Novas por contido

A CIG vén de presentar denuncia contra a Xunta por non subministrar máscaras FFP2 ao persoal das escolas infantís e os centros de maiores a pesar de ser requirida pola autoridade laboral.

Nas escolas infantís, centros de día e residencias de maiores dependentes do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar, da Axencia Galega de Servizos Sociais e residencias de xestión directa, dependentes da Consellaría de Política Social, as persoas usuarias non levan máscara (escolas infantís de cero a tres anos) ou non a levan en moitos momentos da xornada (persoas maiores dependentes, menores residentes ou incluso persoas con discapacidade ou diversidade funcional).

A CIG denunciou xa no mes de agosto na dirección territorial de Galiza da Inspección de Traballo e Seguridade Social, entre outras cuestións, a falta de equipos de protección individual de protección respiratoria para o cadro de persoal de escolas infantís porque os nenos e as nenas non levan máscaras e, evidentemente, non se pode manter a distancia de seguridade. Que ten unha crianza ao seu coidado ten que darlle afecto, o que implica proximidade, hai que collelas no colo para consolalas, darlles de comer e cambialas; momentos estes nos que se expulsa gran cantidade de aerosois.

Tamén puxemos en coñecemento ante a Autoridade Laboral a falta de máscaras FFP2 nos centros de día e residenciais para a protección do cadro de persoal exposto ao risco. Moitas das persoas usuarias dos centros de maiores sofren demencias, polo que sacan a máscara, e teñen que ser axudadas no aseo (da boca tamén) e na inxesta (nese momento acostuman tusir por broncoaspiración), ou simplemente non a poden ter colocada todo o día.

A autoridade laboral, despois de realizar as dilixencias oportunas e requirir a protección respiratoria do persoal mediante as máscaras FFP2, maniféstanos que a Administración xa lle comunicou a súa decisión de non proceder a subministrar estes EPI para as escolas infantís e os centros de maiores.

Para xustificar a sua negativa a protexer ao persoal deste risco laboral a consellería de Política Social e o Consorcio achegaron á inspección de traballo un informe do Comité Clínico no que indican que non é necesario usar máscaras FFP2 nestes servizos e, aínda así, a autoridade laboral, reitera no seu requirimento e resolve que teñen que subministrar estes EPIS aos cadros de persoal.

Pero, quen é o comité clínico, do que apenas se sabe nada e é quen de indicar que non se precisa protección respiratoria para traballar con persoas usuarias sen máscara? É o mesmo que lle indicou ao Señor Feijoo que esixira unha resposta do Ministro de Sanidad de que as máscaras FFP2 deberían etar indicadas na poboación xeral?

Para máis, a conselleira de Política Social, Fabiola García, nas súas visitas aos centros de traballo, preséntase usando as máscaras que non quere dar ao seu persoal. En resposta, a CIG presentamos unha denuncia contra a Xunta por pasar da lexislación en materia de protección de riscos laborais e ignorar á autoridade laboral.

Outras novas recentes

Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...