Novas por contido

A CIG denunciará diante dos grupos parlamentarios os incumprimentos do Goberno galego en conciliación familiar e laboral

Este mércores manteremos un encontro cos grupos parlamentarios galegos para propoñerlles a presentación dunha proposición non de lei instando á Xunta de Galiza a respectar a lei de igualdade en materia de conciliación familiar e laboral. No encontro que terá lugar na institución autonómica este mércores ás 11.00 horas dirixirémonos aos grupos parlamentares para denunciar os atrancos do Goberno galego á correcta aplicación da lei de igualdade en materia de conciliación familiar na Administración pública autonómica.

Ao mesmo tempo, proporémoslle a presentación dunha proposición non de lei na que se inste a respectar a vixencia dunha lei que a Xunta está a intentar cambiar mediante normas de rango inferior. Neste senso, lembramos que a lei galega de igualdade, 7/2004, no seu artigo 44, recolle o dereito á flexibilidade laboral por razóns familiares ao persoal da Administración pública galega. Recoñece o máis amplo horario diario de referencia para realizar xornada laboral con total liberdade no caso de ter fillos/as menores de 12 anos ou persoas maiores a cargo.

Posteriormente a Xunta desenvolveu este aspecto da lei a través da Orde do 20 de decembro de 2013. Porén, varios aspectos dela chocan frontalmente coa lei cando se intenta establecer con carácter xeral un horario de referencia, xa que na lei recoñécese que este é establecido por cada centro en función das súa realidade. Chégase así ao absurdo de non poder traballar os venres pola tarde na Administración xeral da Xunta a pesar de que moitos dos seus centros e edificios administrativos permanecen abertos e accesíbeis ao público. A CIG xa presentou un recurso contencioso contra este intento de vulnerar unha lei a través dunha norma de carácter administrativo.

Actualmente a Xunta puxo enriba da mesa unhas instrucións para regulamentar a norma anterior, que continúa no camiño de limitar cunha norma inferior un dereito recoñecido amplamente pola lei. Agora trata de establecer un horario de presenza obrigatorio para este tipo de flexibilidade familiar e mesmo valorar as condicións particulares máis aló das que establece a propia lei.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...