xa convocada como é a de ORDENANZA non exista promoción interna, é dicir, toda aquela persoa que tiña aspiracións a promocionar dentro do grupo V para a categoría de ORDENANZA, pola incompetencia e complicidade destes sindicatos coa Administración, non o vai poder facer.

Grazas á colaboración destes “sindicatos” co goberno do Partido Popular, NON SE GARANTE EN NINGÚN MOMENTO A CONVOCATORIA DA OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 2016, tal e como aconteceu coa OPE 2015 que non se convocou.

A demagoxia e a manipulación é entendible no goberno do PP porque forma parte do seu ADN, mais o realmente lamentábel é que aqueles que se chaman a si mesmos sindicatos, participen dese xogo.

DENDE A CIG ESIXIMOS QUE SE CONVOQUEN O 100% DAS PRAZAS VACANTES, QUE SE RESPECTE O CONVENIO COLECTIVO, QUE SE FAGA UNHA PROMOCIÓN INTERNA REAL, E QUE AS PRAZAS NON CUBERTAS POR ESA QUENDA SE ACUMULEN Á OFERTA LIBRE.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...