Novas por contido

Na Comisión de Persoal do martes 13/12/2011, a CIG-Autonómica vén de demandar á Dirección Xeral da Función Pública aclaracións sobre as repercusións para os empregados públicos do novo Decreto 218/2011, de certificación de competencias dixitais.

Este decreto, publicado no DOG do 30/11/2011, e aprobado sen negociación coas organizacións sindicais, vén a introducir unha nova certificación que pode ser esixida como mérito ou como requisito de participación en procesos de provisión de postos (concursos de traslados) e de selección de persoal (promoción interna e acceso á función pública), o que significa que terá importantes efectos no futuro para o desenvolvemento profesional de todos os empregados públicos da Xunta de Galicia.   

O referido decreto dispón que esta nova certificación de competencias dixitais pódese acadar mediante a realización de probas libres, por medio da validación de módulos de formación profesional e a través de accións formativas na EGAP ou en organismos e entidades supervisados e baixo o control da nova Axencia de Modernización Tecnolóxica. 

No entanto, a falta de información concreta por parte da Administración nun tema de tanto calado está a suscitar a desorientación dos traballadores e traballadoras, ao se encontraren sen previo aviso cunha norma con rango de decreto que contén previsións que poden afectar á participación en procesos de provisión e selección, seguida poucos días despois (DOG de 05/12/2011) dun anuncio de probas libres a finais de xaneiro para acreditar a competencia dixital regulada no dito decreto.

As consideracións positivas que poida merecer a procura dun sistema para que o persoal poida acreditar as competencias en ofimática adquiridas no posto de traballo, vense completamente empañadas pola ausencia de información sobre as condicións de validación de cursos da EGAP cos contidos contemplados no decreto, sobre a compatibilidade entre a acreditación mixta das competencias a través das probas libres e dos cursos da EGAP ou a inxustificada ausencia de recoñecemento aos cursos impartidos polas organizacións sindicais homologados polos acordos AFCAP e AFEDAP. 

Por outro lado, resulta especialmente desafortunada a centralización das probas libres en Santiago de Compostela entre os días 23 e 26 de xaneiro en horario de mañá e tarde, sen ter en conta non só as dificultades de acceso da maioría do persoal da Xunta que traballa noutras localidades, senón tamén as repercusións no funcionamento de moitos servizos da Administración durante eses días, tendo en conta que serán admitidas 1.000 persoas para realizar as ditas probas. Non só se lle traslada ao persoal o custo material de desprazamento e estancia en Santiago de Compostela, senón que se prexudica o funcionamento da Administración durante tres días por non descentralizar as probas presenciais nos diferentes Edificios Administrativos da Xunta, como viña sendo práctica habitual na EGAP até datas recentes.

Neste sentido, desde a CIG consideramos que a formación e a reciclaxe das competencias dos empregados públicos debe ser asumida pola Administración e non polos propios traballadores.

Atendendo ao pedimento realizado hoxe pola CIG, a Dirección Xeral da Función Pública vén de se comprometer a realizar unha reunión o vindeiro xoves 15 de decembro para tratar as repercusións deste novo decreto. 

Outras novas recentes

Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...