Novas por contido

Por falta de persoal, van ter que ser os xefes de servizo quenes muxan as vacas, e o persoal enxeñeiro quen limpe o chan na Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

Asistimos á segunda xuntanza (16/02/2021) para discutir a proposta da RPT de Agacal que nos achegan dende a Consellaría de Medio Rural, sendo a destrución de emprego o máis grave da proposta.

Agacal elimina 47 postos de traballo e crea 25. Podíamos supoñer que así reducirían o gasto en persoal. Pero non: curiosamente incrementan o gasto no capítulo de persoal. Como é esto posíbel? Pois eliminando postos baixos (limpeza, oficial agrario, peón, ordenanza, etc), e creando xefaturas. 

Segundo as persoas responsábeis da política de persoal da consellería e da axencia, vamos cara a unha Administración máis especializada na que xa non é tan necesaria xente que se adique a pasar chamadas de teléfone ou a transcribir o que lle ditan outras persoas. Certo, pero, quen vai limpar o chan? Quen vai muxir as vacas e dar de comer aos animais? O xerente vai poñer os zocos para limpar o esterco? Se a resposta é “non”, entón non queda outra: vaino facer Seaga ou Tragsa. E así continuarán as sentenzas xudiciais por contratación en fraude de lei.

Outra das consecuencias de tanta amortización é que queren retirar algún posto do concurso de traslados de corpos xerais. Din que eles non son responsábeis do atraso, e non poden ter postos bloqueados agardando anos polo concurso. Pero esquecen unha cousa: eles son Administración Autonómica, non son algo á parte. Así que teñen que comer con patacas os actos doutros órganos da mesma Administración. 

Agacal non confía no persoal empregado público ao servizo da Administración Autonómica

A totalidade dos postos de libre designación están abertos a seren cubertos con persoal doutras administracións. É dicir, que para cubrir todos os postos de certa responsabilidade ou confianza, non lles abonda co que teñen. 

Din que ás veces son difíciles de cubrir, pero na CIG preguntámonos se non haberá outras causas: será que a xente sabe que os sistemas de provisión a dedo requiren do empurrón dun amigo/a ou levar o carné na boca? Podería ser que haxa un exceso de centralización de postos en servizos centrais ata o punto de que dificulta atopar xente, mentres que en servizos periféricos hai carencia de postos de nivel?

Agacal ten a intención de substituir moitas xefaturas de negociado (A2/C1/C2) por “unidades de apoio administrativo”, co mesmo nivel 18 pero abertos só aos grupos C1 e C2. Así conseguen reducir o orzamento e probablemente tamén o gasto.

Pero se no anterior caso cortan por arriba, noutros cortan por abaixo: xefaturas de sección que debían ser A1/A2/C1 e que quedarán só como A1/A2.

Algúns postos teñen o requisito de “experiencia”. A CIG propón que pasen a “mérito”, ou que como alternativa á experiencia permitan a formación. Non facelo así dificulta a mobilidade voluntaria do persoal e a cobertura dos postos.

Os responsábeis de Agacal comprométense a facer unha nova RPT antes de final de ano, e para entón (falou de maio) xa estarían discutidos os pluses. Mentres tanto, engadirían nesta RPT se quedou algunha sentenza atrás.

Outras novas recentes

Luns, 05 Outubro 2026

Corrección de erros na convocatoria para elección de destino definitivo de escalas do subgrupo C1, C2 e AP

No DOG do 05/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2026 pola que se modifica a Resolución do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade...
Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...
Martes, 29 Setembro 2026

A EGAP responde ás críticas da CIG con autoritarismo

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa...