Novas por contido

1.- Proposta de acordo polo que se constitúe a Comisión de seguimento sobre aplicación instrucións sobre o réxime vacacións, permisos e licenzas.

Apróbase a constitución da Comisión co voto a favor de todos os sindicatos e coa petición de que se convoque canto antes. A Administración comprometeuse a mandar a convocatoria o luns día 25 de abril. 

2.- Protocolo para a prevención do acoso laboral.

A CIG foi o único sindicato que criticou a falla de interese demostrado pola Administración durante case ano e medio  en relación a este documento.

A realidade é que durante moito tempo todo foron atrancos ás propostas sindicais, co argumento de que a asesoría xurídica informaba negativamente.

Finalmente os avances fundamentais déronse nos últimos dous meses, co recoñecemento por parte da Secretaria Xeral de Presidencia da súa nula implicación neste proceso negociador ata o final.

Sospeitando que queren aproveitar mediaticamente o acordo nun tema tan sensible como a prevención do acoso no traballo, recoñecemos que finalmente acadouse a unanimidade na redacción do documento final, que reflicte case a totalidade das alegacións que temos presentado.

Solicitamos ademais que nos prazos establecidos no citado protocolo se constitúa o comité de intervención e se imparta a formación ás persoas que o constitúan.

3.- Proxecto de decreto que modifica o Decreto 37/2006, que regula as contratacións temporais das prazas de persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia.

Presentan unha nova modificación importante no borrador do decreto, que fora alegada pola CIG. Co cal manifestamos que apoiamos o texto, tendo en conta que as modificacións que propoñen melloran considerablemente o texto actual, aínda que botamos en falta outra reunión de negociación previa á mesa. Asimesmo, tendo en conta que cremos necesario unha revisión máis profunda do decreto, o noso apoio tamén vai vencellado ao compromiso de que nunha data próxima nos convoquen para a negociación do decreto na súa totalidade.

A alegación aceptada refírese ao Artigo 18 (penalización) no apartado c) que coa modificación quedaría redactado do seguinte xeito:

A renuncia a unha praza reservada a persoal laboral con xornada igual ou inferior á metade da xornada ordinaria ou dunha praza de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez prestados seis meses de servizos activos nelas ao ano,  transcorridos dende a formalización do contrato. Establécese un prazo obrigatorio de preaviso ao servizo de persoal correspondente de vinte días naturais.

Con esta modificación entendemos que queda solucionada a situación daquelas persoas fixas-discontínuas que traballan 3 meses no ano, e para cumprir os 6 meses que se ían requirir para a renuncia á praza terían que esperar 2 anos.

Polo demais Función Pública informa que haberá unha reunión máis antes de ir á comisión, e que pode haber algunha modificación máis. A convocatoria será enviada nesta semana ou na seguinte.

4.- Rogos e preguntas:

Concurso de traslados do CIXTEC: Non houbo ningún cambio, está publicado dende decembro e non se convocou. Tomaron nota pero non informaron de nada.

Servizo de alerta epidemiolóxica: Segundo función pública a Consellería de Sanidade está buscando unha solución pero aínda non están rematadas as negociacións.

Equipos psicosociais do Imelga en Vigo:  Insistimos na falla de persoal nos equipos psicosociais. Respostan que xa foi contratado o equipo de reforzo, pero informámoslles , por si non son coñecedores, de que nun dos equipos hai unha baixa que se prevé de longa duración polo que a situación segue a ser urxente. Esiximos a cobertura da baixa.

RPT AGADIC: Haberá unha xuntanza previa á mesa, e como hai varias RPTs pendentes posiblemente as agruparán para levalas todas. Así que entendemos que irá cando estean rematadas as negociacións de todas as rpts que se están a negociar neste momento.

Eleccións destino enxeñeiros técnicos consolidación: Entre maio e xuño serán todas ou case todas as eleccións de destino pendentes.

Cronograma promoción interna: Están valorando a posibilidade de establecer unas datas orientativas do desenrolo do proceso. Nos trasladarán unha data aproximada do 1º exame.

Paga extra 2013: Están revisando e valorando as sentenzas. Denunciamos que este so é un atraso inxustificado na execución, e un gasto de medios e cartos por parte da Administración.

Integración Turgalicia: Preguntamos a Función Pública se houbo algún cambio dende a última mesa. Naquel momento trasladóusenos a posibilidade de integración do persoal de Turgalicia, agás o da Escola de Hostalería, que quedaría para  máis adiante dado que a administración considera que ten máis dificultade.

O motivo polo que preguntamos é porque temos a certeza de que algúns sindicatos estanse a reunir coa xerente e están a trasladarlle ao persoal varias opción posibles respecto desta integración das que a CIG non tivo coñecemento.

Entendemos que nunha negociación deste tipo teñen que estar todos os sindicatos informados ao mesmo tempo. O director de Función Pública di que non ten coñecemento de ningunha novidade, e descoñece esas reunión coa xerente. En todo caso, falará coa Xerencia de Turgalicia para informarse ao respecto.

Comisión de seguimento do acordo de veterinarios: Están traballando no decreto de función e nos convocarán durante o mes de maio.

Bases de gardacostas: Sairán nestas próximas semanas. Segundo o director son das prioritarias.

Outras informacións:

Concurso de traslados de Laborais: están traballando nel.

Integración Ingacal e Agader: Aínda non están os estatutos adaptados á LOFAXGA. En canto estean comezarán os procesos.

Denominación bombeiros forestais: Falarán con Medio Rural. Non lles consta que haxa ningunha reunión pendente. Referente ao escrito presentado polos catro sindicatos di que se nos convocará “oportunamente”.

Datas oposicións libre: Na primeira semana de maio determinaranse as datas.

Oposicións veterinarios: Nas semanas próximas.

- Concurso corpos xerais: manteñen que a toma de posesión será antes do verán, sen concretar data.

- Procesos selectivos corpos especiais 2015: no mes de maio haberá mais tomas de posesión de corpos e escalas pendentes.

- Procesos selectivos corpos xerais: manteñen que as datas de acceso libre serán no mes de xuño, pero sen concretar día.

- Bases concurso traslados grupos IV e V do persoal laboral: que están traballando nelas a ver si as poden mandar no mes de maio.

- Denuncia praza Portos de Galicia: que segundo eles tratase dunha praza de LD, e que como está xudicializado o tema agardarán ao pronunciamento dos tribunais.

- Titulación acceso a prazas de Biólogos: que se vai aceptar a titulación de Ciencias do Mar para o acceso a esta Escala.

Outras novas recentes

Luns, 30 Marzo 2026

Convocatoria de oposición de vixilancia de estradas e mobilidade (C1), concurso, PI e outros (MSF 27/03/2026)

Resumo da Mesa Sectorial do Persoal Funcionario de 27/03/2026, pola convocatoria do proceso selectivo a vixilancia de estradas e mobilidade. Na rolda aberta de intervencións tratáronse os seguintes temas: concursos de traslados (cronograma e postos retirados), concurso de traslados e eleición de destinos de corpos xerais, xornada de 35 horas, convocatorias de promoción...
Martes, 24 Marzo 2026

Onde están as 35 horas na Xunta? Oito anos sen avances

Coa Administración Xeral do Estado a piques de pechar a implantación das 35 horas, na Galiza seguimos nas 37,5 semanais. A Xunta tivo desde 2018 capacidade legal para reducir a xornada, pero nin o fixo nin o acordo de concertación de 2019 incorporou medidas reais. Nós, o persoal da Xunta de Galiza, seguimos nas 37,5 semanais. Non é unha cuestión legal, é falta de vontade...
Martes, 24 Marzo 2026

Aproban o novo PLADIGA 2026 sen negociar, una ano máis

A Xunta impón un novo PLADIGA 2026, tras un 2025 marcado polo conflito, o incumprimento de acordos e o caos na xestión da vaga de lumes Na CIG-Autonómica denunciamos que a Xunta de Galiza volve actuar de maneira unilateral, aprobando e anunciando o PLADIGA 2026 (Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza), sen negociación previa e ignorando...