Novas por contido

O mércores 13/07/2011, vén de realizarse unha nova xuntanza entre as organizacións sindicais representativas e a Dirección Xeral da Función Pública sobre o concurso de traslados e a modificación das RPT de persoal veterinario das consellerías de Medio Rural, Sanidade e Mar.

Como novidade de última hora, a Administración informou ás OOSS de que se retirará da Orde do día da mesa xeral de empregados públicos prevista para mañá xoves 14/07/2011 o punto referido á reforma do decreto de funcións do persoal veterinario. Desde a CIG non estábamos de acordo coa proposta de reforma do decreto que se enviou á mesa xeral; non obstante, consideramos que a orde lóxica tería sido primeiro reformar o concurso, despois as RPT e, por último, convocar o concurso de traslados.

A Administración informou tamén de que neste concurso de traslados non se ofertarán os postos de Xefatura de Área (Medio Rural) que foran provisionadas no seu momento por libre designación,e que por unha sentenza do Tribunal Superior de 2005 pasaron a ser de concurso. O argumento exhibido pola Administración é que a normativa de provisión de postos da Xunta de Galicia non prevé vías de cesamento de funcionarios que foron designados para ocupar en destino definitivo postos de libre designación, cando os postos que ocupan pasan a ser de concurso. A Administración argumenta tamén que a normativa supletoria estatal de provisión de postos si prevé que o cesamento de funcionarios que accederon a postos de libre designación cando os postos pasan a ser de concurso, trasladándosenos por parte de Función Pública que a posibilidade do cesamento das persoas que ocupan eses postos é xuridicamente interpretable e, en todo caso, potestativa para a Consellería de Medio Rural.

Desde a CIG manifestámonos en contra desta interpretación, xa que entendemos que na práctica supón baleirar de contido a sentenza que declarou que os postos de Xefatura de Área de Medio Rural son de concurso, ao perpetuar indefinidamente neses postos ás persoas que no seu momento foron nomeadas polo sistema de libre designación, que foi anulado pola referida sentenza do TSXG.

Respecto da elección de destino definitivo das persoas que superaron o proceso selectivo da OEP 2005, Función Pública informou que será inmediata, realizándose en canto se coñezan os postos dispoñibles logo da resolución do concurso de traslados. A este respecto, Función Pública indicou que están pendentes de que se dite sentenza sobre o recurso contra o artigo 8 do decreto polo que se aprobou a OEP 2008.

Especificamente en relación á RPT da consellería do Mar, reiteramos o noso frontal desacordo coa integración do persoal veterinario en Gardacostas, así como a localización dos postos en Servizos Centrais, cando o traballo material que deberán desenvolver estará repartido por toda a xeografía costeira galega. En conxunto, estamos en desacordo coa inclusión de requisitos indispensables nos postos, o que na práctica supón que se priva da posibilidade de acceder aos mesmos por parte da xeneralidade do persoal.

En relación á fase de resultas no concurso de traslados: Función Pública mantivo que non aceptan que haxa fase de resultas. Desde a CIG e o resto das organizacións manifestámonos coa máxima contundencia en contra de que se eliminen as resultas, tendo en conta ademais que Función Pública non pode garantir que non se lle vaian ofrecer ao persoal de novo ingreso postos sen que pasen por un concurso.

Tamén no que atinxe ás bases do concurso de traslados, demandamos que se engadise ao apartado de formación todas aquelas áreas formativas que se desprenden do decreto de funcións: así mesmo, demandamos que se compute como formación a coordinación de cursos formativos da EGAP e non só a asistencia aos mesmos.

Demandamos tamén que se pechen para persoal da Xunta de Galicia os postos de traballo abertos a outras administracións, por entender que non se xustifica esa apertura sen criterios de reciprocidade: a Administración informa de que non acepta retirar a apertura a outras AAPP porque non se supera a porcentaxe do 5% sobre o total dos postos, nin para persoal veterinario nin tampouco computándoo no conxunto da Administración autonómica.

Respecto do pedimento de que se procure unha vía para posibilitar que o persoal veterinario concurse aos postos de Admón. especial abertos a outros corpos especiais, a Administración limitouse a informar de que eses postos serán ofertados no concurso de corpos especiais.

Función Pública, por último, concretou que haberá 354 postos ofertados.

Fóra da orde do día, a CIG preguntou tamén polas seguintes cuestións de interese:

  • OEP 2009 (convocatorias pendentes): Función Pública informou de que nos vindeiros días anunciará un novo “cronograma” actualizado. Antes as preguntas da CIG demandando unha maior concreción, indicóusenos que o dito cronograma coñecerase, en todo caso, antes de rematar o mes de xullo.

  • Concursos de traslados anunciados: Función Pública informou de que a previsión é convocar coa maior brevidade o concurso de laborais grupos I-IV, quedando o concurso de corpos especiais para a volta do verán. Canto ao próximo concurso de corpos xerais, Función Pública informou que aínda non poden facilitarnos unha previsión en firme sobre as datas, pero que en todo caso será prioritario o de corpos especiais.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...