Novas por contido

A CIG-Autonómica vén de ter coñecemento de que a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración de Discapacidade, vén de ofertarlle a parte do persoal funcionario a realización de horas extras para axilizar a tramitación de recursos de alzada.

É de coñecemento público que a Consellería de Traballo e, en particular a área de Dependencia, vén distinguíndose nos últimos tempos polas amortizacións de postos de traballo e despedimentos de persoal. Agora, de xeito pouco comprensible, despois da supresión de postos de carácter administrativo nos servizos de Dependencia, a consellería atópase necesitada de persoal e recorre á realización de horas extras para poder cumprir co seu cometido ante a cidadanía.

Todo un "éxito" de xestión e planificación, verificable por exemplo co que se afirmaba pola Consellería de Traballo na memoria funcional da RPT que suprimiu tres postos en Vigo, onde agora se demandan horas extras aos traballadores:


b.3 Auxiliares administrativos da Xefatura Territorial de Vigo
En relación aos tres auxiliares administrativos da Xefatura Territorial de Vigo, que na actualidade están destinados no servicio de dependencia e autonomía personal, o traballo por eles desenvolvido é perfectamente asumible polo resto dos traballadores desta unidade.

Cómpre precisar que neste momento se están empezando a resolver os recursos de alzada presentados no ano 2010. Isto quere dicir que, cando se suprimiron os postos de traballo, xa existía o mesmo problema que na actualidade. A única diferencia é que agora a Administración está a recibir as resolucións dos contenciosos-administrativos recoñecendo o dereito dos administrados, e cargándoselle á Xunta as costas do xuizo cos intereses do que debía de ter pagado no seu momento.

Desde a CIG-Autonómica constatamos, ademais da inverosimilitude dos argumentos cos que se xustificaron os despedimentos, a opacidade coa que está a operar a Consellería de Traballo na xestión das horas extras:

- Non houbo ningún tipo de información previa por parte de Traballo ás organizacións sindicais: a Conselleria determinou unilateralmente a contía que pagaría a cada traballador (desde 35,87 €/hora para o subgrupo A1 até 16,69 €/hora para o subgrupo C2); tampouco houbo ningún tipo de consulta previa sobre os criterios de selección que seguirá a Conselleria en caso de concorrencia de pedimentos. A modo de exemplo: un titulado do A1, facendo 6 horas diarias durante 22 días laborables, ao final do mes costaríalle a Xunta 4.734,84 € en horas extras.

- Esta falta total de información é agravada polo feito de que a Lei de orzamentos de 2014 suprimiu o tope de 2.000 euros/ano que cada funcionario podía recibir como máximo en concepto de gratificación por servizos prestados fóra da xornada laboral. Isto facilitará que haxa funcionarios que poidan superar esa contía mentres a outros non se lles dá opción a realizar as ditas horas extras.

- A ausencia de control increméntase tamén pola elevación a 40.000 euros/ano da contía da que poden dispoñer as consellerías para este concepto sen seren autorizadas polo Consello da Xunta (antes da aprobación da Lei de orzamentos de 2014, as consellerías precisaban autorización do Consello da Xunta se suparaban os 20.000 euros/ano).

En resumo: SI hai carga de traballo. Sempre a houbo, e precisamente a acumulación de traballo se debe aos recortes en materia de persoal e á sobrecarga sobre o resto dos traballadores.

Desde a CIG-Autonómica consideramos que a solución á acumulación de traballo só pode pasar por CONTRATAR persoal a través das listas de substitución e non en facer horas extras, que ademais de inmoral e opaco, despois de despedir a persoal é caro.

Por outro lado, desde a CIG-Autonómica denunciamos que esta demanda de horas extras proba que a Xunta está a recadar cartos de forma fraudulenta, ao cobrar unha taxa para inscribirse nunhas listas que logo non usa, empregando os cartos para pagar horas extras e asistencias técnicas.  

Outras novas recentes

Martes, 04 Agosto 2026

Adxudicacións de destinos (esc. sociais e infantís, pers. aux. coidador), cesamentos de persoal temporal e carreira (CP 31/07/26)

Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de...
Luns, 03 Agosto 2026

Modificación da RPT de Medio Ambiente e Cambio Climático (29/07/2026)

Nesta xuntanza por parte da CIG solicitamos que o persoal que actualmente non fai quendas poida manter a súa situación até que a praza quede vacante; insistimos na urxencia de abrir a negociación integral das condicións de  traballo da escala de Recursos Naturais e Forestais; e reiteramos a nosa solicitude de abril para abrir unha negociación global sobre quendas, domingos e...
Martes, 11 Agosto 2026

A Consellaría do Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF

O luns día 10 de agosto a Consellaría do Medio Rural e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT asinaron uns acordos parciais para o persoal do SPIF que entenden que son un logro sen precedentes. Para a CIG isto dista moito da realidade. Deseguido explicámosche o porque.En primeiro lugar, a Consellería tiña moita présa en pechar estes acordos en pleno verán; tanta, que...