Novas por contido

O xoves 4 tivemos unha Mesa Xeral de negociación de Empregados Públicos onde se trataron diversos asuntos. A convocatoria de eleicións ao Parlamento de Galiza para o 25 de setembro modifica o calendario previsto por Función Pública. O novo panorama obríga a acelerar asuntos pendentes e reducir vacacións.

Cobertura temporal de postos de persoal funcionario de escalas sanitarias (Lei 17/1989)

A consellaría de Sanidade presenta a que pretende ser a norma reguladora do procedemento para as listas de substitución dos postos de funcionario de administración especial, escalas sanitarias.

Previamente Sanidade negociou cos sindicatos con representación na Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Estatutario do SERGAS. A CIG non acepta ese procedemento e anuncia que se reserva o dereito a tomar medidas xudiciais. Non aceptamos que Sanidade negocie con quen non foi elixido polos traballadores e non o faga cos representantes legais dos mesmos.

Entendemos que a proposta é inconvinte: a Lei do Emprego Público reserva a Función Pública a competencia do desenvolvemento xeral, coordinación, control .. da execución da política de persoal. En todo caso, estamos dispostos a discutir que estas listas se regulen polo decreto 37/2006 (de aplicación a todo o persoal de administración xeral e especial) ainda que Sanidade as xestione, do mesmo xeito que fai Medio Rural coas listas de incendios.

Establecen un único ámbito de inscrición. A CIG reclama ámbitos inferiores ao nacional, como serían provincial ou agrupación de municipios. Un único ámbito non axuda á conciliación da vida laboral e familiar.

A maiores de crear listas por “clase”, crean unha “lista xeral de licenciado sanitario”, onde incluen licenciados en farmacia, en química, en bioloxía, en psicoloxía, en medicina. Esto non se adapta á estrutura de clases que existen.

Tan só abren listas para a escala de saúde pública e administración sanitaria. Deixan fora a totalidade da escala de atención primaria e especializada. Se non teñen intención de manter esta escala, que abran unha negociación.

En canto ao baremo, e ainda que mellorable, defendemos un sistema similar ao do actual Decreto 37/2006, tanto para os distintos conceptos como a súa puntuación. Incluimos aquí a puntuación por aceptar e finalizar chamamentos.

O idioma galego non pode ser un mérito. Do mesmo xeito que se lle pide a calquer funcionario nas probas de acceso, ten que ser un requisito imprescindible acreditar o seu coñecemento mediante o correspondente CELGA.

Para o miudo da regulación (procedemento de inscrición e elaboración das listas, xestión de chamamentos e penalizacións), fan referencias ao “pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do sergas”. Este pacto foi subscrito por sanidade xunto cos sindicatos representativos do persoal estatutario do SERGAS. Non foi coñecido nin participado polos representantes legais dos funcionarios afectados, polo que nos opoñemos á súa aplicación. Esiximos unha negociación completa se non se acollen directamente ao decreto 37.

As referencias a ese "pacto" que non negociaron cos representantes dos traballadores e traballadoras, implica que a comisión de seguimento que se constitua (igual que no Decreto 37), vai estar participada exclusivamente por representantes dos estatutarios do SERGAS e non polos delegados sindicais elixidos polos afectados. Esto é, que para resolver as reclamacións que existan non van intervir os delegados elixidos, senon delegados sindicais que nada teñen que ver cos reclamantes.

Con este panorama a CIG-Autonómica non só non vai apoiar esta norma, senon que estudaremos seriamente a súa impugnación xudicial.

Decreto de ordenación e funcionamento do servizo de gardacostas

A CIG solicita a revisión da estrutura xerárquica, os descansos entre quendas de 12 horas, días continuados de descanso, retirar as xeneralidades das funcións e indicar que a limpeza das embarcacións será cousa de toda a tripulación.

Informa o Director de Función Pública que están a traballar nun acordo de segunda actividade. Non manifesta unha data para remitilo, limitándose a informar que está bastante adiantado.

Estatutos do Instituto Enerxético de Galiza (INEGA)

A CIG rexeita os estatutos en base aos seguintes motivos:

  • non aportan a documentación solicitada,
  • non aportan borrador da RPT da axencia nin cadro de persoal,
  • non estamos de acordo en que sexa a axencia a que fixe a través do contrato de xestión as contías do réxime retributivo (complemento de produtividade),
  • non se exclúe de xeito explícito a potestade sancionadora en materia disciplinaria,
  • non se contempla a renuncia ao sistema de listas propias que de xeito potestativo pode artellar á axencia (Art 59 LOFAXGA),
  • non retiran as referencias á avaliación do desempeño,
  • non limitan a figura do persoal directivo a persoal da Xunta podendo contratar a xente da empresa privada,
  • non retiran o incentivo de rendemento do persoal directivo,
  • non retiran a posibilidade de que a axencia participe en fundacións,
  • non se establecen as responsabilidades da dirección e do persoal directivo en caso de incumprimento do contrato plurianual de xestión,
  • non contemplan a creación dun órgano paritario coa parte social para controlar os contratos do sector público que poidan ter como consecuencia a cesión ilegal de traballadores,
  • non se permite a participación sindical na elaboración do contrato de xestión.

O Secretario Xeral afirma estar disposto a que quede claro que non terán competencias no réxime retributivo, disciplinar, listas de contratación, etc. Comprométese a seguir o modelo de Función Pública.

Orde de integración como persoal laboral da Xunta do persoal laboral fixo de Xestur

Denunciamos a inexistencia de negociación pois o borrador do 12 de xullo é exactamente igual ao que envían para a Mesa Xeral.

Reclamamos que se manteña o literal do artigo 9.1.a) do Decreto 129/2012, que indica como requisito ter sido contratado como laboral fixo pero cumpríndose os principios de publicidade, mérito e capacidade.

Os procesos de integración non poden supoñer perda de emprego público o que implica que non se pode adscribir ao persoal a postos de traballo da Administración ou dos entes aínda que teñan a condición de vacantes. A tal fin, todos os postos de traballo serán de nova creación, non vacantes que se ocupan.

Defendemos que o persoal integrado deberá adscribirse a un posto con carácter provisional ata a celebración do primeiro concurso de traslados para o persoal laboral da Xunta de Galiza onde serán ofertadas ditas prazas e, logo da resolución do concurso, se lle ofertarán as prazas necesarias para a elección de destino definitivo.

Rogos e preguntas

Concurso corpos xerais: informa o DXFP que van publicar unha corrección de erros (posibelmente a semana que ven):

  • Puntuación de 3 concursantes, sen efectos no concurso.
  • Retirada dunha praza da Oficina de Turismo de Tui (o traballador contactou coa CIG, investigamos e efectivamente houbo un erro pois ese posto fora movido a Vigo aos poucos meses do concurso).
  • Anulan a retirada da fase de resultas dun posto no Porriño en educación. Será adxudicado á persoa que lle corresponde, quen á súa vez deixa a súa vacante e será adxudicada a outra, sen máis incidencia noutros postos.

A posesión das prazas posibelmente para setembro (non antes do 15, probable última semana de setembro, despois de resoltas todas as reclamacións).

A CIG enviou escrito solicitando relación de prazas retiradas. Temos os datos numéricos que nos facilitaron, pero insistimos na relación. O Director de F.P. comprométese a enviar os datos.

Acordo axentes medioambientais: informa o DXFP que está case definitivamente pechado, sen máis marxe de negociación.

Bombeiros forestais e 2º actividade SPDCIF: informa o DXFP que hai algo máis de marxe na negociación. Se nos centramos no acordado inicialmente irá de inmediato. Se non hai acordo quedaría para setembro. Van recoñecer a comisión de seguimento.

Consorcio: informa o DXFP que antes do martes remitirán o acordo para o persoal do consorcio no sentido de aplicar o convenio colectivo da Xunta e cun calendario de homologación retributiva.

Concurso e OEP escalas sanitarias: CIG reclama que se aborde este asunto. O concurso leva máis de dous anos de retraso incumpríndose a palabra que deran. A última OEP é do 1994.

Datas procesos selectivos corpos xeral-libre: non hai datas, en agosto non será, provable a finais de setembro.

Decretos INGACAL E AGADER: non se sabe nada.

GAIN: Función Pública ainda non recibiu a documentación. 

RPT Sanidade: está previsto para unha Mesa Xeral extraordinario que sería o martes 9.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...