Novas por contido

Dentro dunha semana imos chegar ao ano e medio dende que se convocou o concurso de traslados de corpos xerais, o 27/11/2019. En ningunha administración, nin na máis bananeira, un concurso de traslados se prolonga tanto no tempo e neste aínda non sabemos canto tempo máis se vai prolongar.

Hai dous meses e medio que publicaron a lista provisional de admitidos/as e iso nun concurso é a prehistoria do mesmo.

A última “promesa” de Función Pública é que a resolución ía ser antes das vacacións do verán. Serían dous anos para resolver un p… concurso. Iso non se parece en nada a como se resolven outros concursos con máis persoas na mesma administración, tal e como che temos contado aquí.

Hai meses a CIG, sospeitando cal era o problema para non resolvelo (ademais das poucas gañas que ten Función Pública de facelo para seguir mercadeando coas comisións de servizo), puxo enriba da mesa o problema e aportou unha solución: o problema eran os 82 postos base ocupados por persoal laboral indefinido que as sentenzas obrigan a ofertalos nun proceso selectivo. A solución proposta por nós era retiralos deste concurso e ofertalos no seguinte, unha vez resoltos os procesos selectivos de libre.

Non pode ser que 82 postos teñan paralizado 1.900 postos que se ofrecen e o dereito de 3.345 persoas que concursan.

Ao mesmo tempo, esta tardanza está a xerar unha bolsa de vacantes que xa non entran no concurso, moitas delas son postos de nivel.

Na mesa xeral do martes 20/04/2021 a CIG lembroulle ao director xeral de Función Pública o que el mesmo informou hai uns meses: que o listado definitivo de persoas admitidas/excluídas sairía en marzo, que o baremo provisional sería en marzo/abril, e a resolución antes do verán. Evidentemente xa non cumpren, así que ante as nosas preguntas, esta foi a resposta do máximo responsable da xestión das políticas de persoal: que tiña que consultar.

Temémonos que o que están a barallar e adiar o concurso ata que se resolvan os procesos selectivos de libre e promoción interna para non ter o problema coas demandas que poida haber por ofertar as 82 prazas que antes comentamos. E non sabemos nin cando van rematar os procesos de libre xa iniciados, nen sequera cando van comezar os que faltan de libre (C1, C2 e AP) e toda a promoción interna aínda que na mesa insinuou que poderían ser no mes de xullo.

Queremos datas concretas e querémolas xa, tanto para o concurso como para a promoción interna e os procesos de acceso libre. Non se pode ter a máis de 3.000 persoas sen saber cando se vai resolver un concurso, a máis de 1.600 sen saber cando vai ser a promoción interna e a máis de 33.000 sen saber cando son os exames de acceso libre.

Outras novas recentes

Venres, 28 Novembro 2025

Carreira extraordinaria ou maratón ordinario? Últimas novidades

A carreira extraordinaria que se iniciou no 2019, e que nos venderon que era para que a xente que tiña xa certa antigüidade non tivera que comezar de cero a través da ordinaria, parece máis ben un maratón. Imos facer 7 anos coa carreira e a día de hoxe aínda estamos cobrando só o grao II. Si o obxectivo da carreira extraordinaria era colocarnos a cada un no grao de carreira...
Martes, 02 Decembro 2025

O mércores 3 de decembro abre o prazo para solicitar a carreira extraordinaria de 2025

👥 QUEN A PODE SOLICITAR? Persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas do persoal funcionario sanitario da Lei 17/89 e doutras Administracións que preste servizos nesta, e dos entes da LOFAXGA 45 a) O persoal laboral que asine o compromiso de participar e superar o proceso de funcionarización Sempre que NON obtivese ningún grao na...
Venres, 28 Novembro 2025

Puntuacións provisionais do concurso de traslados da Administración xeral da Comunidade Autónoma

No DOG do 28/11/2025 publican a RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, convocado pola...