Novas por contido

Entre o venres 6 e o mércores 11 de novembro tivemos tres reunións co director xeral de Función Pública, principalmente para falarmos sobre o teletraballo (vai ir noutra nova), pero tamén de moitos outros asuntos que poden ser do teu interese.

Concursos de traslados

Do de corpos xerais, unha vez máis seguimos sen información concreta interesante, máis que están coa lista de persoas admitidas/excluídas case rematada. Non temos previsión, pero a cousa pinta que vai para moi lonxe polas interferencias que ten cos procesos selectivos paralizados polo COVID.

Dos demais concursos, nin unha palabra. Como moito, o DXFP xustifica o atraso do de persoal veterinario (enviaran o borrador en xaneiro/2020) nalgunha proposta pendente de modificación de RPT, pero sen compromiso algún. 

Persoas que superaron a promoción interna de corpos xerais e participaron no concurso de traslados

Por fin se molla e nos di algo firme: quen obteñan posto no concurso de traslados, tomarán pose do mesmo no grupo dende o que concursaron; e esto será simultáneo (fala de un día de diferenza) á toma de pose de destino definitivo da promoción interna. Quen no concurso obtivese posto  aberto ao grupo superior, xa se quedaría no mesmo na elección de destino definitivo. Os demais terían que escoller destino definitivo.

Eleccións de destino pendentes dos procesos selectivos de corpos xerais

  • Será destino provisional. Probablemente neste mes de novembro. 
  • O DXFP opta por esta orde de elección: A1-P.I., A2-P.I., A1-libre, A2-libre, C2-P.I., C2-libre. A CIG propón que sempre escollan primeiro as persoas de promoción interna, e existindo prazas abertas a A2 e C2, entón defendemos a seguinte orde: primeiro todas as de P.I. (A1, A2, C2), e a continuación todas as de libre (A1, A2, C2). O DXFP non comparte a postura da CIG pero comprométese a revisar as implicacións que tería a proposta da CIG.
  • En canto ás prazas a ofertar, temos controversia. Algún sindicato opta por non ofertar as ocupadas en comisión de servizo, outros en non ofertar as ocupadas por persoas interinas dunha antigüidade determinada. A CIG defende que no destino provisional se oferten todas as vacantes que non teñan algún tipo de impedimento legal. Pero en todo caso, que o criterio que se aplique sexa o mesmo en todos os casos (todo o persoal interino ou en comisión de servizos que estea en circunstancias similares, ten que estar en igualdade de posibilidades de manter ou perder o posto que ocupe). E o que parece que vai ser é que segundo o caso, e con idénticas condicións, uns postos sexan ofertados e outros non.
  • Enviarán un novo listado de postos cos criterios que decidan aplicar.

Prórroga das comisións de servizo

A norma de aplicación fala de que esta forma de cobertura temporal de postos de urxente necesidade é por un ano, prorrogable por outro máis. Cando o concurso de traslados parecía que estaba a piques de saír do forno (xa choveu), os sindicatos asumimos a decisión de Función Pública de prorrogalas ata rematar o concurso. Pero vai xa demasiado tempo, e moito máis que pode faltar (como dixemos, a cousa pinta que vai para lonxe). Así que preguntamos ao DXFP pola súa intención de manter ou non as prórrogas. Non quere tomar decisións, contándonos que o están a valorar e xa nos contarán.

Procesos selectivos pendentes e Oferta de Emprego Público-2020

O director de FP non acaba de darnos unha previsión para a reactivación dos procesos pendentes. Mantén que están en contacto permanente coas autoridades sanitarias, pero nada. Manteñen en FP que avisaran aos sindicatos da reactivación dos procesos con un mes (ou catro semanas) de antelación. 

O Presidente da Xunta declarou á prensa o xoves 12 que o máis probable era que no que resta de 2020, non haxa exames de oposición. Os sindicatos non temos comunicación oficial.

En canto á Oferta de Emprego Público-2020, asegura que en dúas semanas estaremos negociándoa. Limítase a dar informacións moi superficiais. Na rolda de prensa do xoves 12, o Presidente da Xunta deu algúns datos numéricos á prensa (datos que ainda non trasladou aos sindicatos para negocialos). Fala de 2.741 prazas, das que 2.346 serían de acceso libre e 395 para promoción interna. Das de acceso libre, 1.215 corresponderían a procesos de estabilización e consolidación de prazas do Consorcio de I+B. Veremos como concretan a cousa.

Consorcio I+B

Neste mes de novembro negociariase e adaptariase os estatutos, e na OEP-2020 irían as prazas de estabilización+consolidación.

CIXTEC e AMTEGA

Asegura que o Cixtec estará integrado en Amtega en 2-3 meses, cos estatutos modificados e a RPT de Amtega adaptada (os sindicatos aínda non temos a documentación). A funcionarización do persoal laboral fixo sería máis adiante (non hai concreción). Este proceso implicaría a negociación da RPT completa de Amtega. 

A carreira profesional do persoal do Cixtec quedaría para unha vez integrados, e xa coas mesmas condicións que o resto de persoal de Amtega.

A maiores, os catro sindicatos con presencia na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT) votamos o mércores 11 en contra da proposta de modificación da RPT de Amtega, consistente na apertura dun posto á adminsitración local. Din que por ser un posto de difícil cobertura. Seguro que o nome e apelidos da persoa que queren colocar no posto xa está escrito nalgún papel xunto coa documentación xustificativa da proposta.

Carreira profesional

A convocatoria que tiñan que publicar no segundo semestre do 2020 vai con atraso por mor dos orzamentos. Teñen moi caladiño o que vai pasar no 2021. Alguén se atreve a apostar?

Reformas lexislativas no emprego público

Está prevista unha xuntanza o venres 13 para falarmos sobre as modificacións da Lei do emprego público de Galiza mediante a Lei de medidas do ano 2021. Din estar abertos a recibir propostas (veremos). 

Decreto de provisión

Foi aprobado en Comisión de Persoal fará un ano, e xa conta con informe do Consello Consultivo. Porén, continúa sen ver a luz. Pero que présa van ter, se mentres sigamos así van manter os postos de “concurso específico” ocupados por quen lles pete!

Funcionarización do persoal laboral fixo (de quenes xa se examinaron)

Contan rematar o proceso no primeiro trimestre do 2021. Esperamos ter antes a sentenza do conencioso-administrativo que a CIG interpuxo no 2019 no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o acordo de concertación, e así desapareza a chantaxe da carreira profesional que foi o que motivou á maioría do persoal laboral fixo a querer pasar a persoal funcionario para poder cobrar a carreira.

Convocada a Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario

Como curiosidade final, contámosche que despois de máis de unha década sen convocar a “Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario”, e tras anos coa CIG dando a paliza pedindo a súa convocatoria, por fin a convocaron, seguramente porque é o único foro no que ten cabida o sindicato corporativo Sepga. Total, algún que fala dende a bancada sindical, ata fai pouco falaba dende a bancada da Administración.