Novas por contido

Solución á disFunción Pública da Xunta de Galiza XA!

Anos sen concursos, cronogramas que non se cumpren, procesos selectivos trapalleiros... todo isto e máis equivale a unha Función Pública galega que coarta, de xeito reiterado, o exercicio dos dereitos das empregadas e empregados públicos. Son moitas as persoas que a diario nos preguntades por cando vai saír tal concurso, por cando van convocar a promoción interna, cando vai a ser tal exame ou tal toma de posesión... e nós non podemos darvos unha data porque non somos as persoas responsables. O que si podemos dar, e daremos, é unha resposta


A CIG-Autonómica presenta unha resposta organizada ante o continúo ninguneo ao que somete ao colectivo de empregados públicos a Función Pública galega.  Non é de recibo que tras anos e anos de Xunta de Galiza, e a pesar das mellorar tecnolóxicas, teñamos os continuos males endémicos de sempre tanto nos procesos selectivos como nos concursos de traslados: tarde, mal e arrastro. Porén, e mentres tanto, vemos como a Administración apura ben a creación de novos entes, ou o gasto discrecional de cartos na prensa subvencionada, ou en contratos superinflados á grandes empresas amigas.


Participa: fai visible a túa queixa.

A CIG-Autonómica presentou un escrito dirixido ao director xeral de Función Pública dando un ultimato na realización efectiva dos dereitos de mobilidade e promoción das empregadas e empregados públicos. Animámosvos a cortar e pegar o texto do escrito de máis abaixo e envialo de xeito masivo ao director xeral de Función Pública (direccion.xeral.funcion.publica@xunta.es) ou a través do seguinte formulario á conselleira de Facenda. Tamén podes enviarlle esta mensaxe aos teus contactos que traballan na Xunta para que colaboren coa protesta masiva.

Empapelaremos os centros con panfletos, que vos animamos tamén a colocar no voso posto de traballo, como medida de protesta:

E continuaremos. Non imos aceptar nin un silencio por resposta nin calquera outra que non sexa satisfactoria para o colectivo de empregadas e empregados públicos. Entendemos que o tempo das temperanzas xa rematou e que houbo un prazo máis que razoábel para desenvolver as OEPs e os concursos pendentes. Esta central sindical xa demostrou en sobradas ocasións a capacidade de organizarse e mobilizarse na defensa dos dereitos dos traballadores.

Escrito dirixido a Función Pública

A previsión de datas que Función Pública ten publicada no seu web, con respecto aos procesos selectivos pendentes dos corpos xerais e do persoal laboral e con respecto tamén aos concursos de traslados pendentes dos corpos xerais, corpos especiais, escalas e do persoal laboral (do grupo I ao IV) non se cumpre ou non se cumpriu e non ten visos de que se vaian a convocar en breve.

Cómpre recordar que a Lei da Función Pública de Galiza indica, no seu artigo 29, que os concursos para a provisión de postos de persoal funcionario deberán ser convocados cunha periodicidade anual e serán resoltos en seis meses. Igualmente, o V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galiza, no artigo 7º.2.a) indica o concurso de traslados constitúe o sistema normal de provisión definitiva de postos de traballo e previsiblemente serán convocados anualmente.

Por outra banda, está sen desenvolver non só a Oferta de Emprego Público do ano 2011, senón tamén parte das OEP dos anos 2008 e 2009. Debido ao atraso nestas convocatorias, o persoal que acceda a outro corpo por promoción interna terá, como mínimo, un ano menos de experiencia ca quen acceda por acceso libre, co que se produce unha discriminación con respecto ao persoal da promoción interna.

Indícolle que todos estes incumprimentos sistemáticos e sen xustificación das datas anunciadas polo seu departamento nos cronogramas afectan a situacións do colectivo de empregados e empregadas públicas que teñen que planificar unha preparación para un proceso selectivo ou  soportar que a súa vida persoal dependa de datas que non se sabe ben de onde saen ou máis ben semella que son para ir dando largas, exhibindo unha flagrante carencia de vontade política para desenvolver as obrigas e compromisos desa dirección xeral.

Por todo isto, solicítase:

  • Unha vontade negociadora real nas convocatorias dos procesos pendentes (concursos e procesos selectivos) demostrada cun cambio nas formas e no fondo das xuntanzas de negociación. Lembramos que as últimas convocatorias de procesos selectivos foron aprobadas co voto en contra de todas as centrais sindicais por non haber vontade de negociar.

  • Unha convocatoria periódica dos concursos de traslados que teña unha previsión real de convocatoria e resolución, dentro dos prazos establecidos de xeito normativo.

  • Unha reforma do sistema de designación dos tribunais de oposicións, que garanta a independencia dos seus membros, así como a capacidade das organizacións sindicais para velaren polo correcto desenvolvemento dos procesos selectivos.

  • Unha elaboración dos temarios máis rigorosa tanto na súa data de publicación (que coma moi tarde debera ser na data de publicación da convocatoria do proceso) coma na calidade das versións en galego, que adoitan ser unha tradución mecánica das versións orixinais en castelán.

  • Unha previsión de datas serias, para facilitar a orientación e planificación dos procesos selectivos por parte dos aspirantes e non datas irreais que se incumpran reiteradamente e aprazamentos feitos co único obxecto de xustificar a demora e a incapacidade do director xeral de Función Pública en xestionar a materia que lle é propia.

  • Evidentemente, visto que os prazos que marca a normativa vixente están máis que sobrepasados, solicitamos tamén que a realización destes procesos e concursos pendentes se faga, de xeito inmediato.

Descarga o escrito presentado

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...