Novas por contido

No DOG núm. 141 do venres 26 de xullo de 2019 publicouse a LEI 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (LEDIXGA).

Esta lei ten por obxecto regular o modelo de administración dixital no sector público autonómico, procedendo a desenvolver a normativa básica estatal en materia de administración electrónica, a implementar e a fomentar a adopción das medidas precisas para incorporar o potencial das tecnoloxías dixitais no deseño das políticas públicas, na modernización do sector público autonómico e no impulso da economía galega, coa finalidade última da prestación de servizos públicos dixitais de calidade.

Sistematiza nun único corpo toda a regulación relativa ás relacións dixitais ad extra e ad intra no sector público autonómico de Galicia, os dereitos das persoas nas súas relacións dixitais e promove un réxime xurídico novo na administración dixital do sector público autonómico de Galicia segundo as prescricións establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A CIG presentou no seu momento distintas alegacións a lei, sendo aceptadas todas e incluídas no texto final. Así a lei foi "aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as organizacións sindicais”. Non correu a mesma sorte no parlamento, pois foi aprobada só cos votos do partido popular sen aceptar as enmendas doutros grupos parlamentarios.

 

Galego como lingua de contacto inicial

Marca como principio xeral de actuación o garantir o uso normal da lingua galega en todas as plataformas, os procedementos e os servizos da administración dixital, así como potenciar o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en galego e en estándares abertos.

Así nas relacións da cidadanía co sector público autonómico por canles dixitais, os contidos e os servizos garantirán o uso normal do galego e do castelán. Os contidos e os servizos dixitais establecerán o galego como lingua de contacto inicial.

Entre os principios xerais da presenza do sector público autonómico na internet indica o impulso a difusión da riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia a través da internet e fomentar o coñecemento e o uso da lingua galega.

 

Igualdade dixital

Para o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais teranse en conta as características especiais do medio rural, tanto na súa dispersión coma na dispoñibilidade de medios de acceso aos servizos públicos dixitais. Poñeránse á disposición nos edificios administrativos os medios de acceso para a utilización dos servizos públicos dixitais.

Para garantir a igualdade dixital impulsará medidas para eliminar todas as dificultades de relación dixital por razón de xénero. Así mesmo, prestarán especial atención aos factores que poidan agravar as dificultades de relación dixital, en particular a idade, a localización no medio rural ou a situación de precariedade económica ou de exclusión social.

Así na asistencia á cidadanía no relativo aos medios tecnolóxicos coa finalidade de garantir o acceso igualitario aos servizos dixitais durante o proceso progresivo da incorporación do uso dos medios dixitais na sociedade, as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro poderán desenvolver actuacións específicas tendentes a favorecer a progresiva incorporación, familiarización ou desenvolvemento do uso dos medios dixitais por parte dos colectivos que especialmente o requiran.

 

Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro

Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro en espazos de asesoramento e apoio, nos que prestarase asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos e solicitudes como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación.

Esta Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro realiza as funcións de servizo público para a prestación de información, asistencia ou atención coordinada de acceso aos servizos públicos e nas relacións dixitais da cidadanía e das empresas coas administracións públicas, así como a recepción e a remisión de solicitudes, escritos e comunicacións. Polo tanto, estas oficinas desenvolven, entre outras, as funcións encomendadas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ás oficinas de asistencia en materia de rexistro.

Na súa configuración será necesario ter en conta a especial dispersión no medio rural, que abrangue máis do oitenta por cento do territorio de Galicia, así como a necesaria dotación suficiente de medios humanos e materiais para a atención da rede.

 

Funcións das Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro

A Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro constitúena as oficinas que desenvolven as funcións de asistencia en materia de rexistros e no uso dos medios electrónicos, a información á cidadanía e as demais previstas. Entre as funcións das destas oficinas están:

  • A de asistencia no uso dos medios electrónicos ás persoas interesadas que non estean obrigadas ao emprego dos ditos medios que así o soliciten, especialmente no referente á identificación e a sinatura electrónica, presentación de solicitudes a través do Rexistro Electrónico Xeral e á obtención de copias auténticas
  • Facilitarlles aos cidadáns e ás cidadás información xeral
  • Informar sobre o exercicio do dereito de acceso á información pública
  • Informar sobre o procedemento para a presentación de suxestións e queixas
  • Informar sobre o estado de tramitación dos procedementos a aquelas persoas que así o soliciten, que teñan a condición de persoas interesadas e acudan persoalmente, ou mediante unha persoa representante, a unha oficina da rede, sempre e cando a antedita información conste na Carpeta cidadá ou sexa accesible a través da sede electrónica.
  • A provisión dos medios de identificación dixital
  • A realización de copias auténticas
  • Formalizar os apoderamentos apud acta
  • A práctica de comunicacións ou notificacións

A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia dotarán as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro cos medios humanos e materiais necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

 

Persoal Funcionario Público Habilitado

A Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poida realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Crearase o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado dependente da consellaría con competencia en materia de función pública. Publicarase o catálogo das funcións e dos servizos que prestarán de cara á cidadanía, especialmente con respecto á habilitación e á tramitación da administración dixital no tocante a aquelas persoas que non están obrigadas a relacionarse de xeito electrónico coa administración.

Sistemas de sinatura do persoal empregado público

Esta lei tamén regula a sinatura e acreditación do persoal empregado público, incluíndo como novidade o uso dos certificados electrónicos con pseudónimo para certos colectivos o cal era demanda desta organización sindical que celebramos.

Establece que regulamentariamente poderá habilitarse para determinados colectivos de persoal empregado público do sector público autonómico o uso de certificados electrónicos con pseudónimo, que deberá referirse, en todo caso, ao número de identificación profesional da empregada ou do empregado público, que permitirá a súa identificación nos casos en que for necesario. 

Solicitamos a súa implantación urxente de cara a protección da identidade persoal de funcionarios que teñen funcións inspectoras, directivas ou de control sancionador.

 

Posto de traballo dixital e medios dixitais para o desempeño da actividade administrativa

Os espazos de traballo débense transformar para adaptarse a un escenario onde os traballadores e as traballadoras demandan conectividade e acceso a recursos personalizados e contextualizados desde calquera lugar, en calquera momento e desde calquera dispositivo.

Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns.

Impulsase a introdución na xestión pública de novas ferramentas, servizos e procesos de prestación da actividade para o seu persoal empregado público co obxectivo de prestar os seus servizos á cidadanía de forma cada vez máis eficiente, eficaz e con maior celeridade e seguridade.

Asegurarase a formación dixital do persoal e a concienciación necesarias para garantir o coñecemento e a aplicación da seguridade da información e mais a protección de datos, así como que cubra as necesidades para o desenvolvemento da súa actividade.

As medidas previstas permitarán definir o marco para o establecemento dos obxectivos, da xornada de traballo flexible e do seguimento do desempeño.

Defínense os medios dixitais corporativos como as ferramentas dixitais e outras solucións tecnolóxicas necesarias para a realización da actividade administrativa por parte do persoal empregado público. Así o persoal empregado público, no exercicio da súa actividade, deberá empregar os medios dixitais corporativos, seguir as recomendacións e as obrigas en materia de seguridade e velar pola seguridade dos datos.

 

Marco galego de competencias dixitais

É neste novo marco de actuación onde o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) representa un motor de transformación, unido ao cambio na cultura das organizacións públicas. Para iso é imprescindible non só promover a incorporación destas tecnoloxías senón tamén de novos estilos na xestión, e, en especial, promover novas competencias dos e das profesionais ao servizo das organizacións públicas.

Existe ademais a necesidade de que o persoal empregado público teña a suficiente competencia dixital para facilitar a relación electrónica coa cidadanía e para contribuír a unha administración máis sustentable e eficiente.

Deste xeito, a LEDIXGA senta os alicerces para definir un Marco galego de competencias dixitais, para a cidadanía no seu conxunto, e para os empregados públicos en particular. Este Marco galego de competencias dixitais estará aliñado co marco europeo European Digital Competence Framework (DigComp). Na súa definición teranse en conta as condicións específicas para o seu desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta liña, desde a perspectiva das administracións públicas, a formación profesional continua e a reciclaxe profesional de todo o persoal empregado público constitúen, ademais, unha necesidade imprescindible para conseguir os seus obxectivos permanentes de eficacia e de modernización.

Pero, hoxe en día, a súa necesidade é máis imperiosa dada a rápida evolución dos coñecementos e das tecnoloxías da información e a comunicación e, con iso, dos requirimentos da administración ao seu persoal empregado. A formación constitúe un factor relevante para incrementar a produtividade de cada persoa empregada pública e da organización no seu conxunto, polo que este é un obxectivo esencial para acadar os niveis de competitividade aos que debe aspirar a nosa administración, no marco da Unión Europea e na dinámica da globalización.

O Marco galego de competencias dixitais define por primeira vez un proxecto transversal para a cidadanía galega que permitirá acreditar uns coñecementos, unhas capacidades e unhas aptitudes mínimas para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade competente e á mellora das competencias profesionais. A este respecto, cómpre salientar que o Marco galego de competencias dixitais será aplicable na definición das competencias dixitais mínimas do persoal empregado público. Estase a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, que se prevé que estea regulado no 2020.

 

Competencias dixitais mínimas do persoal empregado público

Dentro deste Marco galego de competencias dixitais incluirase a identificación das competencias dixitais mínimas do persoal empregado público que posibiliten o correcto desenvolvemento do seu posto de traballo nos supostos e cos requisitos que se determinen regulamentariamente.

Destaca, así mesmo, a definición da capacitación dixital do persoal empregado público como mecanismo para asegurar unhas competencias dixitais mínimas do persoal empregado público para o exercicio das súas funcións, así como os mecanismos de acreditación dos coñecementos, das capacidades e das aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico habilitarán os medios e garantirán o acceso á formación continuada do persoal empregado público para o desenvolvemento das súas competencias dixitais e o aproveitamento eficiente dos medios dixitais na prestación dos servizos públicos.

En consonancia cos medios e a formación facilitados pola administración, o persoal empregado público procurará a súa capacitación dixital para o exercicio das súas funcións nunha contorna dixital de prestación de servizos públicos.

 

Plan de capacitación dixital do empregado público

A lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais. Este plan estará baseado no Marco galego de competencias dixitais, que deberá definir as competencias dixitais mínimas do persoal empregado público dirixido á totalidade do persoal empregado público da Administración xeral e das entidades

Así, nos plans anuais de formación da EGAP incluiranse as actividades específicas de formación relativas á implantación continuada da administración electrónica e de procesos innovadores, á seguridade da información e a protección de datos, así como á posta en marcha de novos servizos dixitais.

Estas actividades de formación poderán ter a consideración de obrigatorias cando sexan necesarias para o desempeño profesional do persoal empregado público, nos supostos e cos requisitos que se determinen regulamentariamente. Neste caso, o tempo de formación será considerado como tempo efectivo de traballo.

 

Capacitación dixital nos procesos de selección de persoal e provisión de postos

Nos procesos selectivos para o ingreso na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia incorporarán no seu programa, de ser necesario, os contidos relativos á administración dixital e ás tecnoloxías da información e a comunicación que sexan adecuados aos corpos, ás escalas ou ás categorías a que se refiran os ditos procesos selectivos. 

Así msmo nos procesos de provisión que se convoquen (concursos de traslados) poderán valorarse os mesmos contidos, de acordo co que prevexa a correspondente convocatoria. 

 

Vixencia e a homologación da formación previa

No deseño e o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais estableceranse os criterios de vixencia e homologación da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro (CODIX).  

No caso do persoal empregado público estableceranse igualmente os criterios de convalidación dos cursos ou das actividades formativas que se teñan realizado e que teñan relación directa coa implementación das tecnoloxías dixitais da información e a comunicación aplicadas á administración e con contidos vixentes e aplicables.