Novas por contido

A Xunta de Persoal de Servizos Centrais vén de facer público un comunicado no que fai un chamamento xenérico ao conxunto de traballadoras e traballadores públicos con respecto ás eleccións do vindeiro 21 de outubro.

Neste comunicado faise un percorrido polos case 4 anos de Goberno do PP en Galiza e os efectos sobre os Servizos Públicos e o conxunto dos seus traballadores. Destácase tamén no comunicado que a política de austeridade tradúcese en recortes exclusivamente á clase traballadora co único fin de compensar desmandados financeiros. Xa que logo,  faise un chamamento á participación e a exercer un voto "en consecuencia".

CHAMAMENTO AO CONXUNTO DOS EMPREGADOS E EMPREGADAS PÚBLICAS CON RESPECTO ÁS ELECCIÓNS DO VINDEIRO DÍA 21 DE OUTUBRO


Esta Xunta de Persoal, órgano de representación do persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia, perante as vindeiras eleccións autonómicas manifesta o seguinte:

  • Que o goberno actual da Xunta de Galicia, dende que chegou ao goberno en 2009, implantou unha política de acoso e derribo ao colectivo de empregados e empregadas públicas e contra os Servizos Públicos en xeral.

  • Que o desprezo á nosa labor foi exercido polo presidente da Xunta e varios dos seus conselleiros coma unha constante das súas actuacións, ben en forma de declaracións públicas falsas e argumentacións falaces ou ben impulsando cambios normativos dirixidos a recortar e limar os dereitos adquiridos polos empregados e empregadas públicas.

  • Que o goberno actual da Xunta, aprobou en febreiro deste ano unha lei de Medidas de Aforro que recortou todos os nosos dereitos de xeito brutal.

  • Que este goberno implantou unha por unha e coa máxima celeridade todas e cada unhas das medidas impostas dende o goberno central e nunca procurou atopar unha saída favorable ou compensatoria para paliar calquera delas.

  • Que as chamadas ao aforro e á austeridade, en base ás que se aplican estes recortes, non se corresponden con indultos millonarios a cargos do partido do actual goberno sancionados por Medio Ambiente, subvencións á prensa que non se recortan, campañas de publicidade institucional, contratación de asistencias técnicas, encomendas de xestión de expedientes administrativos para empresas privadas, xestión privada dos Servizos Sociais e a negativa a instalar software libre. Todas estas, actuacións levadas a cabo polo actual goberno da Xunta.

  • Que nestes tres anos e medio o proceso de desmantelamento dos Servizos Públicos, acelerouse co actual goberno, en base ao antes relatado e apoiándoo principalmente en amortizacións, ausencia das coberturas das baixas, taxas de reposición cero e unha ameaza clara e brutal de despedimentos xerais na Xunta de Galicia.

  • Que entre supresión da paga extra, conxelacións e reducións, o salario público dos empregados e empregadas públicas da Xunta de Galicia minguou máis dun 20 % con respecto ao IPC dende o ano 2009.

Por todo isto facemos un chamamento para que esixamos cos nosos votos que se garantan uns Servizos Públicos e de Calidade e que este voto se exerza dende a responsabilidade. Entendemos que as políticas do actual goberno baséanse en recortes á clase traballadora co único fin de compensar desmandados financeiros.

Non pedimos un voto a favor de ninguén pero si o pedimos para que, tendo en conta o anteriormente exposto e dadas as políticas actuais, se emita un voto en consecuencia, facendo tamén un chamamento á participación. Así mesmo, esiximos publicamente ao resto de partidos, un compromiso claro e manifesto para que revertan esta situación e que se comprometan a devolvernos todos os dereitos perdidos ao conxunto das empregadas e empregados públicos.

*Nota remitida á prensa

Outras novas recentes

Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...
Luns, 29 Abril 2024

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio en Galiza

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo Precarización das condicións laborais e de vida A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de...
Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...