Máis que CIG-Autonómica

A CIG presentará a primeira hora deste martes, 27 de marzo, para a súa tramitación polo procedemento especial de protección de dereitos fundamentais, un recurso contencioso-administrativo contra o decreto de servizos mínimos ditados pola Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galiza, publicado no DOG do 26/03/2012. A central sindical considera que os servizos mínimos estabelecidos para a folga xeral convocada para o día 29 de marzo resultan abusivos e contrarios ao dereito fundamental de folga que recoñece o artigo 28.1 da Constitución. A CIG solicita así mesmo a suspensión cautelar do decreto. 

A CIG entende que con este decreto, procúrase unha “neutralización dos efectos do conflito mediante a asignación duns recursos de tempo e persoal absolutamente desproporcionados”, máis alá do que deben ser considerados servizos esenciais.

Engade que a fixación de servizos mínimos realízase “sen cumprir os estritos requisitos de motivación sobre a necesidade de tales servizos”. Por iso, demanda a adopción de medida cautelar de suspensión “dada a súa palmaria falta de motivación e o seu carácter abusivo”, tal como aconteceu cos decretos de servizos mínimos das dúas últimas folgas xerais.

Para a central sindical, a imposición duns servizos mínimos tan elevados nunha folga inminente, dunha xornada de duración, producirá de forma inmediata unha restrición antixurídica do contido do dereito fundamental, que converte en inviábeis os lexítimos fins perseguidos coa convocatoria de folga.

A CIG lembra que nun suposto similar a este, pronunciouse esa mesma Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza no seu Auto do 19 de xuño de 2002 (Arz. RJCA 2002, 693), que concedeu aos sindicatos recorrentes a medida cautelar de suspensión solicitada, establecendo como mínimos “para a atención dos servizos públicos esenciais, o mesmo persoal que permanece nos seus postos con ocasión dun domingo ou dunha xornada festiva».

Xunto a isto, salienta que nas últimas dúas folgas xerais convocadas en Galiza, que tiveron lugar os días 29 de setembro de 2010 e 27 de xaneiro de 2011, a impugnación dos servizos mínimos decretados pola Administración autonómica deu lugar a sentenzas estimatorias desa Sala.

Considera que o decreto terxiversa e cuestiona o contido das resolucións xudiciais, porque se limita a estabelecer que o persoal que debe permanecer nos seus postos como nun domingo ou nunha xornada festiva é o dos servizos administrativos propios da administración xeral e non o do conxunto dos servizos públicos e que confunde deliberadamente os conceptos de servizos esenciais e servizos mínimos, estabelecendo a errónea ecuación de que a esencialidade dos servizos xustifica a imposición dos servizos mínimos.

En referencia a este aspecto, recóllese -para xustificar a solicitude de suspensión cautelar do decreto- do Auto do 19 de xuño de 2002, a cita na que se especifica que «o feito de que un servizo poida ter a consideración de esencial non implica que non poida verse privado de actividade con motivo da folga, agás que a esencialidade determine, caso de inactividade total, unha paralización que afecte gravemente á vida da colectividade, pois é obvio que non cabe estabelecer parangón entre, por unha banda, a sanidade, corpo de bombeiros, seguridade pública, cidadá e polo outro, a educación, por exemplo, cuxa paralización, por un día, non produce o pernicioso efecto social que derivaría servizos do non funcionamento de aqueles outros. Pero é máis, aínda neste caso, tampouco resultaría lóxico que con sustento nesa esencialidade dos servizos, se estabeleceran, respecto dos mesmos, uns mínimos que fixeran cana (sic) a folga convocada até tal punto de burlar o dereito á folga que a Constitución recoñece pois se consagra, ponderación de intereses a que antes aludíamos obriga a compaxinar o funcionamento do servizo, coa pretensión particular da parte recorrente e co interese social comunitario, razón pola que, en situación de confrontación social, no que nos ocupa, ha ostentarse bastante o funcionamento, aínda menor intensidade da normal, do servizo correspondente».

Para a CIG, este carácter abusivo dos servizos é palmario no caso dos servizos concesionarios en transporte público de viaxeiros, servizos regulares de uso especial para transporte de escolares e traballadores, educación e universidades, dependencias xudiciais, radio e televisión públicas, etc.

Do mesmo xeito, salienta a ausencia de xustificación da imposición de servizos mínimos superiores a anteriores folgas na Compañía de Radio Televisión de Galicia e as súas sociedades. A este respecto, lémbrase que o propio Tribunal Supremo ditaminou, en 2007 que “manter un servizo implica a prestación dos traballos necesarios para a cobertura mínima dos dereitos, liberdades ou bens que o propio servizo satisfai, pero sen acadar o nivel de rendemento habitual”, engadindo a isto, outra sentenza que tamén resulta aplicábel e extensíbel “á programación informativa durante a xornada de folga, sen que poida xustificarse sen máis a exixencia dunha ‘normal programación informativa’”.


Descargar o Decreto 23/2012 polo que se regulan os servizos mínimos na folga xeral do 29M

Descargar o recurso contencioso presentado pola CIG

Outras novas recentes

Luns, 29 Novembro 2021

Borradores de procesos selectivos: A1-Informática e C1-Gardacostas

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos os borradores das convocatorias dos seguintes procesos selectivos: A1-Escala de sistemas e tecnoloxía da información. Son 16 prazas da OEP do 2021, de acceso libre mediante o sistema selectivo de oposición. Descargar. C1-Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza. Son 22 prazas das OEP 2018 (10) e 2021 (12), das que...
Luns, 29 Novembro 2021

Reunión co DX de Ordenación e Planificación Forestal. 24/11/2021

O DXOPF da Consellería de Medio Rural ten que acceder a reunirse ca CIG despois da presión exercida polos representantes dos traballadores Despois de mais de 1 ano solicitando varias reunións co director xeral, onde poder tratar diversos temas que atinxen tanto o bon funcionamento da Administración, como que o administrado teña un trato mais próximo a Administración e...