Novas por contido

O pasado 1 de agosto tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Persoal na que se trataron os seguintes asuntos: 1) Acordo FISP; 2) RPT Sanidade-FISP; 3) Protocolo ante o acoso e violencias; 4) Plan de igualdade. Dentro do punto de Rogos e preguntas, o director xeral de Función Pública deu información de: 1) publicación das notas dos primeiros exercicios; 2) concurso de administración especial; 3) funcionarización do persoal laboral fixo do grupo I; 4) proceso selectivo de axentes medioambientais; 5) data de exame de galego dos procesos da Lei 20/21; 6) permisos da Lei de impulso demográfico; 7) acordo de condicións de traballo en centros de Política Sociaol; 8) acordo de integración do GAIN.

ACORDO FISP

A proposta de Acordo sobre o persoal funcionario da clase de Farmacéuticos/as Inspectores (FISP) que enviaron para a Comisión de Persoal é a mesma que a da Mesa Sectorial. Na CIG mantemos que se sobrepasa a xornada máxima anual, pero os beneficios superan aos prexuízos, polo que votamos a favor. O mesmo votan CCOO, CSIF e UGT.

RPT SANIDADE

A proposta que traen adapta a RPT de Sanidade á nova situación pactada mediante o Acordo FISP. Esto incrementa o nivel dos actuais FISP e crea 5 postos de coordinación.

Para financiar este incremento, amortizan 18 postos de “farmacéuticos titulares” (unha escala a extinguir na que xa non había persoal), 7 FISP, 1 xefatura de área e 2 xefaturas de sección. Sen contar os 18 farmacéuticos titulares, e descontando os 5 postos de coordinación que crean, o resultado é que hai unha destrución neta de 5 postos de traballo.

E mentres destrúen estes postos, manteñen certos servizos externalizados, como o control das augas de baño, que antigamente exercían os FISP. A CIG solicitou a eliminación dos servizos externalizados e utilizar ese diñeiro para financiar a proposta de Acordo FISP.

Por tanto, estamos ante unha destrución neta de 5 postos ao tempo que manteñen a xestión con empresas privadas de servizos que ata fai pouco exercían os FISP.

En consecuencia a CIG votou en contra desta proposta de RPT. Pola súa parte, CCOO, CSIF e UGT votaron a favor.

PROTOCOLO ANTE ACOSO E VIOLENCIAS. PLAN DE IGUALDADE

Resumimos nesta nova a postura da CIG.

  • Votación do Protocolo: CIG, CCOO, CSIF e UGT votamos a favor.
  • Votación do Plan de Igualdade: CIG en contra. CCOO, CSIF e UGT a favor.

DIAGNOSE DO PLAN DE IGUALDADE

A Diagnose do Plan de igualdade non estaba prevista na orde do día da Comisión de Persoal. A CIG solicitou a súa inclusión, e por unanimidade acordamos a súa incorporación.

O documento ten eivas importantes, por falta de datos, que leva a conclusións que non son correctas, según che contamos aquí. O resultado da votación foi: CIG en contra; CCOO, UGT e CSIF a favor.

ROGOS E PREGUNTAS

Publicación das notas dos primeiros exercicios de procesos selectivos: informa o DXFP que ao longo desta semana sairán case todos as notas dos 1º exames celebrados en xuño e xullo, e que xa teñen data para o 2º exercicio. Os que non saian esta semana sairán para a seguinte.

Concurso de Administración especial: remitiron un novo borrador. Di o DXFP que contén algunhas alegacións aceptadas. Teñen por obxectivo publicalo en setembro. Haberá unha xuntanza previa á Mesa. Será para a semana do 4 de setembro ou seguinte. Non van esixir antigüidade máxima dos cursos neste concurso, pero advirte que o seu criterio para o futuro é acotalos a un tempo.

Funcionarización do persoal laboral fixo do grupo I: remitirán as bases para alegar e convocar xuntanza en setembro.

Proceso selectivo de axentes medioambientais: remitirán un borrador de bases esta semana. Negociación en setembro.

Data de exame de galego dos procesos extraordinarios derivados da Lei 20/21: esta semana publicarán a data. Dará tempo a facelo en setembro.

Permisos da Lei de impulso demográfico: di que “con sorte” poderían remitir esta semana o texto definitivo para a súa aprobación na Comisión de Persoal.

Acordo de condicións de traballo en centros de Política Social: convocaron xuntanza. Tentarán pechar un acordo entre esta semana e a seguinte.

Acordo integración GAIN: di que tamén tentarán pechar o acordo nestas dúas semanas (“se dá tempo”).

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...