Novas por contido

Esta regulación entra no miolo da organización do persoal ao servizo da Administración Autonómica ao procedimentar a maneira de como o funcionariado vai poder cambiar de posto de traballo.

A Xunta de Galiza publicou no DOG do luns 12 de setembro o Decreto que regula os procedementos de mobilidade do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos entes públicos autonómicos. A publicación chega ben fría, tres anos e medio despois de pasar polas mesas de negociación a comezos do ano 2019.

Daquelas, a Dirección Xeral da Función Pública fixera un "paripé" de negociación do texto, proposta que contou coa oposición frontal da CIG e do resto de organizacións sindicais, por falta de diálogo e verdadeiro espírito negociador, pois ningunha das alegacións ao texto fora recollida naquel momento.

En xeral, é unha oportunidade perdida para regular aspectos que necesitan unha revisión (por exemplo, as comisións de servizos), e no que si entra é no concurso específico, a verdadeira motivación deste decreto.

O Decreto regula as tres maneiras de acceso ordinario aos postos da Administración por parte do persoal funcionario: libre designación, concurso ordinario e a modalidade que leva anos agardando, o concurso específico.

Esta última modalidade (basicamente para xefaturas de servizo, habilitacións e direccións de centros), ten un marcado carácter discrecional. Constará dun baremo de méritos (55%) e valoración de capacidades a través de probas, test, memorias e mesmo entrevistas. No proceso de selección de cada posto intervirá unha comisión conformada polas persoas que decida a mesma consellería que ofrece o posto (e sen control sindical). Aos cinco anos do nomeamento haberá unha revisión, polo que veremos a moito xefe e xefa co cu apertadiño e compracente cos/coas superiores.

Menciona o concurso ordinario "permanente", pero non compromete ni prazos para convocar os concursos nin prazos para a súa resolución, e queremos lembrar que o último concurso tardou tres anos en finalizar, e que hai escalas que levan dez anos sen concurso.

En canto a regulación da provisión de postos de maneira excepcional non toca nada do xa regulado no anterior decreto. Así, as comisións de servizo seguirán sendo adxudicadas a dedo, sen baremación e sen transparencia, con rebasamento do tempo máximo de dous anos para varias modalidades, sen problemas a realizar cruzamentos ou encadeamentos. O importante aquí para as persoas que teñen a responsabilidade política da Administración é.. que nada cambie.

Tamén aproveita para meter no saco algo que non ten que ver en demasía coa mobilidade como son as áreas funcionais que permiten identificar as peculiaridades laborais de cada praza e acadar máis puntuación para o concurso de méritos.

Aínda que o texto regula a mobilidade do persoal funcionario de carreira, esqueceron regular a posibilidade de permutas entre persoal interino ao mesmo xeito do que xa fai a consellería de educación entre interinos/as docentes, para cumprir así coa doutrina sentenzada polo Tribunal Constitucional.

En definitiva, neste Decreto o que implica discrecionalidade non cambia. O que implica independencia nas funcións, queda máis sometido. O que implica avances, vai cara atrás ou se esquece. Unha oportunidade perdida.

Outras novas recentes

Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...