Novas por contido

A CIG aporta unha SOLUCIÓN: retirada dos postos que impiden que o concurso se resolva.

Cando polo ano 2019 se negociaron e aprobaron as bases do concurso de traslados de corpos xerais, dende a CIG XA ADVERTIMOS que a inclusión de determinados postos podería causar un problema.

Aínda que a nosa idea é incluír sempre TODAS as prazas vacantes, iso non obsta a que teñamos claro que incluír determinados postos pode PARALIZAR un concurso. Incluír postos ocupados por persoal laboral indefinido non fixo ANTES de que eses postos saian nun proceso selectivo podería xerar problemas, como XA OCORREU no anterior concurso, cando funcionarios de carreira que tomaron posesión neses postos tiveron que saltar a posteriori ao ditarse sentenzas que confirmaban que eses postos non poderían saír ao existir unha reserva sobre eles. E ainda que a intención de Función Pública fora resolver eses procesos selectivos antes que o concurso, xa daquela a nós non nos parecía moi intelixente ancorar a resolución dun concurso a unha futurible resolución duns procesos selectivos. E apareceu o COVID-19 para complicalo todo, cos procesos selectivos parados, sen que estean feitos nin os primeiros exercicios.

De aí que dende a CIG fixéramos esa observación varias veces, tanto na Comisión de Persoal do 14/10/2019 onde se votou a convocatoria do do concurso e onde dixemos:

En canto aos postos vacantes ocupados por persoal laboral indefinido non fixo, ofertalas en concurso sen pasar por proceso selectivo é meterse nun follón xudicial. Función Pública asegura que van facer coincidir a elección de destino dos procesos selectivos coa toma de posesión do concurso. Non nos parece moi realista, veremos se o que están a facer non será meterse nun xardín.

Como anteriormente na Mesa Xeral do 09/10/2019:

Prazas ocupadas por persoal laboral indefinido non fixo: ofertar estas prazas de persoal funcionario ocupadas por persoal laboral con sentenza xudicial de indefinición é meterse nun problema. A ocupación destas prazas no concurso de traslados vai dar lugar a posteriores sentenzas de readmisión e indemnización como xa ocorreu no anterior concurso de traslados de corpos xerais, onde funcionarios/as que concursaron tiveron que saltar da praza por unha reclamación posterior de persoal indefinido con sentencia estimatoria. Este problema tiña que telo resolto Función Pública convocando esas prazas en procesos selectivos para poder liberalas para un concurso de traslados e non o fixo en catro anos. Ofertar agora en concurso esas prazas sen especificar que a toma de posesión do concurso e do proceso selectivo serán coincidentes no tempo, cousa case imposible, nos vai levar a múltiples impugnacións.

Todo isto que xa comentamos E ADVERTIMOS hai máis dun ano, está pasando agora. Dende a CIG defendemos que quen concursa poida optar a todos os postos vacantes, sempre que non exista un problema legal con eles. Función Pública non se pode agochar como está facendo e non dar solucións. Non pode non responder.

E mentres tanto, algunhas das persoas afectadas recorreron xudicialmente o concurso o que nos pode levar a alongar durante un ano máis o proceso.

Se o problema son esas prazas de persoal funcionario ocupadas por persoal indefinido non fixo, a solución máis doada é suprimilas do concurso e incluílas nun concurso extraordinario posterior. E con isto xa desaparecerían os atrancos.

Que facemos coas novas vacantes?

Dende a convocatoria do concurso fai máis dun ano xeráronse moitísimas novas vacantes, nun número moi superior ás 90 prazas que conviría retirar do concurso. Podemos engadilas ao actual concurso?

O que temos claro é que engadir novas prazas obrigaría a reabrir o prazo de solicitude, xa que calquera funcionario/a que non concursou podería tumbar xudicialmente a inclusión de novas prazas.

Esto implicaría novos prazos, máis tempo. Así que en principio, incluír novas prazas suporía un novo retraso que non queremos. Pero habería que valoralo. De cantas prazas e de canto tempo falamos? Para decidir, teriamos que sentarnos con Función Pública con datos de prazas e de prazos. Sen eses datos, en principio, pensamos que non convén un novo atraso.

Todo este lio ten unha raíz: anos e anos de gobernos do Estado con taxas de reposición de efectivos que impediron a convocatoria de oposicións, xunto cunha chea de contratacións en fraude de lei na Xunta, que deron lugar a unha enorme cantidade de sentenzas de indefinición. E todo isto sen que aparecese a cabeza de ningún responsábel nunha bandexa de prata.

Que lonxe queda aquela negociación co goberno galego que comezamos no ano 2017 co obxectivo de chegarmos a unhas bases xenéricas de concurso para axilizar todos os concursos para que todos os anos puidésemos ter un ou dous concursos para todos os corpos/escalas e categorías!!

Por iso dende a CIG e ante a inacción e falta de iniciativa de Función Pública, querermos aportar unha SOLUCIÓN bastante CLARA E ÁXIL, haxa ou non que modificar as bases, e que consistiría no seguinte:

  1. Retirar os postos afectados por declaracións de indefinición.
  2. Valorar a conveniencia da inclusión das novas vacantes xeradas ata o momento e a implicación que isto tería na reapertura dos prazos.
  3. Comunicación persoal a cada concursante de que está a disposición o listado de postos de cada persoa cos postos retirados resaltados e cos novos postos que se poden incluír.
  4. Redución de prazos para axilizar.
  5. Resolución do concurso.

Este proceso non debería pasar dos dous meses, aínda que unha vez resolto e unha vez que rematen os procesos selectivos onde están incluídos os postos vacantes ocupados por persoal laboral indefinido non fixo, e antes de que se ofrezan nos actos de elección de destino das persoas que aproben, ten que saír un concurso extraordinario sen o requisito dos dous anos de permanencia no posto, para que o persoal funcionario que participou no concurso xeral poida volver a optar a eses postos que foron retirados do concurso.

Para todo isto hai que poñerse xa mans á obra e mellor hoxe que mañá, así que esixímoslle a Función Pública que nos dea conta do que hai e estude con urxencia a solución proposta.

Outras novas recentes

Luns, 13 Abril 2026

Xubilación anticipada para os Gardacostas: crónica dunha discriminación

Urxe desbloquear o expediente para a xubilación anticipada do persoal de Gardacostas. A falta de actuación tanto da Xunta, que non se adheriu ao procedemento, como do Estado, mantén paralizada a súa tramitación. O persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza continúa nunha situación de discriminación que, a día de hoxe, segue sen solución. Nos últimos días volvemos a...
Venres, 17 Abril 2026

A CIG esixe a publicación inmediata da toma de posesión dos axentes ambientais

As persoas que aprobaron o proceso selectivo da escala de axentes técnicos en xestión ambiental, do corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (Resolución do 16 de novembro de 2023, publicada no DOG núm. 221 do martes 21 de novembro do 2023), seguen sen coñecer en que data van tomar posesión...
Mércores, 15 Abril 2026

A CIG logra que as traballadoras da AGASS teñan protección ante o risco biolóxico no embarazo

A CIG, hai xa dez anos, que logramos a protección das traballadoras embarazadas das escolas infantís do Consorcio, fronte o risco biolóxico no embarazo, tras unha sentenza dun xulgado do social de Vigo, ratificada polo TSXG. Non foi doada a aplicación plena da sentenza e a implementación dun protocolo que protexera as traballadoras embarazadas dende o momento que...