Ante as informacións nas que se especula con que o goberno tamén está barallando a posibilidade de eliminar a paga extra dos empregados e empregadas do sector público, a CIG manifesta a súa frontal oposición a que sequera se prantexe esta posibilidade que consideramos “inaceptábel” de todo punto de vista. Fronte a isto denunciamos que se está intentando facer pagar ao persoal do sector público a nefasta xestión económica de gobernos irresponsábeis que favoreceron un modelo baseado na especulación e no enriquecemento duns poucos a custo da maioría da sociedade.
A CIG considera un “insulto” a todas as traballadoras e traballadores das administracións públicas que se estea poñendo en cuestión un dereito, como o de cobrar pagas extra, que é común a toda a clase traballadora. Custounos moitos anos conseguilo. O persoal das administracións públicas, até hai pouco non cobrabamos completas as nosas pagas extra. Foi unha loita de anos de negociación e de chegar a acordos nas mesas, porque só se nos abonaba soldo base e antigüidade.
No ano 2010, cando se decretou o recorte salarial, as pagas extra das traballadoras e traballadores das administracións públicas xa sufriron un recorte dun 15%. Neste intre xa non estamos cobrando as nosas pagas extra completas como lle correspondería a calquera traballador/a.
Tocar de novo os salarios, xa mermados porque ao longo destes últimos anos xa se reduciron nun 23%, o que vai provocar é un empobrecemento a pasos axigantados do persoal que neste momento traballa nas administracións. Neste sentido, o goberno de Mariano Rajoy retrotraería ás empregadas e  empregados do sector público ás condicións laborais e salariais que  tiñamos en tempos pasados nos que as condicións eran tremendamente  precarias. Xunto a iso, atópase a amenaza de desaparición de miles de postos de traballo que implicarína un aumento do desemprego, que afondaría aínda máis no empobrecemento da clase traballadora e no retraimento do consumo.
Desdea a CIG responsabilizamos da actual situación aos gobernos irresponsábeis que fomentaron políticas que favoreceron un modelo de economía especulativa fronte á economía real. Agora pretenden que paguemos a súa incompetencia as traballadoras e traballadores públicos cos nosos salarios ou cos nosos postos de traballo e iso non o podemos tolerar.
Táboa cos recortes salarias dos últimos anos
Elaborada a partir de datos do INE e dos orzamentos xerais do Estado desde o ano 2002 até este.
| ANO | IPC GALIZA | IPC ESTADO | SUBA SALARIAL | DIF GALIZA | DIF ESTADO | 
| 2002 | 3,8% | 3,5% | 2% | -1,8% | -1,5% | 
| 2003 | 3,1% | 3,0% | 2% | -1,1% | -1% | 
| 2004 | 3,0% | 3,0% | 2,7% | -0,3% | -0,3% | 
| 2005 | 3,4% | 3,4% | 2,6% | -0,8% | -0,8% | 
| 2006 | 3,5% | 3,5% | 2% | -1,5% | -1,5% | 
| 2007 | 5,3% | 4,9% | 2% | -3,3% | -2,9% | 
| 2008 | 2,1% | 2,1% | 2% | -0,1% | -0,1% | 
| 2009 | 2,6% | 2,1% | 2% | -0,6% | -0,1% | 
| 2010 | 4,5% | ,0% | -5% | -9,5% | -9,0% | 
| 2011 | 3,6% | 3,1% | 0% | -3,6% | -3,1% | 
| TOTAL | 34,9% | 32,6% | 12,3% | -22,6% | -20,3% | 
 
								
									