Novas por contido

O dereito á flexibilización da xornada laboral é unha vella demanda da nosa central sindical que ten como primeira materialización, despois de moito atraso, a Orde achegada pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa a comezos do mes de maio.

Porén nesta Orde, a Xunta de Galiza volve a administrar os nosos dereitos ao máis puro estilo discrecional. Mentres na Administración Xeral do Estado (AXE) a flexibilización particular exércese de xeito automático e cun control mensual, aquí comprende unha autorización previa e cun control semanal. Por se fora pouco, establécese unha xornada de especial dedicación (40 horas) e un horario especial (xornada partida) de xeito nada transparente, sen definir nesta orde a que postos se van referir, nin destacar a súa regulación vía RPT, con relación, entre outras, as súas peculiaridades retributivas.

Dentro da Administración moderna que pretende implantar Feijóo non cabe a participación da representación dos traballadores e traballadoras. Por non recoller, non recolle nin o dereito que recoñece a lei que crea a flexibilización por motivos familiares a ser ouvida a representación sindical, senón que o reduce a unha simple comunicación. Desde a CIG insistimos en participar en todos aquelas cuestións referentes á xornada laboral e horarios tal e como recoñece o EBEP.

Este texto é unha oportunidade de sentarnos a negociar e tratar de mellorar o dereito das traballadoras e traballadores públicos á conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Porén, a negociación ten que partir de que o obxectivo é facilitar o exercicio deste dereito e que, mentres o traballo se faga, as decisións sobre o exercicio dos dereitos dos traballadores deben depender dos propios traballadores.

Principais alegacións da CIG-Autonómica á Orde de xornada laboral, flexibilización e teletraballo:

  • Aplicación ao persoal non docente dos centros educativos.

  • A compatibilidade ou non da flexibilidade co teletraballo debería valorarse en cada caso concreto e non limitarse con carácter xeral.

  • O límite máximo permitido para completar a xornada deberá ser, en calquera caso, superior ás 18:30 sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto. As 18:30h debera ser un obxectivo de mínimos. Isto resulta máis grave na flexibilización por motivos familares xa que a lei de igualdade recoñece o dereito ao horario máis amplo posible. Para facer real o dereito á esta flexibilización, o responsable de cada centro ou edificio administrativo será encargado de facilitar os medios para dispoñer o acceso e saída, dentro do horario de referencia mínimo establecido.

  • Unha flexibilización por interese particular con autorización previa só estaría xustificada cando implique partir a xornada ou ter un horario de presenza obrigada diferente ao habitual. Para a maioría dos casos, onde non se parta a xornada e o horario de presenza obrigada é suficientemente amplo, a flexibilización por interese particular debe ser automática, perdendo xa que logo o sentido a “compensación diaria”. Propoñemos que calquera tipo de flexibilización horaria, o cómputo de horas teña que ser cumprido en termos mensuais, tal e como opera na AXE, que por outra parte, resulta de máis fácil control para a Administración.

  • Solicitamos que todas as autorizacións de flexibilidade e o teletraballo que precisen informe sexa tamén ouvida a representación sindical en función do dereito recoñecido no artigo 40 do EBEP.

  • Calquera réxime de horario ou xornada de traballo distinto do xeral deberá estar contemplado necesariamente nas características do posto recollidas na correspondente Relación de Postos de Traballo e a súa imposición deberá ser negociada coa representación sindical das empregadas e empregados públicos. Por exemplo: fala esta orde de que os postos “de apoio, técnicos ou administrativos” cando resulte máis axeitado para o desenvolvemento das funcións asignadas en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas.  Hai que ter en conta que son potencialmente a maior parte do persoal e estes criterios nin quedan definidos aquí nin se deriva á rpt, senón que quedaría a criterio discrecional da unidade. Tamén falta un desenvolvemento específico desta orde para o caso daqueles traballadores con horarios especiais distintos que non teñen un traballo de oficina.

  • Igualar a duración da pausa regulamentaria do persoal funcionario coa establecida para o persoal laboral da Xunta de Galiza no V convenio colectivo (30 min) e para o persoal da Administración Xeral do Estado (30 min) na Resolución do 28 de decembro de 2012 (BOE 29/12/2012)

  • Destacar que o control horario será tamén efectivo será aplicable a todos os empregados públicos, incluíndo as persoas titulares de subdirección xeral, xefaturas de servizo e xefaturas territoriais e todos aqueles suxeitos a dispoñibilidade horaria ou que realicen horas extras.

  • Introdución das novas tecnoloxías na tramitación dos procedementos e redución dos prazos. Validez das comunicacións electrónicas na comunicación e xustfiicación de ausencias.

  • Na xustificación de ausencias, non considerar como tales aquelas que se poidan compensar mensualmente.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...