Novas por contido

Despois de mais de 15 anos, aprobouse na Comisión de Persoal do 01/08/2023 co voto en contra da CIG o I Plan de Igualdade: falto de contido, con medidas xa contempladas nas leis e meras declaracións de intencións

A Administración autonómica estaba obrigada a elaborar un Plan de Igualdade para o seu persoal (máis de 26.000 traballadoras e traballadores) dende a Lei 3/2007. Foron numerosos anos reclamando a negociación deste Plan, e numerosas reunións nas que non se avanzaba por falta de vontade negociadora por parte da Xunta. A principios do ano 2022 comezou este proceso negociador que finaliza agora.

Foron numerosas reunións nas que a CIG negociou até a última hora para que se cumprira a normativa de elaboración dos Plans en canto a contidos mínimos e propostas que incorporaran medidas reais para acabar con certas discriminacións e se incorporaran as nosas achegas ao texto.

No caso do “Protocolo contra o acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo”, a CIG votou a favor pois achega novidades e solucións en temas de acoso que estaban pendentes e trae unha nova regulación noutras cuestións que non contaban con protección ou procedemento específicos, como as violencias sexuais e violencias no traballo e na protección da identidade e expresión de xénero.

No Plan de Igualdade aprobado no día de hoxe a nosa postura foi sempre facer unha boa diagnose da situación, cos contidos establecidos na normativa que nos permitira extraer conclusións reais da situación da igualdade na Xunta de Galiza, e así propor medidas efectivas para mellorar a situación de igualdade do persoal empregado público.

A diagnose está incompleta, e incumpre o RD 901/2020 en:

Datos de formación: están mesturados con datos doutras administracións que non son a Xunta e están computados polo número de cursos realizados e non por persoas; faltan número de solicitudes, de denegacións, de abandonos e as súas causas.
Na análise dos datos económicos como establece a normativa, xa que non se analizan salarios reais, senón salarios normalizados, e non se establece unha análise por postos de igual valor. Falta auditoría retributiva que queda para máis adiante.
Na prevención de riscos con perspectiva de xénero, e ademáis non existen resultados da análise de riscos psicosociais.
As distintas xornadas, horarios, e lugares de prestación de servizos, etc., non se poden avaliar pois non se proporcionan datos.
Falta Protocolo de violencia de xénero. Nin se negociou o procedemento nin as medidas ás que se poden acoller as vítimas de violencia de xénero.
Nivel de estudos do persoal da Administración, independentemente da titulación de acceso requirida.
Na enquisa cualitativa feita ao persoal, as respostas, estudo e conclusións non están desagregadas por xénero, cousa incomprensible nunha enquisa que vai achegar unha visión de como está a percepción da igualdade entre o persoal e tendo en conta que eses datos si se recolleron.

Como consecuencia dunha diagnose incompleta en cuestións tan importantes para un Plan de igualdade temos unhas conclusións parciais que non permiten analizar realmente a situación de igualdade para o persoal da Xunta e trasladan estas carencias ás medidas a adoptar para corrixir as eivas detectadas. Dentro das medidas, por unha parte queren corrixir o que debería de estar feito na diagnose (protocolo de violencia de xénero), e por outro, propóñense medidas que quedan en declaración de intencións (“procurarase”, “estudarase”…).

Nas medidas que se propoñen, tampouco son quen de adoptar as que acaben, dunha vez por todas, coas discriminacións directas; das retributivas no caso dos incrementos salariais nas situacións de embarazo e baixa por maternidade; no acceso a postos vacantes dende as listas de contratación cando se está en situación de suspensión de contrato ou incapacidade temporal por embarazo e/ou lactación natural. Tampouco se recolleu o incremento do permiso para o outro proxenitor até equiparalo co permiso de maternidade na Xunta de Galiza como establece unha recente sentenza do TSXG.

As mulleres e homes da CIG non estamos dispostas a aceptar calquera Plan polo simple feito de telo. Seguimos empeñadas en ter un verdadeiro Plan de Igualdade para o persoal da Xunta de Galiza.

A CIG, sempre comprometida cos avances en dereitos e a non discriminación, seguirá a loitar por acadar a igualdade real e efectiva.

Outras novas recentes

Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...
Xoves, 02 Mai 2024

Os deberes para a nova directora de Función Pública

Representantes da CIG-Autonómica acudimos o martes 30 de abril a unha xuntanza de cortesía convocada pola nova directora xeral de Función Pública (DXFP), que agora pasa a chamarse Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (en diante, DXEP). Na xuntanza estaban presentes a nova DXEP, Nuria Aguilar Vázquez, e o anterior DXFP, José María Barreiro.  A...
Luns, 06 Mai 2024

Fondo de Acción Social 2023 (xuntanza 2/5/24)

O día 2 de maio os axentes sociais mantivemos unha reunión con representantes da Función Pública polo mal chamado Fondo de Acción Social (FAS), xa que del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a...