Os días 13 e 14 de novembro tivemos Mesa Xeral de Negociación, Comisión de Persoal e unha xuntanza previa co director xeral de Función Pública, nas que tratamos asuntos relativos a concursos de traslados, procesos selectivos e máis. 

Concurso de traslados de corpos xerais

As bases da convocatoria levan xa meses aprobadas en Comisión de Persoal pero pendentes de publicación en DOG. Daquela manifestaramos o problema de desigualdade que xenera o feito de que algunha consellería non teña adaptada a RPT ás áreas funcionais. A DXFP propón agora unha modificación das bases para que a puntuación en méritos específicos por áreas funcionais sexa a correspondente coa RPT vixente no momento da publicación do baremo provisional (que prevén en 2/3 meses), e non a do fin de prazo de presentación de solicitude. Con este cambio podería dar tempo a actualizar as áreas funcionais nalgunha consellería. A CIG está en contra das áreas funcionais (non se aplica a postos base, e non aceptan a formación como alternativa), pero este cambio compensa parcialmente unha desigualdade, polo que votamos a favor do cambio.

A previsión que nos trasladan é publicar o concurso antes de rematar o mes de novembro. A semana que ven diranos a data concreta. O motivo do atraso estaría en que queren convocar simultaneamente os procesos selectivos de corpos xerais.

Reclamamos a inclusión dos postos de cultura creados na RPT aprobada na Comisión de Persoal do 14 de novembro.

 

Outros concursos de traslados

Persoal veterinario: enviarán borrador entre finais de novembro e primeiros de decembro.

Resto de Administración especial: Función pública di que se vai por cos borradores cando comecen os traballos co concurso xeral.

Persoal laboral: Negan a concurso de traslados previo a funcionarización. Nós seguimos coa teima da súa necesidade, xa que van pechar a moito persoal en escalas sen posibilidade logo de moverse como antes.

 

Procesos selectivos

Promoción interna e acceso libre a corpos xerais pendente de convocar: os borradores de promoción interna separada do acceso libre enviaránolos nuns días. No acceso libre que nos enviaron o día 13 (A1, A2, C1 e C2), e que tamén contiña promoción interna conxunta con acceso libre, din que foi un erro e só será acceso libre. Queremos lembrar que CCOO, UGT e Xunta comprometéronse no Acordo de concertación a incluír unha promoción interna separada do 40% nas Ofertas de Emprego dos anos 2019 e 2020. Os números non dan. En A1 e A2 de libre podería entrar exercicio de desenvolvemento de temas (din que sería unha excepción ao que pactaron no Acordo de concertación). Vamos, que seguimos sen criterio común nas bases de convocatorias, a bandazos segundo o caso, e con algúns sindicatos de aplaudidores.

Promoción interna corpos xerais actualmente en execución: darán información da súa previsión na vindeira Mesa Xeral.

Persoal subalterno e ordenanza (convocatoria 11/3/19), e auxiliar de clínica (convocatoria 21/2/19): o primeiro exercicio levará un atraso duns 3-4 meses máis.

Veterinarios/as (convocatoria 7/8/17): aínda non está claro como vai ser o seu destino. A intención do DXFP é dárllelo definitivo unha vez resolto o concurso de traslados (que aínda está sen convocar); din que a maioría son actuais interinos/as e en función diso estarían a valorar se darlles un destino provisional ou deixalos no posto en que están ata que se resolva o concurso. Para a CIG, haberá que atopar unha solución que conxugue o interese de quen non quera moverse do posto por uns meses e de quen quera comezar a traballar ou moverse de sitio. 

Veterinarios/as pendente de convocar: suprimiron temas, pero vemos que nalgún caso en realidade son fusións de temas. 

Biólogos/as: din que a convocatoria vai ser como outras de estabilización.

 

Máis asuntos tratados nas xuntanzas

Nas xuntanzas deses días tratáronse máis asuntos: RPT de Política Social e Cultura, modificación do decreto de listas e xubilación parcial anticipada.  Ir á nota informativa destes asuntos.