Novas por contido

Suspenso en transparencia, con respecto á lingua galega e no eido da igualdade. Este é o balance despois da derradeira xuntanza de 2019, o pasado xoves 19 de decembro, do Consello Reitor da EGAP, nunha sesión centrada na presentación por parte da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos González, do informe das actividades de 2019 da EGAP e da programación para 2020. 

A EGAP incumpre a súa lei de creación e os fins encomendados con respecto á lingua galega

Nas distintas xuntanzas do Consello Reitor do ano 2019 a CIG solicitou o cumprimento por parte da EGAP de todos e cada un dos fins que por lei ten establecidos con respecto ao galego (Artigo 3.5 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública):

  • A difusión e normalización do idioma galego na Administración pública
  • A capacitación lingüística do persoal
  • A participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega

A EGAP está a reducir unicamente á capacitación lingüística as súas obrigas con respecto á lingua galega, e tanto é así que, ademais, suprime a mención completa dos fins estipulados na Lei na páxina de Transparencia do seu web.

Na xuntanza deste 19 de decembro de 2019 volvemos formular dende a CIG ante o Consello a nosa solicitude de datos do galego na EGAP. Queremos coñecer cales son os indicadores que hai do seu emprego e o nivel de cumprimento dos distintos fins da EGAP, non só no referido á formación, senón tamén á difusión e normalización do galego, e tamén no eido da fixación das linguaxes de especialidade. Salientamos, novamente, e chamamos a atención de todos/as os/as integrantes do Consello Reitor, sobre o feito insólito de que non haxa nin unha soa mención sobre o galego nos informes sobre as actividades da EGAP presentados, fóra dos cursos de lingua galega que están na súa programación. Nin tan sequera se recollen indicadores sobre o emprego do galego en ningunha das actuacións da EGAP, tanto no referido á formación (docencia, material escrito, material audiovisual, plataformas virtuais, formación lingüística do profesorado, etc.) como no referido ás publicacións e investigacións da EGAP, ou mesmo, por exemplo, aos premios outorgados pola Escola, como os premios Colmeiro.

Cónstanos que no eido da formación, como no das publicacións e premios, ou na formación impartida a través de convenio ou subvencións non se está a vincular nin fomentar o emprego do galego, nin se están a establecer mecanismos que garantan uns mínimos de uso do galego no funcionamento e actuacións da EGAP, senón todo o contrario. Non se garante que o material dos cursos e xornadas estea en galego, nin que a formación se imparta en galego, mesmo cando o profesorado é galego ou pertence á propia Administración galega.

É patente que a xestión lingüística axeitada e acorde cos fins da EGAP non está a facerse, desde o momento en que nin nas denominadas “enquisas de satisfacción”, as únicas enquisas que fai a EGAP, que son voluntarias e que cubre un volume de persoal moi reducido (só unha parte do persoal beneficiario da formación, cuxa cuantificación descoñecemos a día de hoxe), se está a recoller nin un só ítem sobre o galego no ámbito tan só da formación. Debido a isto, nas xuntanzas de 2019 reiteramos a nosa solicitude de que se lle dea cumprimento á lei e aos fins da EGAP con respecto ao galego que están establecidos nela que, insistimos, non se limitan unicamente a cursos de formación de galego e capacitación profesional na lingua, senón que abranguen a difusión e normalización do galego e mellorar as linguaxes e rexistros de especialidade do galego (xurídico, científico, técnico, etc.). Non temos datos sobre o cumprimento destes fins, non se recollen estatísticas sobre o uso do galego na docencia, nos materiais que emprega a EGAP, etc. Esiximos, polo tanto, o cumprimento da lei por parte da EGAP, e o deber de incorporar indicadores sobre a lingua galega en todos os informes sobre as súas actividades.

Insistimos en esixir ante o Consello Reitor que se cumpra a lei con respecto á lingua galega, polo que solicitamos:

1. A elaboración e implantación dun plan de difusión, normalización e formación do galego, diferenciado do resto da programación da EGAP, a través do cal:
1) se promova e normalice o uso do galego en todas as esferas de actuación da EGAP, garantindo o seu emprego na docencia e nas comunicacións orais e escritas, incluída a tradución de lexislación e outros materiais, de xeito que as actuacións non se limiten a eventos e contextos cerimoniais ou protocolarios, como as inauguracións e clausuras de cursos;
2) se faga un plan de difusión da lingua tanto a través da investigación como das publicacións, do web da EGAP e de tomas as comunicacións orais e escritas, que atendan a divulgación dos rexistros técnicos e especializados;
3) se diversifique a formación e a oferta existente na capacitación lingüística do persoal da Administración.
O obxectivo é impulsar a lingua e dinamizar o seu emprego, coidando de que se garanta na docencia, e en todas as esferas de actuación da EGAP: que se vincule aos premios da EGAP; que se promova nas publicacións e investigación, nos premios Colmeiro (que deberan vincularse á realidade lingüística galega), no material en todas as  actividades en xeral da EGAP, e que garanta a calidade lingüística nos diferentes esferas da actividade da EGAP, ademais de que queden articulados mecanismos que elimen os atrancos existentes, en cumprimento da Lei de creación da EGAP e os fins establecidos nela.

2. Que se desenvolvan e implanten indicadores para a recollida e tratamento de datos estatísticos sobre o galego: non se está a recoller nin un só indicador que permita comprobar o cumprimento dos fins da EGAP con respecto ao galego. É indispensable elaborar enquisas específicas sobre o galego nas actividades da EGAP, e teñen que incorporarse indicadores do galego nas enquisas que actualmente está a facer a EGAP, así como nas sondaxes xerais que elabore no futuro, onde se recaden datos sobre porcentaxes de cursos impartidos integramente en galego, lingua dos/as coordinadores/as, xestores/as e relatores/as; porcentaxes de material en galego; formación impartida ao profesorado; publicacións en lingua galega, investigación e premios; eventos e actuacións de difusión e de normalización, etc.

Ante todas estas peticións feitas o pasado 19 de decembro, a CIG non recibiu nin unha soa resposta por parte da EGAP nin de ningún dos integrantes do Consello Reitor (Función Pública, representantes das universidades, da Administración, da Fegamp, etc.), a non ser a da propia directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos González, negando que a Escola teña outro fin con respecto ao galego máis alá da capacitación lingüística.

En definitiva, lembramos aquí que o Comité de Expertos do Consello de Europa, no seu demoledor último informe sobre os incumprimentos da Carta europea das linguas minorizadas por parte da Xunta de Galiza, vén de indicar que o emprego da lingua na Administración non mellorou en absoluto nin é suficiente para satisfacer as necesidades da poboación galegofalante, e urxe o incremento do emprego do galego nos servizos públicos.

Dende a CIG esixímoslle á EGAP que cumpra a Lei da súa propia creación, e a propia lexislación galega, así como o establecido nos tratados internacionais, de forma que a lingua galega sexa a lingua cotiá e normal da EGAP, que sexa a lingua habitual en todas as esferas de actuación da Escola, ademais de que se desenvolvan de xeito urxente actuacións para a súa difusión e normalización, e para o desenvolvemento das súas linguaxes de especialidade na Administración, e en todas as actuacións que a EGAP leva a cabo tamén a través de subvencións e convenios, esixencia que aproveitamos para estender ao propio ámbito do Consello Reitor.