Novas por contido

A Xunta presenta na Mesa Xeral (17/10/22) a súa proposta de salarios pola que o persoal empregado público perderá arredor dun 10% do seu poder adquisitivo nos próximos tres anos. A proposta é un “copia e pega” do “pacto a perdas” negociado ás agachadas e asinado na Mesa das AAPP do Estado por CCOO e UGT.

Con isto o salario vai subir un 3,5% (ao 2% de suba no 2022 se lle engade un 1,5% adicional con efectos retroactivos) un 2,5 % no 2023 e un 2% no 2024. Algo completamente insuficiente para paliar a perda de poder adquisitivo neste e nos vindeiros anos, tendo en conta que no 2022 no mes de outubro o IPC interanual na Galiza está no 9,2%.

A maiores este pacto de perdas contempla unhas subas adicionais se se cumpren determinadas condicións que en principio parecen que non se van cumprir, tal e como sucedeu co anterior acordo para os anos 2018- 2020.

A Xunta, sen intención de negociar nin salarios nin dereitos

A Xunta convocou (con carácter estritamente formal), unha Mesa xeral de Empregados Públicos (17/10/22) para dar traslado dun novo recorte de dereitos co que  quere ser cómplice do goberno español e dos sindicatos que apoian a vergoña do “pacto de perdas” (CCOO e UGT).  A CIG incidimos en que no noso país a perda de poder adquisitivo é aínda maior ao ser máis elevado o IPC que na media estatal e demandamos que a Xunta propoña un complemento para un incremento retributivo que poida mitigar a perda que implicará o pacto estatal.

Os dereitos mantéñenos suspendidos a pesar de que nada lle impide activalos

Denunciamos que na Lei de orzamentos para o 2023 a Xunta manterá suspendida a aplicación de todos os pactos e acordos retributivos e todos os dereitos recortados pola Lei de medidas 1/2012 cando xa é hora de recuperalos: o artigo 19 de V Convenio Colectivo,  a suspensión de determinados artigos do Acordo de condicións do SPIF (nos que se regulan os descansos, as compensacións por noites ou domingos e festivos), os dias de libre disposición, etc.

Igualmente se mantén bloqueada a recuperación do Fondo de Acción Social (FAS) na contía e nas modalidades que existían até os recortes aplicadas polo PP.

Hipotecan por moitos anos a mobilidade do noso persoal, mediante a apertura de postos ao persoal doutras administracións públicas para a cobertura de prazas mediante comisións de servizos que durarán dous anos prorrogables de xeito indefinido.

Nesta Mesa Xeral demandamos ademais un complemento que incremente as indemnizacións por razón de servizo (axudas de custe e gastos de viaxe) xa que son totalmente insuficientes para cubrir os gastos de desprazamento ou manutención coa elevada carestía da vida e, especialmente, dos combustíbeis.

Contratacións a través de entidades instrumentais

A CIG opúxose a que se fagan contratacións financiadas cos fondos da UE ou do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través de entidades instrumentais ou mediante encomendas de xestión ao tempo que se limita a contratación propia. 

Denunciamos que o mantemento da taxa de reposición nos leva a aumentar a temporalidade cando a propia Función Pública recoñece que  imos ter un número importante de xubilacións que non van dar cuberto. Isto sumado a ineptitude para levar adiante as ofertas de emprego público nun prazo razoable, danos un panorama insoportable de colapso dos servizos públicos ou de privatizacións (como por exemplo a recente Residencia de Cerdedo ou Escola Infantil da Guarda).

Para máis, manteñen a limitación bestial para as substitucións ou a cobertura de prazas vacantes con interinos e interinas. No canto de estender esta posibilidade a toda a administración limítana ao que eles consideran servizos esenciais ao tempo que dan carta branca para a contratación por medio de encomendas de xestión.

Unha sentenza, unha creación: cando hai sentenzas de indefinición a administración debe crear a praza no prazo de tres meses e sacala nunha oferta de emprego. O que non se pode é asignar unha vacante existente porque iso mingua a oferta total destas prazas.

Modificación da Lei de Emprego Público de Galiza (LEPG)

En relación á Lei de medidas que modifica a LEPG, o director xeral de Función Pública apenas resposta a un par de alegacións e NON ACEPTA NADA e xustifica o seu silencio porque “moitas delas son reiteradas todos os anos” (en referencia a multitude de propostas de mellora de condicións salariais e de recuperación de dereitos ou de melloras a mobilidade e concursos que tentamos meter todos os anos). 

A CIG esixe trasladar á LEPG os dereitos recollidos no V Convenio

Dende a CIG defendemos que os dereitos recollidos no V Convenio do persoal laboral, sexan trasladados á LEPG para a súa aplicación a todo o persoal. A tal efecto propuxemos negociar un acordo regulador antes de 6 meses. Mentres tanto, solicitamos a inclusión na LEPG dunha disposición transitoria que traslade os dereitos laborais do V Convenio ao persoal funcionario que non teña un acordo específico, que garanta así que non haxa perda de dereitos.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.