Novas por contido

O xoves 8 de febreiro participamos nunha xuntanza co director xeral de Función Pública (DXFP), para falar de diversos asuntos. Entre eles, os concursos de traslados de corpos xerais e o das escalas de enxeñarías, ciencias e arquitectura (A1 e A2). O luns 12 van quedar aprobados na Comisión de Persoal.

Na intervención da CIG, a primeira queixa foi polos tempos. Levamos anos a voltas cos concursos permanentes, e nin sequera temos un concurso anual. Meses en que ás nosas preguntas respostan indicando as prioridades, pero non os prazos. Prioridades que nen sequera cumpren.

De súpeto, envían os borradores dos concursos sen tempo a moita discusión. E envían a relación de prazas vacantes con só dous días para revisar e alegar. Esto é inaceptable, pois falamos de 3.500 prazas entre os dous concursos.

O DXFP afirma que aínda que se aprobe o luns, haberá marxe para revisar e alegar ás prazas, ata a publicación en DOG (segundo conta, sería unhas semanas máis adiante).

En canto ás prazas que serán ofertadas, serían todas as vacantes agás aquelas que as consellerías certifiquen que queren amortizar en futuras RPTs. A CIG reclama que se convoquen todas, pero si levan adiante a retirada de postos por propostas de amortización, sería inaceptable que se concedan comisións de servizos a tales postos.

Na relación de vacantes estarían incluídas as afectadas pola lei da temporalidade (Lei 20/21), as 125 de persoal laboral vacantes que van a funcionarizar (82 de A1, 30 de A2 e 12 de AP). Engadirían tamén as prazas nas que os/as titulares xa teñen data de xubilación para as próximas semanas. Serían un total de uns 200-300 postos máis para corpos xerais que enviarán aos sindicatos este venres.

Da negociación das bases non hai moita marxe. Estes dous concursos seguen o modelo exactamente igual que os negociados e convocados nos últimos meses (gardacostas, consumo, incendios e axentes medioambientais). O único que modificaron é unha das reivindicasións da CIG: aceptan que os postos ocupados por motivos de saúde, postos que non poden ser convocados como vacantes, si sexan ofertados como "potenciais vacantes" para o caso de que quen os ocupa, que está obrigado/a a concursar, obteña outro destino. Porén, a CIG insiste en que hai que mudar cousas, como engadir as prazas que están para ser cubertas por Concurso Específico (si non son quen de executar estes procesos, que recualifiquen urxentemente as RPTs para pasalas a Concurso Ordinario), ou axustar os valores dos méritos, pois existe desequilibrio entre algúns deles.

En canto ás previsións de prazos, o DXFP manifesta que vai ser todo moi rápido, coa intención de que estes concursos estean resoltos e coa tomas de posesión, antes de finalizar este ano 2024, algo que á CIG, polas experiencias pasadas, cústalle crer. Os concursos estarían resoltos uns meses antes, pero a toma de posesión quedaría adiada ata rematar os procesos extraordinarios de estabilización (Lei 20/21), que por imperativo legal ten que ser antes do 31/12/2024. Para entón, a toma de posesión do concurso de traslados e do persoal dos procesos selectivos serían actos coincidentes no tempo.

Respecto doutros concursos, informa que en próximas semanas estarán a traballar na RPT de Política Social, para a continuación convocar o concurso das escalas sociais. Nada di do resto de concursos que quedan pendentes. Pero todo isto xa quedará para o novo goberno.

Outras novas recentes

Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...
Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...
Venres, 03 Mai 2024

Listas de substitución de persoal funcionario e laboral: actualización provisional dos méritos

No DOG do 03/05/2024 publican a RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos, correspondente ao ano 2023, das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Publican a...