Novas por contido

Sae no DOG de hoxe, venres 5, a ampliación de prazo para a resolución do concurso de traslados de administración xeral.

Primeiro, dicir que nos resulta vergoñento falar deste tema, pois de todas as falcatruadas e ineptitudes de Función Pública nos últimos anos quizais esta sexa a que leva a medalla de ouro.

Segundo, Función Pública, CCOO e UGT tiveron reunión onte (supoñemos que da comisión do “Acordiño”), onde xa lles filtraron a eles, que son forzas minoritarias entre o persoal funcionario, esta nova que estiveron toda a mañán difundindo polos centros de traballo como se fora un logro.

Terceiro, por primeira vez Función Pública relaciona oficialmente (cousa que levamos dicindo nós dende xaneiro) que a resolución do concurso está condicionada coa finalización dos procesos selectivos.

Cuarto, na CIG levamos insistindo dende hai moito tempo e a solución é doada: retirada deses postos que están a bloquear a resolución do concurso.

Aínda así, e a pesar de obviaren a solución proposta por nós, puideron facer máis: dar orde aos tribunais para que traballasen de mañán e tarde, full time, para axilizar os procesos (no caso do A1 teñen que corrixir 600 exames de 2 temas cada un) e non reunirse unha vez cada semana polas tardes.

Quinto, os xestores de Función Pública son tan cobardes que nin sequera dan unhas datas aproximadas de resolución do concurso. Se lemos con literalidade da Resolución o prazo de ampliación vai ser de 6 meses (non de 3 como comentaron onte a maioría do persoal nos corredores). 

Sexto, están a cometer un fraude de lei. A lei de procedemento habilita a ampliar o prazo de resolución excepcionalmente cando se esgoten os medios persoais e materiais, pero eles o fan porque non poden resolver o concurso sen facelo simultaneamente cos procesos selectivos. Nin para artellar unha argucia legal valen.

As nosas contas xa ían por aí pero agora teñen que saír do cubil e dar a cara, poida que esperemos logo ata abril.... E o tipo segue sen dimitir, e Feijoo e Rueda apoiando.

E OS DEMAIS CONCURSOS?
Concurso de escalas e especiais: menos información aínda. Nen sequera respostan nada cada vez que lles preguntamos.
Concurso de persoal laboral: directamente rexeitan unha futura convocatoria de concurso, forzando así a que o persoal laboral fixo acepte funcionarizarse e tivemos que ir ao xulgado..
Concurso específico: outra cuestión que non respostan. Xa fai anos que inventaron este híbrido entre libre designación-comisión de servizo-concurso ordinario, e non teñen interese en regulalo nin executalo, pois así colocan“a dedo” nos postos a quen lles interesa. 
Concurso de veterinarios: “estamos traballando nelo”, di o DXFP, ao que engade que Sanidade ten avanzada a súa RPT. Comprometeuse a que habería “algunha negociación” en “vindeiras semanas”. É dicir. que a cousa vai para longo.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...