Novas por contido

A CIG ven de presentar un escrito esixindo á Consellería de Educación unha negociación previa para establecer as condicións de desescalada e a protección dos traballadores.

O luns 4 de maio a Xunta presentou aos representantes das traballadoras e traballadores un Protocolo polo que se establece a reincorporación das empregadas e empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19 que non foi negociado coa representación do persoal. Deste protocolo, queda expresamente excluído o persoal da Consellería de Educación.

Aínda que este protocolo é unha chapuza polo menos a Xunta puxo interese en facer algo. Que pasa co persoal de Educación, é inmune? Hai traballadoras de 1ª e de 2ª categoría na Xunta de Galiza?

O persoal de centros de ensino traballa en moitos casos en espazos reducidos onde é imposible manter unha distancia de seguridade de 2 m. A todo isto temos que ter en conta de que NON HAI NINGUNHA INSTRUCIÓN. As dúbidas son moitas:

Como se vai a facer a atención ao público?

Como se van a establecer as medidas de hixiene cando se comparten ferramentas de traballo, teléfono, impresora, etc?

Quen vai proveer de luvas, xel hidroalcohólico, máscaras, etc?

Como se van a facer e cobrar as fotocopias os/as alumnos/as co conseguinte intercambio de pegadas e a maioría das veces nun habitáculo sin ventilación?

Cando se vai a reunir o Comité de Seguridade e Saúde para a negociación de medidas preventivas?

Para cando unha avaliación de riscos biolóxicos por centro e posto de traballo?

Ou vai a suceder o de sempre, que é o que parece,  deixar ao libre albedrío das equipas directivas ás decisións a adoptar?

Para colmo desta insensatez, hoxe 6 de maio no DOG unha Resolución do Cecop co Acordo polo que se modifican as instrucións de presenza dos equipos directivos e doutro persoal nos centros educativos de ensino non universitario onde establece a presenza obrigatoria no centro a partir do 11 de maio do persoal administrativo, para atender os trámites derivados do proceso de admisión, e do persoal de limpeza para realizar tarefas de desinfección.

Que pasa co persoal de limpeza que estivo ou está traballando neste intre para a Consellería de Política Social? Pasará dunha a outra actividade sen descansar? Faranlle o test ou irá traballar co resto dos compañeiros e compañeiras sen saber se está contaxiado ou non? Onde se duchará o persoal ao rematar o seu horario xa que a maioría dos vestiarios, se os hai, son minúsculos e non contan nin con taquillas nin duchas? Non van a dispor dun EPI de traballo cando percorren todas as dependencias do centro interactuando co resto do persoal? E que pasa co persoal subalterno que é o primeiro que contacta co público, traballa en espazos reducidos, a maioría deles sen ventilación, compartindo o material de traballo cos seus compañeiros e compañeiras, pasa por todas as dependencias porque se encarga da distribución da mercancía recibida e a apertura e peche do centro? E os auxiliares administrativos que tamén terán que atender ao público?

Con accións como esta a Xunta de Galiza vai frear esta pandemia?. Demasiadas preguntas sen resposta.

ESIXIMOS NEGOCIACIÓN PREVIA A INCORPORACIÓN DO PERSOAL DE EDUCACIÓN E A AVALIACIÓN DE RISCOS BIOLÓXICOS

E para isto temos que partir do seguinte:

• Que se lle facilite a todo o persoal os certificados para poder desprazarse ós centros de traballo en caso de que sigan sendo necesarios e poidan ser requiridos pola autoridade competente.

• Que á hora de reincorporarse se teñan en conta as circunstancias de cada traballador/a cando se trate de persoal con menores e/ou maiores a cargo, e se establezan horarios e quendas de traballo que permitan a conciliación da vida familiar e laboral, ou mesmo desenrolar a súa xornada laboral mediante teletraballo cando a actividade a desempeñar así o permita.

• Que se teña en conta a circunstancia das persoas traballadoras especialmente sensibles, debido a patoloxias concorrentes ou crónicas, mulleres xestantes, etc, así como traballadores/as convivintes con outras persoas especialmente sensibles ante un risco de contaxio de Covid-19, co fin de que podan gardar as distancias aconselladas, concorrendo sempre o mínimo persoal á vez no centro.

• Ante a ausencia ou descoñecemento dun protocolo específico para esta Consellería para tramitar a consideración de persoal especialmente sensible, solicitamos a aclaración e información previa ó persoal antes da súa incorporación, de forma que se permita a súa tramitación e resolución desta antes da incorporación ó posto de traballo, para evitar o risco de contaxio; e de se-lo caso, este persoal permaneza en corentena sin incorporarse ó traballo.

• As quendas de traballo de todo o persoal deberán ser as mesmas en tempo efectivo de permanencia no centro.

• Que se dote ós centros dun plan preventivo dentro dunha Avaliación de Riscos Laborais co risco biolóxico do COVID19 previo á incorporación do persoal que traballa nos centros de ensino. Neste plan de prevención deberán incluírse a formación adecuada e os EPIs AXEITADOS para cada tarefa a desenvolver en todas e cada una das categorías do persoal (persoal de limpeza, coidadores, Intérpretes de linguaxe de signos, educadores, subalternos, persoal de cociña, persoal administrativo, persoal sanitario, etc), tamén deberá incluír a formación e información tanto do correcto uso dos EPIs, como de cómo desenrolar cada unha das tarefas nas circunstancias nas que nos atopamos. O material, luvas, máscaras, xel hidroalcohólico, xabón, roupa de traballo, e outros que se indiquen no plan de prevención, deberán ser debidamente homologados, así como os productos de limpeza, tal e como veñen recomendados nesta ligazón.

• Que se valore a posibilidade de facer unha desinfección previa á incorporación do persoal, onde este non estea xa incorporado.

• Solicitamos que se implanten estas medidas coa maior urxencia, e que sen elas non se incorpore os centros o 11 de maio aos centros parte do seu persoal, e sabemos que hai persoal que xa está incorporado ó seu posto, traballando sen un plan de prevención que entendemos é imprescindible neste momento. De igual maneira consideramos que é totalmente inxusto deixar nas mans das direccións dos centros de ensino, a responsabilidade de tomar unas decisións e dar indicacións ó persoal, sen facilitarlles un plan de prevención que lles sirva para xestionar os centros e as actividades deste persoal correctamente, xa que as direccións son persoal docente, non técnicos en prevención, e polo tanto descoñecen como realizar correctamente estas actividades.

Outras novas recentes

Luns, 30 Xuño 2025

Convocatoria de oposicións: institutos marítimo-pesqueiros, cociña (técnica e auxiliar), auxliar coidadores e persoal subalterno

No DOG do 30/06/2025 publican: - RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, mediante o sistema de oposición, para o ingreso pola quenda de acceso libre e promoción interna no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos...
Venres, 20 Xuño 2025

Aire acondicionado no Consorcio: teremos que esperar a outra pandemia ou á emerxencia climática?

Denunciamos o maltrato institucional a persoas anciás e crianzas e o incumprimento da normativa en Prevención de Riscos Laborais para o persoal traballador Moitas das escolas infantís da rede Galiña Azul e os Centros de Atención a Persoas Maiores (CAPM) xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar carecen de sistemas de climatización. Estes días de...
Venres, 20 Xuño 2025

Caótica xestión da Xunta de Galiza na residencia de Taboadela: diñeiro público malgastado e atención precaria

Dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) erguemos a voz unha vez máis para denunciar a situación crítica do Centro de Maiores de Taboadela, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a "actitude irresponsable e despilfarradora" da Xunta de Galiza. A Administración Autonómica mantén a persoal na casa cobrando sen traballar, mentres que nas instalacións...