Novas por contido

A raiz da modificación da RPT da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio onde esta consellaría introduce na modificación unha columna onde se encadran determinados postos de traballo de persoal funcionario en determinadas áreas funcionais, Función Pública facilitanos un documento que aborda este asunto que non foi negociado nin na Mesa Xeral nin na Sectorial de funcionarios/as e por suposto tampouco se lle deu publicidade e que afecta en moito ás condicións de traballo e mobilidade do persoal funcionario.

O documento en cuestión recolle a creación de 5 áreas funcionais onde encadrar moitos dos postos de persoal funcionario, en concreto serían as áreas de:

  • Contratación: nela incardinaranse aqueles postos que tramiten expediente de contratación administrativa. A tramitación do orzamento de contratación considerarase como actividade accesoria e, polo tanto, non determinante da área funcional do posto.
  • Económica-orzamentaria: para os postos que leven a xestión económica (orzamentaria e extraorzamentaria), así como funcións de contabilidade e tesourería.
  • Persoal: corresponderá esta área a aqueles postos de traballo con funcións de tramitación de nóminas, seguridade social, xestión de persoal e riscos laborais. 
  • Xurídica: Elaboración de disposicións de carácter xeral ou informes.
  • Inspección: postos que teñan atribuídas actuacións de inspección de centros e/ou actuacións.

A suposta pretensión desta agrupación dos postos de traballo en áreas é homoxeneizar os postos que desempeñan funcións similares e evitar a singularización que ademais supón problemas á hora de certificar méritos por exemplo nos concursos de traslados.

Para nós o problema fundamental que se crea é que se non se garante a posibilidade de que mediante a formación, o persoal funcionario poida acceder a postos de distintas áreas, ou si esta formación non é equivalente á experiencia, se está creando en realidade en muro infranqueábel mediante a creación de escalas virtuais de funcionarios e concursos específicos encubertos.

Estas son as ALEGACIÓNS presentadas pola CIG:

DOCUMENTO SEN SOPORTE XURÍDICO

• Os criterios fixados neste documento ao respecto da creación de áreas funcionais xa se están a utilizar na actual modificación da RPT da CMAOT, aínda que incomprensibelmente de xeito errado pois estanse aplicando a postos de corpos especias (encadrados na área funcional de INSPECCIÓN), algo que exclúe o dito documento.

• Na Lei 2/2015, de emprego público de Galiza, non aparece de xeito expreso a posibilidade de agrupar postos de traballo por áreas funcionais, senón referencias as especialidades, méritos e requisitos dos postos en atención as funcións que configuran a singularización de determinados postos de traballo sen ter en perspectiva a agrupación de tales postos.

• Tampouco hai referencia as áreas funcionais na Orde do 21 de novembro de 1989, pola que se fixan os criterios xerais para a elaboración das RPT's da Comunidade Autónoma de Galiza, e polo que se aproba o modelo e se ditan instrucións para o cubrir.

• Estamos polo tanto ante un regulamento de desenvolvemento dunha lei que non foi negociado polos cauces formais, nin pretende ser publicado e que se esta a aplicar nunha modificación dunha RPT.

Por todo isto, e como primeira consideración desta central sindical, apreciamos que un documento que recolle cambios desta envergadura, que afecta e poden afectar ás condicións laborais e os dereitos de mobilidade e promoción profesional do persoal funcionario, e que non se recollen de xeito expreso na Lei 2/2015, debe adoptar a forma xurídica adecuada, pública, e polas canles formais de negociación colectiva. 

ESCASO DESENVOLVEMENTO, CONTRADICIÓNS E PSEUDOESCALAS

Como proba do escaso desenvolvemento do documento, observamos que só se cita como motivación e única implicación da creación das ditas ÁREAS FUNCIONAIS a certificación de determinados méritos a raíz da experiencia nos concursos de traslados, cuestión esta última que nos parece útil e máis obxectiva que a certificación de méritos actual en base a experiencia.

Tamén resulta preciso facer un estudo máis en profundidade das realidades na totalidade dos postos de corpos xerais (excluídas escalas, segundo se cita) por non deixar fóra outras potenciais ÁREAS FUNCIONAIS: saúde laboral, subvencións... Apreciamos contradicións, ademais, no feito da creación dunha ÁREA FUNCIONAL de INSPECCIÓN cando o propio documento exclúe tanto os corpos especiais como as escalas dos corpos xerais, onde se concentra a maior parte da actividade inspectora. Xurde aquí a dúbida de se a Administración pretende incluír tamén nesta área á totalidade de postos incardinados en oficinas de inspección que non fan os ditos traballos de inspección directa, pois de excluír escalas e corpos especiais, sería practicamente os únicos que poderían encadrarse.

Independentemente da necesidade dunha negociación máis en profundidade, real e formal, sobre a creación de ditas áreas, a súa configuración, a necesidade ou non de determinadas áreas con características substantivas diferenciadas doutras, ou a apreciación de agrupar postos, cousa a que esta central sindical en principio non se opón, si consideramos que nos termos nos que esta redactado este documento, a Dirección Xeral da Función Publica esta creando de facto escalas dos corpos xerais sorteando deste xeito ao lexislador. Este extremo fai máis preciso aínda, a necesidade de dotar dunha forma xurídica adecuada ao dito documento.

FORMACIÓN EQUIVALENTE

Por outra banda, se existe a necesidade organizativa de agrupar postos en áreas funcionais, segundo a apreciación da Administración, consideramos que isto non pode ser un impedimento para mobilidade, nin para a cobertura dos postos de ditas áreas por calquera persoal funcionario que reúna os requisitos que o posto esixe en atención ao corpo, nivel ou requisitos específicos. As áreas deben ser permeables e debe permitirse que calquera persoal funcionario que reúna os requisitos para o desempeño poida optar a eles en igualdade de condicións. De aí que a creación de áreas deba estar ligada a unha oferta formativa que garanta que calquera persoa poida ter a formación suficiente para acceder aos postos da area que desexe e que a formación especifica non deba complementar a experiencia neses postos senón suplila, de xeito que si se establece como requisito ou mérito, este poida ser cumprido ou acreditado indistintamente ben como experiencia nos postos desa area, ben coa acreditación da formación específica necesaria.

E en congruencia con esta formulación, tamén parece lóxico que aínda que nas RPT's aparezan os postos definidos dentro de áreas, a hora da súa provisión, non se teñan en conta os requisitos esixidos ata que se desenvolva esa oferta formativa que poida permitir a todo o persoal funcionario optar en condicións de igualdade a ditos postos. Do contrario estariamos ante un feito discriminatorio e de facto ante concursos específicos en cinco áreas diferentes.

En conclusión, se ben non nos opoñemos a creación das áreas funcionais, e dadas as implicacións que pode ter nos dereitos de mobilidade e promoción profesional do persoal funcionario, demandamos que o documentos da DXFP se separe da negociación da RPT da CMAOT , se lle dea a forma xurídica adecuada e se leve polos cauces formais da negociación colectiva, con tempo suficiente a ser completado e mellorado. De non facelo, esta central sindical se reserva o dereito de acudir á vía xudicial.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...
Mércores, 18 Decembro 2024

Consellarías de Educación e de Economía van adiante co traspaso forzoso e non negociado de persoal propio, laboral e funcionarial de GAIN

A última hora da xornada laboral do 16 de decembro, dende a dirección da Axencia Galega de Innovación (GAIN) remítesenos o texto oficial do 2º Acordo de traspaso: adscripción de postos con nivel orgánico inferior a sevizo e traspaso de créditos asignados aos servizos traspasado, entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...