Na Comisión de Persoal do xoves 17 de xullo quedaron aprobadas as convocatorias de cinco procesos selectivos (ciencias do mar, profesores/as e mestres de taller de escolas náutico-pesqueiras, xefes/as de brigada e bombeiro/a forestal+condutor).

Na rolda aberta de intervencións falouse de: centros de ensino, titulacións, Fides, consorcio, concursos de traslados, procesos selectivos, cobro do 0,5%, ..

CARREIRA PROFESIONAL PARA SETEMBRO

Xunto coa Comisión de Persoal, estaban convocadas unhas mesas de negociación para a carreira profesional EXTRAORDINARIA xunto co decreto de avaliación do desempeño e a carreira ORDINARIA. Os sindicatos, por acordo unánime, solicitamos que a negociación do decreto de avaliación do desempeño e a carreira ORDINARIA quedasen para setembro, pois estamos a falar dun decreto dun impacto enorme no persoal (falamos de avaliacións subxectivas que mesmo pode levar á perda de destino), e non podiamos aceptar que despachasen o tema en dúas semanas do verán, sen dar opción a que os compañeiros e compañeiras coñecesen a proposta.

A petición sindical de adiar para setembro referíase ao decreto de avaliación do desempeño e carreira ORDINARIA. Nada impide que a carreira EXTRAORDINARIA continuase co seu trámite, pois é un texto que xa o temos dende decembro e xa alegamos dúas veces. Aínda que non compartimos o modelo, nin as porcentaxes en catro anos, nin o número de horas de formación, nin as exclusións, e outras cuestións, estamos seguros que xa existe un acordo con outros sindicatos, así que o mesmo que os demais, defendemos que quedase aprobado xa neste mes de xullo.

A directora xeral de Emprego Público e Administración do Persoal (DXEP) aceptou deixar esta negociación para setembro. Pero forzou a que tamén quedase para ese momento a negociación da carreira EXTRAORDINARIA dos graos I, II e III, argumentando que ese era o criterio da súa dirección xeral porque no decreto de avaliación aparecen unhas disposicións transitorias que vinculan a carreira ORDINARIA e EXTRAORDINARIA.

Quede claro que aínda que a carreira EXTRAORDINARIA se aprobe en setembro, os seus efectos económicos serán dende o día 1 de xaneiro de 2025.

PROCESO SELECTIVO A1-CIENCIAS DO MAR

Convocan 4 prazas (1 para promoción interna), da OEP-2024. A DXEP acepta incorporar a petición da CIG de permitir a promoción interna horizontal, de xeito que poderá participarse tanto dende A2 como A1. Pero seguimos reclamando a forma de acceso mediante concurso-oposición, mudar o 2º exercicio a un suposto práctico tipo test e non desenvolvemento de temas, rexeitamos que o primeiro exercicio teña dous cortes o que fai que efectivamente se converta en dúas probas.

A convocatoria queda aprobada co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT.

PROCESO SELECTIVO A1-PROFESOR/A ESCOLAS NÁUTICO-PESQUEIRAS, DIVERSAS ESPECIALIDADES

Convocan 12 prazas da OEP-2024, das seguintes especialidades: 4 (1PI) navegación marítima, 2 (1PI) pesca marítima, 1 bioloxía pesqueira, 2 (1PI) máquinas e instalacións mariñas, 1 inglés marítimo, 1 formación e orientación laboral e 1 procesos sanitarios. Expuxemos os mesmos argumentos que para o proceso de Ciencias do Mar.

A convocatoria queda aprobada co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT.

PROCESO SELECTIVO A1-MESTRE/A DE TALLER DE ESCOLAS NÁUTICO-PESQUEIRAS

Convocan 2 prazas (1 para P.I.) da OEP-2024, da especialidade de máquinas e produción. Mesmos argumentos que para os procesos anteriores.

A convocatoria queda aprobada co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT.

PROCESO SELECTIVO XEFE/A DE BRIGADA (III-100)

Convocan 71 prazas (3 discapacidade, 36 promoción interna), da OEP-2023. Este proceso é de concurso-oposición e aceptaron pasar do 20/80 ao 40/60. Baixan o corte do primeiro exercicio ao 40% e amplían os tempos para realizar o exercicio físico. Tamén modifican a fase de concurso. Pero neste proceso prima o feito de que o 2º exercicio (proba física), non se valora con apto/non apto, senón que hai puntuación por tempos. A CIG considera que debe ser unha proba de resistencia física, non unha competición atlética.

A convocatoria quedou aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT.

PROCESO SELECTIVO V-14 (BOMBEIRO/A FORESTAL) E V-14A (BOMBEIRO/A FORESTAL CONDUTOR)

Para V-14 convocan 181 prazas (9 discapacidade, 91 promoción interna) da OEP-2023. Para V-14A convocan 75 prazas (3 discapacidade, 8 promoción interna) da OEP-2023. Cos mesmos argumentos, quedou aprobada co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT.

ROLDA ABERTA DE INTERVENCIÓNS

Concursos de traslados

  • Corpos xerais: están a elaborar o baremo provisional. Non dá datas para a súa publicación
  • Concurso de enxeñarías-ciencias-arquitecturas: foron 2 os postos que retiraron do concurso ao recibir autos de medidas cautelares; engade que os 2 foron consecuencia de sentenzas por preitos ordinarios, e que non recibiron medidas cautelares por extensión de sentencia. Engaden que no referido ao concurso, xa non caben máis medidas cautelares, porque xa se adxudicaron os postos. Queren sacar en xullo as eleccións de destino das escalas vinculadas a este concurso
  • Escalas facultativos (escalas sociais): publican a convocatoria no DOG do 22 de xullo
  • Arqueoloxía, restauración, delineantes, arquivos, etc.: listas provisionais de persoas admitidas/excluídas publican en DOG do 23 de xullo.

Pago do 0,5%: confirma que respectarán a información que deron, pero non ten data para a publicación en DOG da Orde de confección de nóminas.

Desaparición de formación no Fides: facemos saber que recibimos numerosas queixas da desaparición de cursos de formación que estaban no Portax, e desapareceron no transvase ao Fides. Temos que dicirlle á xente que faga pantallazos para demostrar que tiñan os cursos ben metidos? A resposta da DXEP é que non ten constancia e solicita que lle deamos máis información. Reitera que só están a validar agora os expedientes necesarios de persoas que participan en concursos de traslados ou en procesos selectivos.

Permisos no Consorcio: CIG comunica que seguimos con problemas para realizar a cobertura de postos por substitución (permisos, etc.). Como exemplo das consecuencias relatamos que hai centros nos que están a reducir horarios das escolas infantís. Pero afecta a todos os centros. Xa presentamos queixa e seguen sen solucionar. E hai que avisar ao Consorcio que cumpra a RPT, non lle pode variar unilateralmente as condicións aos postos de traballo: en referencia a contratar por media xornada cando o posto é de xornada completa na RPT. A DXEP resposta que falarán co Consorcio.

Comisións de servizos a postos de axentes forestais-C2: insistimos en pedir a sentenza que xustifica a cobertura de prazas dunha escala a outra diferente que está declarada extinta.

Prazas vacantes de axentes medioambientais sen ocupar: a DXEP di descoñecer as causas e comprométese a pescudar.

Listas de substitución do decreto 37/2006, por unificación dos grupos II, III e IV saen publicadas no DOG do 23/07/2025.