Novas por contido

Na modificación da súa RPT quere crear 27 postos, que financia mediante a destrución de 40, dos que 30 son grupos baixos e 26 en centros de atención ás persoas (ensino, museos .. e ata centros de educación especial)

A CIG asistiu á segunda xuntanza con responsábeis de persoal da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para tratar a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da consellería.

A maiores dos cambios que propoñen para adaptarse ao Decreto da nova estrutura, destaca a destrución de emprego. Crean 27 postos, dos que 13 son xefaturas de sección. O diñeiro sae da destrución de 40 postos de traballo, basicamente cortando por abaixo (30 dos 40 son postos de auxiliar administrativo, subalterno e os grupos IV e V equivalentes de persoal laboral).

Os 40 postos que amortizan teñen valor, todos; pero para que se vexa o que describiremos no parágrafo seguinte, vamos a relacionar os 26 que están en centros da consellería:

  • 6 Auxiliares administrativos en IES
  • 7 subalternos en IES ou CEIP
  • 1 subalterno nun arquivo histórico
  • 1 condutor no CGAC
  • 1 oficial de 1ª xardineiro/a e 1 oficial 2º de mantemento en CIFP
  • 2 titulado/a superior psicólogo/a en IES
  • 1 asistente social, 1 profesor/a de educación física e 1 educador/a en CEE
  • 2 camareiro/a-limpador/a en IES
  • 1 telefonista en CRD
  • 1 vixiante en museo

A consellería xustifica a súa decisión en que xa non son necesarios pola tecnificación dos postos e dos procedementos. Pero traballos como os anteriores, uns predominantemente manuais como os de conserxería, ou de atención directa ás persoas como os dos Centros de Educación Especial, non son substituíbles por tecnoloxía. En realidade, o que están a forzar é: ben a sobrecargar ao resto do persoal, ben a externalizar os servizos, ou ben a que directamente non se preste o servizo.

Outra pata da xustificación da destrución de emprego é que os 40 postos estaban vacantes e sen persoa substituta. Pero esa circunstancia, por si soa, non é válida, xa que temos constancia de que a cobertura de moitos deses postos foi insistentemente demandada polas direccións dos centros e dos compañeiros sobrecargados e sobrecargadas.

SEPGA, o único sindicato ao que non lle preocupa esta destrución

O sindicato dos subdirectores foi o único que non fixo nin unha soa referencia á destrución de emprego por abaixo nas dúas xuntanzas que xa mantivemos coa consellería.

Non é algo novo, xa llo temos escoitado dicir ao representante de SEPGA nalgunha outra xuntanza: temos que ir cara a un modelo de Administración máis tecnificado, de alta cualificación, e procedería reducir a oferta de emprego de grupos inferiores.

Vale. E como realizamos os traballos manuais non tecnificados ou a atención directa ás persoas? Como non o van a asumir as persoas de certos niveis, pois a cousa quedará como xa dixemos: ou sobrecarga ao resto do persoal, ou privatizacións, ou non se fai.

Consecuencias de non incluír en RPT postos creados

A área de Educación acostuma a crear postos en centros de ensino, pero a esquecer que teñen que incorporalos á RPT. Con este actuar, a consellería cubre as necesidades (que considera) dos centros. Pero produce prexuízos ao persoal: os postos non poden ser ofertados nos concursos de traslados nin nas eleccións de destino, e cando se trata de persoal laboral non poden cobrar os pluses que lles corresponderían.

Non fai tanto, a consellería tivo a ben incorporar unha serie de postos de persoal funcionario baixo a ameza de accións xudiciais por parte da CIG. Nesa ocasión (setembro/2019) comprometéranse a facer o mesmo co persoal laboral. E non o fixeron.

Fai uns meses houbo elección de destino do persoal que superou o proceso selectivo de camareiro-limpador, e ese tipo de postos pantasma non puideron ser ofertados.

Promete agora a consellería o mesmo que prometeu no 2019: poñerse pronto con esa parte da RPT. NON NOS VALE. Ou o fan xa, agora, nesta modificación, ou veremos se temos opcións de levar esta neglixencia ao xulgado, mesmo polo penal.

O resto da proposta de modificación da RPT

A modificación proposta ten máis efectos. No que segue, tan só vamos a dar unhas ideas das liñas das alegacións presentadas pola CIG. Se son do teu interese contacta connosco:

  • Exceso de cobertura mediante libre designación e concurso específico.
  • Exceso de apertura de postos a outras administracións e/ou docentes, sen reciprocidade, e sempre en postos de libre designación.
  • Ampliar as xornadas parciais a xornada completa.
  • Nivel insuficiente de numerosos postos.
  • Infradotación de persoal nalgúns centros.
  • Conveniencia de abrir a duas escalas os postos de restauración.
  • Necesidade de adaptar algún posto ás sentenzas xudiciais.
  • Negociados de nóminas que deixan fora da homologación que anuncian.
  • Seccións “C”, que exercen de subdireccións en centros, que non queren homologar.
  • Manteñen a exclusión das áreas funcionais a postos base.
  • Néganse a dotar á area de educación co posto obrigatorio de arquiveiro/a.
  • Non se comprometen a cubrir todas as vacantes nos centros, o que está a producir sobrecargas e problemas cos permisos.

As alegacións completas están á túa disposición nos locais sindicais da CIG.

Aproveitamos para presentar a nova gama do persoal tecnificado que prestará servizos de conserxe, coidador, auxiliar administrativo e oficial de mantemento:

Outras novas recentes

Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...