Novas por contido

A CIG apoia en solitario o Acordo de teletraballo na Administración galega. Esta nova regulación dá carpetazo ao lesivo acordo de teletraballo asinado en 2013 e 2014 por CCOO, CSIF e UGT. Durante a negociación conseguimos introducir flexibilidade a todas as limitacións propostas por Función Pública.

A regulación anterior nacera obsoleta. Era un acordo discriminatorio e excluínte que restrinxía o teletraballo a practicamente unhas poucas escalas e a algunhas “elites”, sendo anecdótico para a maioría do persoal empregado público. Na conxuntura actual, e premidos polas circunstancias sanitarias, a Administración veuse obrigada a formular unha nova regulamentación do teletraballo.

Partiamos duns posicionamentos moi enfrontados nos que a proposta inicial da Administración era seguir a excluír do teletraballo a certos colectivos de traballadores/as como fixera no anterior acordo. Toda a negociación virou darredor desa pretensión. Na negociación do anterior e do actual acordo, a CIG defendeu un modelo de teletraballo garantista e aberto para todas as persoas empregadas públicas que polas súas tarefas e funcións puidesen acollerse a esta modalidade de prestación do servizo.

Pese a que a Administración semellaba non querer dar o seu brazo a torcer, dende a CIG formulamos redaccións alternativas para a eliminación de raíz de calquera referencia á exclusión de inicio de colectivos concretos. 

A nosa loita non foi baldía. Con este acordo conseguimos poñer fin a unha das principais eivas do anterior acordo ao abrir a posibilidade do teletraballo a todas as persoas que poidan realizalo. Incluíndo corpos, escalas e colectivos que a Xunta quería excluír enteiros, para os que queda aberta a porta para que, motivadamente, poidan acceder ao teletraballo.

A nova norma é de aplicación á Administración xeral, organismos autónomos, axencias, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos. Tan só quedan fora as sociedades mercantís públicas e as fundacións do sector público autonómico, que terán que negociar a súa propia regulación.

Partiamos dunha proposta inicial da Administración que incorporaba excesivas autolimitacións que inclusive impedían á Administración adaptarse ás súas propias necesidades segundo as circunstancias. No proceso de negociación foron mudando as cousas, pois conseguimos meter algún tipo de flexibilidade a todos os límites e vetos, de xeito que todos eles poden ser superados.

PROPOSTA INICIAL DE FUNCIÓN PÚBLICA TEXTO FINAL APOIADO POLA CIG
COLECTIVOS QUE PODEN TELETRABALLAR
Relacionaba unha serie de colectivos aos que en ningún caso se lles permitiría o teletraballo Xeneralízase o teletraballo aínda que manteñen excepcións por entender a Administración  que certas funcións e tarefas son incompatibles co teletraballo. Pero inclusive nestes casos pode autorizarse se está suficientemente motivado. Esta autorización permitirá aos postos ou colectivos que en determinadas épocas do ano requiren traballo presencial a teletraballar durante os períodos nos que non estean sometidos á incompatibilidade
A PRESENZA FÍSICA OBRIGATORIA
Esixía en todos os casos a presenza diaria mínima  do 40% do persoal dun órgano ou centro Manteñen o 40%, pero esa porcentaxe pode ser inferior  se está suficientemente motivado
Todo o cadro de persoal da unidade tiña que prestar servizos de forma presencial simultaneamente un día de cada semana (o día do contaxio) O titular do centro poderá (ou non) dispor que un día da semana, da quincena ou do mes, todo ou parte do persoal preste servizos presencialmente
XONADAS MÁXIMAS MENSUAIS DE TELETRABALLO
Limitaba o teletraballo a un máximo do 50% das xornadas mensuais, sempre Segundo os datos de FP, actualmente o 80% das persoas que teletraballan fano 1 ou 2 días á semana (menos do 20% supera o 40% das xornadas). Coa redacción final do Acordo fixan un máximo do 50% das xornadas mensuais, pero esta barreira pode ser superada se está suficientemente motivado
ANTIGÜIDADE REQUIRIDA
Para conseguir autorización era necesaria unha antigüidade de dous anos no posto de traballo para o que se solicita o teletraballo ou experiencia en postos con funcións e tarefas análogos aos do posto de traballo A antigüidade requirida pasa a ser de un ano en postos con funcións e tarefas análogas. Permítese que sexa menos se hai un correcto coñecemento das funcións a xuizo da persoa supervisora.
HORARIO DE TELETRABALLO
Impoñía un horario de referencia de 9 a 14:30 h. para as persoas teletraballadoras con flexibilidade por conciliación Mantense o horario de referencia, con carácter xeral, de 9 a 14.30 h., para garantir o dereito efectivo á desconexión dixital da persoa teletraballadora, da supervisora e demais persoal dos órganos. Pero aínda así permiten realizar un horario diferente mediante acordo no plan individual de traballo
CONTROL SINDICAL
O papel da representación sindical do persoal limitábase ao coñecemento dun informe anual. Xa que logo, non existía ningún tipo de control que vixiase a aplicación do teletraballo. E como sempre, para chantaxear, só para as organizacións que asinasen o acordo Mensualmente comunicarán as autorizacións e as denegacións aos sindicatos con presenza na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT). E entregarán as motivacións das denegacións aos sindicatos que asinan o acordo.
A CIG mantén a defensa de que todas as organizacións sindicais máis representativas formen parte das comisións de seguimento, pois rexeitamos que utilicen isto como chantaxe.
VIXENCIA DO ACORDO
Vixencia indefinida.  Propuxemos, e aceptaron, limitar os efectos a tres anos, prorrogables, de xeito que poidamos denuncialo e renegocialo se non funciona correctamente.

A maiores, queremos subliñar que no Acordo xa se contempla un réxime especial de teletraballo, que permitiría estender esta modalidade de traballo a situacións de violencia de xénero, vulnerabilidade, obras ou traslados de instalacións, ou emerxencias climáticas, sanitarias (como a actual polo COVID) e outras.

Para rematar, non estamos ante unha simple actualización da anterior normativa de teletraballo do ano 2013. Estamos ante un cambio de modelo pola extensión dunha nova forma de traballo e pola futura aplicación do traballo por obxectivos aínda inexistente. O proceso requirirá a dixitalización dos expedientes, a supresión do papel,.. e un tempo de experimentación que pode ser positiva ou que requirirá renegociar as condicións dentro de tres anos.

Dende esta ligazón podes descargar o texto final do Acordo de teletraballo

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...