Novas por contido

Suspenso en transparencia, con respecto á lingua galega e no eido da igualdade. Este é o balance despois da derradeira xuntanza de 2019, o pasado xoves 19 de decembro, do Consello Reitor da EGAP, nunha sesión centrada na presentación por parte da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos González, do informe das actividades de 2019 da EGAP e da programación para 2020.

Absoluta falta de transparencia da EGAP

A EGAP, lonxe de dar conta dos datos que permitan obter dun xeito rigoroso e válido a información sobre o seu desempeño e o grao de consecución dos obxectivos e os fins marcados pola Lei 4/1987 de creación da EGAP, e a Lei 10/1989, pola que se modifica a devandita Leilimítase a proporcionar meras listaxes e a dar cifras soltas carentes de utilidade e relevancia ao non estar postas en relación con ningún indicador que poida amosar de forma clara e concisa que actuacións desenvolveu, de que xeito as desenvolveu, cales foron os seus resultados, que persoal se beneficiou delas e cal non, e o nivel do seu desempeño e da calidade obtidos co seu traballo (cursos, xornadas, publicacións, subvencións, convenios, contratos, premios, etc.). Toda a información precisa para unha mínima transparencia non se está a pór a disposición nin dos/as integrantes do Consello Reitor, nin dos/as usuarios/as nin da cidadanía en xeral a través do propio web da EGAP. Chega con botar unha simple ollada ao web da Escola para verificar que o sitio está desactualizado e falto xa non só das estatísticas mínimas sobre a súa actividade, senón tamén dos datos básicos sobre as súas actuacións.

Transparencia cero sobre a formación directa e a formación indirecta (convenios, subvencións)

Dende a CIG reiteramos o pasado día 19 de decembro a nosa solicitude no Consello Reitor de que se faciliten datos desagregados das actuacións levadas a cabo pola EGAP (sexo dos/as solicitantes e dos/as beneficiaros/as e dos/as traballadores/as non admitidos/as, categoría profesional, consellaría, ente, área de especialización, lugar de impartición, media de cursos feitos, etc), e unha maior información con respecto a toda a formación organizada directamente pola EGAP.

Dende a EGAP, porén, limítanse a facilitar unha vez máis nos seus informes o número de edicións dos cursos ou xornadas, e o número de prazas ofertadas ou, se cadra, as medias de satisfacción cos cursos do persoal que os fixo (tiradas das enquisas de satisfacción, das que este decembro por primeira vez se indica o número de enquisas cubertas xunto coa media), sen ofrecer en ningún momento información válida nin conveniente, que contemple cifras tan básicas como o número de solicitudes recibidas, e número de persoas admitidas xunto coa cuantificación das denegacións. Estes informes, ademais, non recollen datos de enquisas ou sondaxes que abrangan as valoracións ou percepcións que das actuacións da EGAP ten non só o persoal que se beneficia das actividades formativas, senón tamén daquel persoal que non accedeu a ningunha formación ou só accedeu a parte da formación solicitada.

Ademais das peticións de transparencia, insistimos tamén dende a CIG na necesidade de que se aclaren os criterios cos que se están a conceder varios cursos de formación a determinado persoal, mentres outro persoal non logra acceder a ningún ou practicamente ningún, e non ten acceso tampouco á puntuación obtida e aos motivos das denegacións. Demandamos que se remate co sistema actual totalmente insatisfactorio e opaco, e que se establezan mecanismos ou instrumentos de traballo, con representación dos sindicatos, mediante os que se garanta a transparencia e se estuden, se avalíen e se consensúen os criterios de admisión á formación impartida pola Escola, cun tratamento igualitario ao persoal da Xunta de Galiza.

Na mesma liña de actuación da EGAP, con respecto aos convenios e subvencións, non se achega máis información durante as xuntanzas do Consello Reitor que unha copia dos propios convenios formalizados no ano 2019, con universidades, colexios profesionais, e distintas consellarías e entes da Xunta de Galiza, ou meras cifras totais do orzamento investido ou do número de plans formativos subvencionados. Reiteramos que é necesario facilitar datos cuantitativos e cualitativos máis alá do número de edicións e do número de prazas de formación continua, e do número de plans formativos ou prazas impartidas a través das subvencións concedidas. Queremos saber que convenios se renovan anualmente e cales son convenios novos, queremos que se publiquen e difundan as relacións completas dos cursos que vai impartir cada entidade, así como que se inclúan estes cursos no web da Escola e no seu sistema de avisos nos casos nos de cursos destinados a persoal da propia Xunta de Galiza (consellarías, entes, etc.). Tamén que os datos se desagreguen: número de horas, número de prazas ofertadas e aproveitadas, modalidade dos cursos (presencial, teleformación, mixta), áreas temáticas das actividades derivadas destes convenios, persoal beneficiario desagregado en mulleres/homes, emprego do galego nestas actividadades (docencia, documentación), etc.

Non é admisible que a EGAP nos estea indicando que cumpre rigorosamente coa transparencia, remitíndonos unicamente aos datos mínimos do Portal de Transparencia da Xunta de Galiza, portal onde no momento de publicación deste artigo, ademais, só é posíbel consultar tres convenios dos máis de 60 asinados en 2019. 

Silencio e opacidade absolutos sobre o rexistro de persoal formador da EGAP

Os sindicatos, o persoal da Xunta de Galiza e o resto da cidadanía carecemos de datos do persoal formador da EGAP, cuxo rexistro debería ser público, tal e como estipula a normativa de transparencia, e tal e como xa se recollía na propia Resolución de 13 de novembro de 2007 pola que se establece unha base de datos de formadores/as, e na cal se indica o seguinte:

A EGAP poderá dar información na súa páxina web e nas súas publicacións sobre os formadores inscritos na base de datos que participen en actividades formativas e tamén sobre os resultados das súas avaliacións. Así mesmo, a EGAP poderá facilitar información contida na base de datos a organismos da Xunta de Galicia para a planificación de actuacións formativas.

A pesar das solicitudes feitas por parte da CIG, non dispoñemos na actualidade de ningún dato sobre este rexistro, e sobre o volume de inscricións existente en cada área formativa, sobre as altas e baixas, e sobre que persoal presentou unha solicitude expresa de inscrición e cal foi inscrito de oficio; sobre que persoal está a exercer e cal non, ben como profesores/as, como titores/as ou como coordinadores/as ou directores/as dos cursos e demais actividades formativas da EGAP, e que volume de cursos imparten anualmente.

Tampouco facilita a EGAP información sobre a capacitación lingüística en galego dese persoal, sobre os criterios de selección dos/as formadores, sobre canto persoal formador procede da comunidade galega e canto doutras comunidades, con que formación contan e de que área de especialidade, cuantificación en mulleres/homes, resultados das avaliacións, etc. Ademais, segundo o indicado na propia páxina web da EGAP, denominada Rexistro de formadores e entidades online, nese rexistro existen dúas modalidades de candidatura: a de “formadores” (persoa física ou empresa) e “entidades colaboradoras” (persoa física ou empresa). Toda esta información carece da debida transparencia, e non temos nin un só dato sobre as entidades formadoras ou colaboradoras da EGAP.

Lembrámoslle, ademais, á EGAP que debe poñer a disposición pública o catálogo de áreas formativas “de acordo coa planificación, co diagnóstico das necesidades formativas ou coas demandas reais de formación específica dos empregados públicos. Este inventario estará actualizado na súa páxina web”, tal e como dispón a cláusula terceira da devandita Resolución do 13 de novembro de 2007. Na actualidade a EGAP non ten esta información a disposición dos/as usuarios/as

É preciso e indispensable dispoñer dos criterios, claros e precisos, polos que se establecen por parte da EGAP o seu catálogo de áreas formativas, que entendemos que deberían vir determinados por diagnósticos de necesidades formativas, diagnósticos que a EGAP a día de hoxe non elabora. Esas áreas de coñecemento, unha vez establecidas con base nas necesidades detectadas no persoal, son as que deberían determinar tanto a programación como o a selección do persoal que figure no rexistro de formadores/as.

Dende a CIG reiteramos unha vez máis na xuntanza do Consello Reitor a nosa solicitude de transparencia e de que se fagan públicos todos estes datos e a información de cara á cidadanía e a todo o persoal usuario.