Novas por contido

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais vén de emitir unha nota de prensa con motivo da admisión a trámite do Valedor do Pobo da queixa pola falta de resposta constante de distintos departamentos ante as súas solicitudes de xuntanza, información ou propostas de mellora. Contra esta situación xa levarán a cabo varias actuacións de protesta no ano 2012 e a situación persiste:

"A Xunta de Persoal Funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, órgano de representación que abrangue a uns 3.000 funcionarias e funcionarios, vén de recibir unha comunicación por parte do Valedor do Pobo na que comunica a admisión a trámite da queixa presentada a finais de xaneiro pasado debido ao ninguneo constante ao que somete a Xunta de Galicia ao persoal traballador público.

Esta xunta de persoal acumula perto de 70 escritos sen resposta remitidos a diferentes departamentos da Xunta de Galicia entre maio de 2011 e xuño de 2013. Neses escritos solicitábase información ou simplemente que se recibise a esta representación dos traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia. Unha copia deses escritos sen resposta foron trasladados ao Valedor do Pobo acompañados dunha queixa denunciando o silencio por parte do Goberno Autonómico.

Esta morea de escritos presentados, dirixidos a diferentes departamentos e unidades, tentaban responder as inquedanzas do persoal traballador público dende aspectos tales como problemas de acceso aos centros, usos dos aparcamentos destinados ao persoal, recortes na presenza da seguridade nos centros públicos, información sobre o control horario, solicitude de cobertura de prazas, información sobre o traslado de unidades administrativas, deficiencias nos edificios administrativos, instalación dunha sala de lactación e outros.

Así mesmo, tamén se requiriu á Administración sobre cuestións tales como varias interpelacións ao Presidente da Xunta, entre outras, cando fixo comentarios fóra de lugar sobre os seus empregados e empregadas públicas ou solicitude de información sobre a privatización dos Servizos Públicos e contratas externas, datos concretos de amortizacións de prazas ou o abuso das comisións de servizo.

Agora quen require información ao Goberno da Xunta de Galicia é o Valedor do Pobo, institución que, logo da presentación da nosa queixa, acaba de emprazar á Administración da Comunidade Autónoma para que dea resposta de por que non contesta ao órgano de representación das traballadoras e traballadores públicos dos Servizos Centrais.

 Dende esta Xunta de Persoal congratulámonos publicamente polo feito de que o Valedor do Pobo admitira a trámite a queixa. Por outra banda, confiamos nas xestións que está a realizar a este respecto e agardamos que frutifiquen e obteñamos a resposta e a información requirida no seu momento, dado que ese é o obxectivo que nos moveu e nos moverá á hora de efectuar estas demandas."

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...