Novas por contido

Comezado o curso escolar seguimos a recibir multitude de preguntas sobre os dereitos de conciliación na Administración da Xunta de Galiza.

Nin a Lei de igualdade galega nin o I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza traen melloras directas para o persoal empregado público desta Administración con respecto á lexislación básica do estado español, limitándose como moito a traspoñela. Aínda así hai consellerías que seguen a dificultar os dereitos de conciliación ao persoal a quendas e ao de centros periféricos.

Dereitos de conciliación por fillos menores, de 12 ou de 18 anos?

A Lei do impulso demográfico, na súa disposición final sexta, modifica a Lei de emprego público de Galiza de forma que, o persoal ten dereito á flexibilidade horaria por motivos de conciliación tamén cando ten fillos menores de idade. É dicir, que a flexibilidade estenderíase ata os 18 anos.  Algunhas consellerías xa o aplican, pero outras négano á espera dun desenvolvemento regulamentario que leva anos de atraso. 

A inacción da Xunta é insostible, temos poucos dereitos de conciliación e a proposta da Administración -que primeiro enviou para negociar e despois paralizou sine die- o que fai é limitar dereitos e impor tramos de preferencias.

A conclusión é que aos empregados e empregadas públicas moitas veces non nos queda outra que acudir á xustiza para que se recoñezan os nosos dereitos na conciliación.

Se é o teu caso, ponte en contacto coa CIG, LOITAREMOS CONTIGO!

Os dereitos de conciliación (na normativa da nosa Administración ou na de aplicación subsidiaria)

FLEXIBILIDADE, CONCRECIÓN HORARIA E PERMISOS

Na solicitude de flexibilidade dos postos administrativos esíxenche pór un horario de presenza obrigada, o que en moitos centros é o mesmo que a atención ao público. Con isto, na práctica é como se cha denegasen. Tampouco entendemos como o persoal a quendas (que o tería mais doado ao ter un maior rango horario) ten que sufrir denegacións automáticas.

Compre afianzar os dereitos de conciliación para non vinculalos ás necesidades do servizo fortalecendo os cadros de persoal e buscando fórmulas organizativas que garantan esta protección social.

  1. Conciliación con flexibilidade horaria. Dende a entrada en vigor da Lei de igualdade do estado español que se traspuxo finalmente a nosa Lei 2/2015, de 29 de abril, de emprego público de Galiza (art. 106.4), non necesitarías reducir a túa xornada para conseguir unha concreción horaria por conciliación. Porén, hai centros de atención, persoal a quendas ao que denegan a concreción por sistema, e se temos présa non queda outra que ir a redución de xornada (que en moitos casos produce máis desaxuste nos centros e afonda na precariedade ao termos persoal substituto de dúas horas). A solución sería ampliar os cadros de persoal para que haxa abondo para cubrir incidencias e as reducións e buscar fórmulas organizativas que permitan respectar o dereito de conciliar sen reducir.

  2. Permisos de maternidade e asimilados: 22 semanas, mais dúas semanas adicionais nos casos de discapacidade, por cada filla/o en parto múltiple, e até o límite de 13 semanas no caso de nacemento de filla/o con hospitalización da crianza. Se a filiación da outra persoa proxenitora non está determinada, a persoa proxenitora ten dereito a acumular ás 16 semanas do outro proxenitor.

  3. Permiso por nacemento para o outro proxenitor/a distinta/o da nai biolóxica, de 16 semanas (recentemente coa CIG gañamos unha sentenza polas semanas adicionais até igualar o permiso da nai biolóxica).

  4. Accidente grave, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica que precise repouso domiciliario dun/dunha familiar ou persoa convivinte en primeiro grao: 5 días; segundo grao: 4 días; sen ter en conta a localidade.

  5. Falecemento de familiar en primeiro grao: 3 ou 5 días hábiles se é na mesma ou distinta localidade. Segundo grao: 2 ou 4 días hábiles se é na mesma ou distinta localidade.

  6. Permisos para acompañamento de fillo/a ou maior dependente.

  7. Permiso parental de 8 semanas ao ano para o coidado de menores (pódese coller por horas soltas). Pendente de desenvolvemento regulamentario.

  8. Permiso por deber inescusable relacionado coa conciliación da vida persoal e familiar.

  9. Licenza para supostos de hospitalización prolongada, de até 1 mes, sen retribucións.

  10. Permiso por violencia de xénero, polo tempo necesario; retribuído.

  11. Accidente ou enfermidade moi graves (do cónxuxe, parella, fillo/a ou familiar de 1º grao): 30 días naturais, retribuídos.

  12. Lactación: 1 hora diaria. Pode dividirse en dúas fraccións de media hora ou acumularse (150 horas por cada fillo/a en xornadas completas, consecutivas ou non).

  13. Permiso por matrimonio ou unión de feito: 15 días.

  14. Vacacións. Tes preferencia a hora de escoller o período de vacacións se o teu fillo/a/s ten menos de 12 anos.

REDUCIÓNS DE XORNADA

Durante os tres primeiros anos, a Seguridade Social considera o 100% para o cálculo das súas prestacións de morte e supervivencia, maternidade e paternidade, desemprego e xubilacións, pero non para as bases de cotización para IT.

  1. Por garda legal para o coidado directo dun/ha menor de 12 anos ou persoa maior ou con discapacidade (até 4 horas).

  2. Por coidado de familiar de cónxuxe ou familiar 1º grao por enfermidade moi grave (até 3 horas).

  3. Por coidado dunha filla/o menor que padeza cancro ou enfermidade grave (até 4 horas).

  4. Por nacemento de fillas/os que teñen que permanecer hospitalizadas/os: 2 horas diarias, retribuídas.

  5. Por violencia de xénero (redución diaria por horas completas polo tempo necesario). Con redución proporcional das retribucións agás cando reduza a súa xornada nun terzo ou menos (que entón será retribuido).

SERVIZOS COMPLEMENTARIOS QUE FACILITAN A CONCILIACIÓN

Fóra da nosa Administración, son moitos os convenios e centros de traballo que recollen medidas específicas que facilitan a conciliación laboral, persoal e familiar. O servizo de comedor e cafetería, a sala de xantar, o dereito a comedor cando no teu centro se preparan comidas para as persoas usuarias ou se coincide dentro do horario laboral (recortado no 2012), a sala de lactación, escola infantil propia ou preferencia de proximidade e de centro de dia para os nosos maiores a cargo, espazos de descanso e hixiene para as gardas, traballos nocturnos e a quendas, etc.

O que non é xusto é que, o que noutras comunidades autónomas é normal (e mesmo obrigatorio), na Administración Galega temos que loitar cada avance e batallalo para non recuar.

Outras novas recentes

Luns, 29 Abril 2024

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio en Galiza

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo Precarización das condicións laborais e de vida A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...