Saúde laboral

Lamentable estado dos vehículos que deben utilizar estes traballadores e traballadoras.

As organizacións sindicais con representación na Administración Autonómica vémonos na obriga de denunciar ante a Inspección de Traballo á Xunta de Galiza para que a Administración cumpra coas súas obrigas, e unha vez máis é a Inspección de Traballo a que require ás consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio polos incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais.

En outubro de 2016 denunciouse ante a Inspección de Traballo o lamentable estado no que se atopan os vehículos dos e das Axentes Medioambientais, con máis de 500.000 km e 15 anos, chasis soldados, sen sinalización como vehículo prioritario, asentos rotos, sen ar acondicionado nin climatización, con remaches na carrocería, sen mans libres, nos que chove dentro, sen hixiene nin seguridade.., e a pesar de que a Inspección de Traballo fixera un requirimento a ambas consellerías no mes de abril do ano pasado, estas non acreditan o cumprimento de ningún dos puntos requiridos e “fai caso omiso das indicacións dos técnicos de prevención”.

É lamentable que unha vez máis sexa a Inspección de Traballo a que ten que requirir ás consellerías que os vehículos deben ter unhas condicións mínimas de seguridade, e para as organizacións sindicais este é un grave incumprimento en materia de seguridade do persoal, e é unha irresponsabilidade por parte da Xunta de Galicia, a que precisamente debería dar exemplo cumprindo coa normativa de prevención de riscos laborais no canto de comportarse coma unha empresa pirata.

Pero este non é o único caso, pois unha constante por parte das consellerías do Medio Rural e da CMAOT é o abandono do seu persoal, e así a ausencia de seguridade e saúde dos traballadores tanto na non renovación do parque de vehículos coma non proporcionando roupa de traballo, sobre todo a de abrigo -a última entrega foi no ano 2008-, 10 anos sen prendas que garantan que estes traballadores que están expostos a condicións climatolóxicas adversas conten coa debida protección, e de igual xeito que mercan o seu propio material vense obrigados a mercar roupa.

Desde as OOSS reclamamos a inminente renovación e dotación de medios materiais que son precisos para poder actuar con celeridade e seguridade contra o lume, con vehículos adaptados ás tarefas que se realizan e cos debidos Equipos de Protección Individual. Dita escaseza de medios quedou patente na Comisión de incendios no Parlamento de Galicia onde se retratou coma se teñen que mercar cos seus cartos ata cámaras de fototrampeo para poder realizar un traballo tan importante coma é o da investigación dos incendios forestais, traballo que a Xunta de Galicia debe considerar innecesario, posto que non dota nin de material nin de persoal ás BIIF (Brigadas de Investigación de Incendios Forestais).

Seguimos sen contestación por parte da Dirección Xeral de Función Pública, que ten bloqueadas as negociacións dun acordo de condicións de traballo –o actual está caduco e obsoleto- que na actualidade obriga a estes traballadores a realizar quendas de traballo de máis de 12 horas de presenza física e en solitario, e a única maneira de atopar solucións ante a Xunta de Galicia está baseada nas denuncias en Inspección de Traballo e nos xulgados.