Na Mesa xeral de negociación de persoal empregado público tratouse a Oferta de Emprego Público do ano 2026 para a Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e dos seus entes instrumentais, agás a OEP das escalas sanitarias. Na rolda aberta de intervencións falouse da elección de destino de corpos xerais, de problemas coa formación da EGAP para o persoal do Consorcio, e lios coas listas de substitución de PSX e xerocultoras/es.

OEP 2026

Este ano, a Xunta desmelenouse: por primeira vez en moitos anos trouxeron á mesa de negociación no mes de abril a OEP, e non nos últimos días de decembro, como é o habitual. Así que parabéns por este acelerón. A ver se espabilan en todo e non pasa mais dun ano ata as convocatorias, e como moito outro máis ata a resolución de cada un dos procesos.

O que non cambia son as formas: entregaron os anexos de prazas a véspera, pola tarde, sen tempo a analizalo, cando xa o difundiran á prensa, antes de negocialo coa representación legal do persoal.

Haberá promoción interna separada, mediante concurso-oposición, só para corpos xerais, permitindo participar a A2-consumo e turismo para ir a A1-superior, e para as escalas de Agrupación Profesional que poderán ir a C2-auxiliar. Tamén haberá de C1-consumo a A2-consumo. A CIG reclama promoción interna separada co 50% da oferta en todas as escalas, vertical e horizontal en todos os casos recíprocamente de xeito que o persoal funcionario que cumpra coa titulación poida moverse de escala. Tamén reclamamos á Xunta que se implique en promover que o Estado faga os cambios normativos necesarios para permitir a promoción saltando grupos.

En canto aos destinos de promoción interna, rexeitamos a obriga de permanecer no posto nos casos en que este estea aberto ao subgrupo ao que se promociona. E queremos que os reclasifiquen cando sexa posible, ou polo menos que artellen algún sistema que facilite conservar ou a localidade ou unha zona próxima.

O acceso libre tamén terá promoción interna, conxunta. Non indican a forma de acceso (quedará a criterio de cada convocatoria).

En canto á funcionarización do persoal laboral fixo, non se trata dunha "repesca", senon de persoas en excedencia que solicitaron o reingreso. 

A discapacidade vai ao 12%, co 2% para intelectuais. Estes últimos serán en convocatorias separadas.

Manteñen a inmoralidade de que as escalas de grupo B queden en C1. Xa tiveron tempo dende que existe a Lei de emprego público de Galiza, e non hai ningún tipo de impedimento a que o Parlamento de Galiza faga as adaptacións necesarias sen requirir normativa estatal previa.

Tribunais: non concordamos que a paridade deba ser polo conxunto da oferta. Queremos que sexa tribunal a tribunal. Tamén que as persoas sexan seleccionadas por sorteo ou algún outro método fora da designación a dedo.

Para rematar, a OEP das escalas sanitarias é a única que queda fora. Os decretos de estrutura de Sergas e Sanidade prevén o seu traspado á DXEP. Que o fagan xa.

Descargar
Criterios da OEP         Anexo de prazas

ROLDA ABERTA DE INTERVENCIÓNS

Formación da Egap para o persoal substituto do Consorcio: conseguir un curso de formación na Egap é moi complicado pero cando o persoal substituto do Consorcio conseguen praza nun curso, reciben un aviso da EGAP conforme son excluidas porque non aparecen con contrato na base de datos que Función Pública mecaniza cos datos das altas e ceses. Cando se lle pide explicación a Función Pública, o que se indica é que non teñen esa información mecanizada porque o Consorcio non a trasladou. O grave é que as perxudicadas son as traballadoras substitutas do Consorcio, sendo moi numerosos os casos que xa están reflexando por rexistro e mail as súas queixas. Solicitamos dende a CIG unha aclaración e solución ao respecto.

As categorías de psx e persoal xerocultor non están na relación de categorías e escalas que se relacionan no Fides cando te queres anotar nas listas de contratación (nin como listas abertas nin como listas pechadas). Segundo o decreto de listas, se unha lista está pechada pódeste anotar se tes méritos que achegar (tempo traballado). Nestas dúas categorías non hai esa posibilidade porque non aparecen. As listas que están agora en xestión (baremándose) destas dúas categorías son dos anos 2019 e 2020 e non as volveron a abrir e hai bastantes traballadoras que están prestando servizos nas listas do Consorcio que entraton por selección do INEM e que poderían anotarse nunha lista pechada. Os centros de traballo tamén saen prexudicados desta situación porque non van ter persoal suficiente para cobertura de vacacións (especialmente grave para os centros de maiores co persoal xerocultor).

Responde a DXEP que falará con Consorcio para aclarar estas cuestións.