O deber legal de capacitar o persoal público en galego non pode depender de convenios temporais nin asentarse na precariedade laboral
A CIG esixe a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, ao que a Xunta duplicou a carga de traballo dende o 1 de setembro. A sobrecarga pon en risco os prazos, a atención ao alumnado e a calidade da formación.
Na primeira xuntanza para negociar as condicións laborais do colectivo, celebrada o 8 de setembro, a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude recoñeceu que o problema xa existía antes da estabilización derivada da Lei 20/2021. Porén, presentou unha solución provisional baseada en horas complementarias, sen garantir nin a xornada completa nin a actividade durante os doce meses.
A Administración non achegou informes sobre o tempo necesario para desenvolver as tarefas, a carga efectiva, a demanda atendida e non atendida, o financiamento, o impacto de xénero ou o custo da ampliación. Escúdase na anualidade orzamentaria, na dependencia de convenios e fondos externos e nos límites previstos para incrementar determinadas partidas en 2027. Para a CIG, nada disto xustifica unha precariedade que dura décadas.
Unha necesidade permanente tratada como temporal
Os 18 postos da relación de postos de traballo, a media xornada e con só sete meses de actividade anual, non abondan para atender unha demanda elevadísima. En 2024 a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocou oficialmente 750 prazas para os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega (LAG e LXG) fronte ao redor de 5.000 solicitudes —únicos datos facilitados pola propia Escola—. Milleiros de persoas empregadas públicas fican sen formación ano tras ano.
Os cursos Celga, LAG e LXG préstanse de maneira continuada dende hai décadas. A reiteración da actividade, a renovación anual dos convenios e a propia estabilización dos postos acreditan unha necesidade estrutural. A súa natureza non muda porque se financie mediante fondos ou convenios temporais. A Xunta non pode manter durante anos un servizo permanente con financiamento provisional e empregar despois a falla de orzamento para negar a xornada completa e a estabilidade laboral.
Formar en galego é un deber legal permanente
A formación lingüística en lingua galega non é unha actividade ordinaria nin accesoria. Está ligada ao dereito da cidadanía a empregar esta lingua, á obriga dos poderes públicos de garantilo e á capacitación do persoal para atender, redactar e tramitar en galego con corrección e seguridade.
O artigo 3.1.i) da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, na redacción dada pola Lei 10/1989, atribúelle a capacitación do persoal, a difusión e normalización do galego na Administración e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica. Son deberes públicos permanentes, non tarefas subordinadas á existencia dun convenio anual.
Nun contexto de perda de falantes, feble presenza do galego en ámbitos profesionais e competencia insuficiente por parte do persoal público, a formación especializada resulta indispensábel. Non abonda con acreditar coñecementos xerais: cómpre garantir unha capacidade efectiva para traballar en galego con calidade.
A proposta do goberno da Xunta da actualización do Plan xeral de normalización da lingua Galega en 2026 recoñece a elevada demanda, a insuficiencia da oferta especializada e o limitado protagonismo da EGAP, da Academia Galega de Seguridade Pública e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. É contraditorio anunciar a revitalización do idioma mentres se precariza o persoal encargado de facela posíbel. Un plan sen persoal suficiente, estabilidade, orzamento e avaliación non é unha política lingüística efectiva: é propaganda.
Persoal precario e distribución opaca do traballo
A CIG reclamou información sobre quen imparte e titoriza os cursos, coordina a formación, realiza as segundas e terceiras correccións, elabora materiais e exames ou participa nas avaliacións. Tamén pediu datos sobre convenios, entidades asinantes, horas, retribucións e compatibilidades.
Segundo a información trasladada polo colectivo, parte destas tarefas estaría a ser realizada por persoal doutras escalas da Xunta ou doutras administracións que xa traballa a xornada completa. A Secretaría Xeral Técnica non aclarou o alcance destas colaboracións nin a distribución efectiva da carga.
Para a CIG é inaceptábel manter o persoal propio a media xornada e con actividade descontinua mentres parte das súas funcións se atribúen a outras persoas como segunda actividade. O traballo estrutural debe corresponder ao colectivo que o ten encomendado. As colaboracións externas, de existiren, deben ser excepcionais, complementarias, motivadas e transparentes, nunca substitutivas do cadro propio.
Unha precariedade con faciana de muller
En 2016, o colectivo de persoas colaboradoras estaba integrado por 51 mulleres e 11 homes: un 82 % de mulleres, tendencia que se mantén. A parcialidade, a descontinuidade e a imprevisibilidade prexudican as retribucións, a cotización, a protección social e a conciliación. A CIG-Administración Autonómica reclama que se avalíe expresamente este impacto de xénero.
As deficientes condicións económicas provocaron varias renuncias após a estabilización. A Administración non fixou un prazo certo para publicar a relación complementaria dos procesos selectivos e adía até 2027 a posíbel incorporación de persoal. A CIG-Administración Autonómica esixe a cobertura inmediata e unha listaxe específica, consonte o Decreto 37/2006, para substituír con axilidade baixas, permisos e renuncias. Parte do colectivo comunicou, ademais, a presentación dunha denuncia perante a Inspección de Traballo. A negociación non pode limitar os dereitos nin as accións individuais ou colectivas xa iniciadas.
Xa non caben máis parches! Solución xa!
