Novas por contido

A CIG obrigou a conselleira a dar explicacións no Parlamento galego

A conselleira de Política Social fixo o martes 12 caso omiso das advertencias a respecto da problemática laboral que repercute negativamente na calidade asistencial dos centros da súa competencia, entre eles os de maiores e os de menores. A comparecencia de Fabiola García produciuse a petición dos grupos parlamentarios da oposición, aos que a CIG-Autonómica lles trasladou a situación real dos cadros de persoal e da atención aos usuarios/as.

Dende a CIG denunciamos que a comparecencia da titular de Política Social foi exercicio de demagoxia e de propaganda electoral e lamentamos que se centrase case unicamente en louvar as bondades das donacións privadas por parte da Fundación de Amancio Ortega mediante a que se crearán sete novos centros nas principais cidades do país. O que non precisou en ningún momento, a pesar de que se lle interpelou en distintas ocasións, foi se a xestión dos centros vai ser pública ou privada.

A conselleira botou man de datos moi cuestionábeis para xustificar a situación actual de falta de persoal e das condicións laborais de pseudo explotación que padecen as traballadoras/es. Lembremos que o propio Consello de Contas de Galiza recoñece a non substitución de persoal “Tras inspeccionar só 10 centros constatou que había da orde de 10.022 días sen substitucións de persoal (vacacións, permisos, etc.), o que equivalería á contratación de 7 enfermeiras/os e 40 Tecae”.

En canto ao ratios de persoal nos centros, a CIG sostén que a Consellaría falsea os datos para dar a entender que se cumpren. Ademais, a adaptación de postos de traballo tampouco se cubre co persoal necesario, xa que o aumento de traballadoras/es con problemas físicos derivados da excesiva carga de traballo, e que como consecuencia están limitadoas/os laboralmente, non é cuantificado nin cuberto, o que aumenta a carga de traballo do conxunto do persoal.

A isto hai que sumar que os cadros de persoal están cada vez máis envellecidos e que usuarias/os son máis dependentes pola súa maior idade. Como consecuencia, é a Consellaría que maior número de baixas e sinistralidade laboral rexistra.

Recorte de dereitos

A maiores, estes centros atenden a persoas con distintos tipo de patoloxías, mesmo psiquiátricas, que non teñen que ver coa problemática da terceira idade. Isto é así porque se fan cargo dos pacientes derivados dos centros especializados que foron desmantelados. Nin os centros nin o persoal están preparados para atender este tipo de problemáticas.

O persoal perdeu 22 días de compensación anual, polo que a Xunta aforrou a contratación de 800 persoas

Tamén fixemos fincapé no feito de que como consecuencia dos recortes na administración pública coa escusa da crise suspendeuse o artigo 19 do convenio de persoal laboral, que entre outras cuestións, compensaba en descanso o traballo realizado en domingos e festivos o que provoca xornadas laborais extenuantes.

O persoal destes centros gozaba dunha media de 22 días de compensación anual, polo que estamos a falar de que se aforraron a contratación de 800 persoas. Polo tanto, esta carga de traballo recae no persoal actual. A oposición reclamoulle que volvese a recuperar este artigo xa que non se cansan de repetir que economía galega vai ben, e tendo en conta que ademais estas medidas da Xunta eran supostamente de carácter provisional.

Como exempo da precariedade que padece o persoal desta Consellaría, lembramos que moitas persoas optan pola suspensión de chamamentos na lista de contratación. Finalmente, dende a oposición instaron a conselleira a recibir as delegadas/os sindicais da CIG e traballadoras/es dos centros presentes na sesión para que lle transmitiran de primeira man a realidade dos centros, pero fixo caso omiso.

Outras novas recentes

Xoves, 01 Outubro 2026

A Xunta fabrica comisións de servizo: (con) concursos a contagotas e postos a dedo

Nestes días vanse dar máis postos en comisión de servizos que no concurso de traslados de corpos xerais. Remata un concurso de traslados de corpos xerais e volven dispararse as comisións de servizo. Nada novo baixo o sol da Administración da Xunta: dende o 16 de setembro de 2026 (día seguinte ao da resolución do concurso) xa se concederon 292 postos en comisión de servizo....
Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Xoves, 01 Outubro 2026

Publicación listas provisionais PSX e xerocultor/a

No DOG do 01/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de servizos...