Novas por contido

Tras dous meses sen dar sinais de vida, fomos convocados a discutir a RPT de Medio Ambiente, a de Medio Rural, a do IGVS, do IET, de Facenda e do GAIN. Seis RPTs, a maiores do protocolo para a prevención de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo, e da proposta de Decreto de funcionarización do persoal laboral fixo.

Todo ese contido quixeron despachalo entre a Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos do venres 7 de xuño, e unha xuntanza previa o día anterior. Un enorme volume de documentación sen tempo para estudala, ao que engadiron nova documentación achegada durante as propias reunións. En definitiva, unha fraude á obriga de negociación colectiva que recolle a lei, polo que exploraremos a viabilidade de medidas xudiciais.

A previsión é a seguinte:

  • O mércores 12 de xuño haberá unha Comisión de Persoal onde aprobarán o seguinte: protocolo de acoso laboral, RPT de Facenda, RPT do IET e RPT do Medio Rural.
  • O resto, queda para unha seguinte Comisión de Persoal.

RPT MEDIO RURAL

Unha RPT moi grande chea de erros. A consellería, para alegrarnos o día, enviounos o xoves 6 de xuño a resposta ás alegacións que presentaramos, á mesma hora á que estabamos reunidos con Función Pública para discutir as RPTs. Ante a inxente cantidade de documentación que tivemos que estudar en poucas horas, foi imposíbel prestar a máis mínima atención ao que nos enviaron a última hora. En definitiva, unha falta de respecto á negociación colectiva.

Xa que logo, a CIG solicitou a retirada do punto da orde do día, pretensión non aceptada polo director xeral de Función Pública, polo que a CIG, ante a falta de resposta ás alegacións presentadas (non contamos o documento que nos enviaron sen tempo para estudalo), procedeu a facer un repaso polo miúdo ás alegacións, para desesperación do resto de asistentes á Mesa Xeral.

Finalmente o director xeral de Función Pública informa que o martes 11 habería unha reunión para seguir discutindo esta RPT. Engade estoutra información:

  • Haberá unha negociación posterior sobre as oficinas agrarias.
  • Van recoñecer pluses a 16 postos de viveiros.
  • Van incorporar aos veterinarios que faltan ao acordo de veterinarios.
  • Todos os postos ocupados de laborais fixos de 9 meses van a pasar a 12 e funcionarizarse.

Descargar proposta enviada para a Mesa Xeral.

RPT MATV

As reunións que tivemos para discutir esta RPT en realidade non foron para negociar, senón simples reunións para corrixir erros. Porque o desta RPT é de traca: non houbo información veraz e a tempo, non tivemos información correcta, non houbo negociación real e efectiva. Imposíbel traballar coa documentación que nos enviaron. E para colmo, ata na mesma Mesa Xeral fannos entrega dun novo documento. Vamos, outra RPT candidata a ir pola vía xudicial por incumprimento do deber de negociación colectiva e por falta de axuda mutua e por actuar de mala fe.

  • Non entendemos como crean postos novos con pluses salariais, e ao tempo deixan nun centro a un único posto sen pluses.
  • Néganse a modificar as prazas dos axentes medioambientais e delineantes para adaptar a RPT ao que manda a Lei do emprego público de Galiza.
  • Mentres que noutros casos corren moito a meter requisitos de titulación, resulta que para as prazas de Meteogalicia non poñen os requisitos necesarios. A ver que predición meteorolóxica vai facer un licenciado en dereito se collen os postos cando teñan que analizar as isóbaras.
  • Manteñen os parques sen persoal.
  • Outra vez prometen abordar os problemas do persoal do parque das Illas Atlánticas (unha vez máis). Finalmente comprométense a que antes de rematar este mes constituiremos un grupo de traballo entre FP, consellería e sindicatos.

Descargar proposta enviada para a Mesa Xeral (Descargar 1 de 2Descargar 2 de 2.)

RPT IET

Outra RPT na que non se negociou, senón que só se corrixiron erros. E iso a medias, pois continúan as incongruencias entre os documentos que nos achegan. Meten en RPT postos de tres persoas non integradas na Xunta, o que pode dar lugar a posteriores demandas xudiciais. Descargar proposta enviada para a Mesa Xeral.

RPT FACENDA

Para esta proposta non houbo xuntanzas previas. Informa o DXFP que se trata simplemente de modificar tres postos de Función Pública, engadindo área funcional e retirando titulación. Descargar proposta enviada para a Mesa Xeral.

RPT IGVS

A CIG reclama resposta xustificada ás alegacións presentadas. Absurdo que manteñan méritos e titulación en postos asignados a áreas funcionais. Descargar proposta enviada para a Mesa Xeral.

RPT GAIN

Comprometéronse a ter unha xuntanza máis. Negamos que estea correctamente negociado. Non houbo cambios na estrutura, así que non entendemos que creen un posto de estrutura sen estar esta modificada. Non nos facilitaron a memoria funcional nin económica. Reclamamos ter as sentenzas que afectan aos postos. Rexeitamos a amortización de postos vacantes. A representación do GAIN afirma que en breve traerán unha RPT de pluses. Descargar proposta enviada para a Mesa Xeral.

MODIFICACIÓN PROTOCOLO PREVENCIÓN ACOSO LABORAL

O documento está pactado entre Administración e os catro sindicatos, polo que todos nos limitamos a dicir que estabamos conformes, pero tendo en conta que tardaron tres anos en darnos a formación especializada en acoso laboral e, polo tanto, tendo agora maiores coñecementos na materia, demandamos un compromiso de deixar aberta a porta a modificacións posteriores. A representación da Administración acepta o compromiso. Descargar proposta enviada para a Mesa Xeral.

DECRETO FUNCIONARIZACIÓN

Pola súa extensión, tratámolo nunha nota informativa á parte.