Novas por contido

Continúan as negociacións sobre a carreira profesional, plan de mellora de emprego, funcionarización e ofertas de emprego 2018-2020 (promoción interna, redución da temporalidade, indefinidos por sentenza xudicial e acceso libre).

Despois de catro horas de reunión co director de Función Pública este luns, 17 de decembro, houbo poucos avances. Está prevista unha nova reunión o mércores 19. A CIG mantén a liña firme (outros sindicatos non poden dicir o mesmo).

CARREIRA PROFESIONAL E PLAN DE MELLORA DE EMPREGO E CONDICIÓNS DE TRABALLO

Van xa catro meses dende o anterior borrador. Quedan lonxe as presas que tiñan por asinar a súa proposta por xullo e agosto. Na xuntanza co DXFP do luns 17 de decembro volvemos a discutilo, cun novo texto con poucos cambios enriba da mesa.

O primeiro que manifestamos, e nisto coincidimos con outros sindicatos, é que hai que separar a proposta de carreira profesional da proposta de acordo de mellora de emprego e condicións de traballo. Resulta evidente que o DXFP o que busca é forzar aos sindicatos ao todo ou nada, a tragar co lote enteiro para evitar que o sindicato quede fora das futuras comisións de seguimento.

Referente ao plan de mellora de emprego e condicións de traballo, na nova proposta non hai cambios substanciais.

  • Matizan a utilización da bolsa de horas do 5% anual: a recuperación das horas terá que ser no prazo de tres meses dende o feito causante (o que será anual será o cómputo global das horas que se poden adaptar). Continúa a ser só para conciliación. Nada de “bolsa positiva de horas” para todo o persoal.
  • Amplían a 16 semanas o permiso de paternidade, pero supeditado a que o Estado dite algunha norma que o permita. Así que nada das 22 que aceptaron traspor para aquí na mesa de novembro se así a tiñan no AGE.

Moitas das outras cuestións que van no texto do acordo, xa as meteron unilateralmente na Lei de acompañamento aos orzamentos do 2019 ou no Decreto de OEP-2018. Pouco máis queda. Por exemplo, manteñen o incremento retributivo variable en función do PIB e non do IPC (por primeira vez na historia creando un perigoso precedente social). Tampouco moven unha letra para permitir a xornada xeral de 35 h.

En canto á carreira profesional, fan dous únicos cambios:

  • Os catro anos que se tardaba en cobrar o 100% do grao I anticipado (a razón de 25% anual), pasan a ser tres anos para os grupos B, C1, C2 e a agrupación profesional de funcionarios. Mentres, no Sergas serán dous anos (60% e 40%).
  • Engaden un anexo cos criterios a cumprir para o recoñecemento do grao I.

A CIG mantén as súas propostas:

  • O acordo de carreira vén a ser un recoñecemento de sexenios. O tempo é igual para todos, así que rexeitamos as diferenzas de importes tan grandes entre grupos.
  • Os prazos son inaceptábles, peores que no acordo do Sergas.
  • Os anos pasan para todos e todas, independentemente de se é funcionario, laboral, fixo, interino ou temporal. Rexeitamos a exclusión do persoal laboral non funcionarizable e do persoal interino e temporal.

FUNCIONARIZACIÓN

Vamos polo segundo borrador (con apenas modificacións) da proposta de acordo de funcionarización que presenta o director xeral de Función Pública. Na xuntanza do luns 17 de decembro, tratamos o asunto.

A CIG manifestamos:

  • Antes de executar calquera proceso de funcionarización, deben darse uns pasos previos como persoal laboral: concurso de traslados, oferta de emprego libre e promoción interna, catálogo de funcións, estudo das retribucións .. e finalmente, funcionarización.
  • Titulación requirida. Se a Administración decide que o persoal dunha categoría quede encaixado nunha escala determinada, e algunha persoa non posúe a titulación requirida, a Administración debería facilitar as quendas de traballo para que as persoas poidan realizar os estudos necesarios. A CIG non defende a integración nunha escala sen a titulación requirida, pero a Administración é quen toma as decisións e por tanto debe facilitar os medios para que as persoas poidan realizar os estudos e non sufran as consecuencias.
  • Un vínculo xurídico único. A CIG non entende que dúas persoas que realicen o mesmo traballo poidan ter diferentes retribucións ou dereitos. Defendemos un vínculo único, de “empregado/a público/a”, común a persoal funcionario e laboral. Xa que logo, defendemos a funcionarización voluntaria de todo o persoal laboral (respectando o actual vínculo temporal que teña cada quen).
  • No texto non queda claro se o persoal laboral temporal queda como está ou pasaría obrigatoriamente a funcionario interino (de palabra, dixeron que si pasarían). Teñen que modificar o decreto de listas para adaptalo ás novas circunstancias.
  • Queremos garantías de que non van utilizar a funcionarización para destruír emprego público.
  • Rexeitamos a creación dunha comisión de seguimento na que só participen os sindicatos asinantes. Para a CIG, esto é unha chantaxe para obrigarnos a asinar.
  • Deixar a extinguir os postos de quen non quera ou non poida funcionarizarse, sen concursos nen promoción interna futuras, é unha chantaxe.

Respecto do actual persoal funcionario, a CIG engade:

  • Evidentemente defendemos que o persoal laboral que actualmente teña retribucións superiores ás do persoal funcionario (por exemplo, nos grupos baixos ou aqueles que teñan pluses de toxicidade, perigosidade, penosidade, ..), non pode perder retribucións. Pero tampouco podemos permitir que no futuro haxa funcionarios que cobren menos que outros, polo que reclamamos diñeiro para igualar as retribucións de todo o persoal dunha escala de xeito que a mesmo traballo, mesmo salario.
  • Queremos unha promoción interna masiva para todo o persoal funcionario, sen límite de prazas, mediante procesos selectivos sinxelos e temarios reducidos, conservando o destino. O representante de CCOO rexeita esta proposta, manifestando que é un insulto.

Director Xeral de Función Pública:

  • O EBEP impediría que a funcionarización fose o último paso (di que teñen exemplos de anulación de procesos).
  • Están dispostos a elaborar un plan formativo naquelas categorías en que a falta de titulación non sexa algo excepcional.
  • Buscan a funcionarización máxima posíbel. Inclusive do 100% do persoal laboral.
  • Teñen previsto compensar as diferenzas salariais superiores mediante un Complemento de Funcionarización para evitar as perdas de retribucións. E nos casos en que todo o persoal dunha futura escala teña retribucións superiores, utilizarían o complemento específico en lugar do complemento de funcións.
  • Engadirán un apartado de listas no texto do acordo no xeito de comprometerse a computar o tempo de laboral para listas equivalentes de funcionarios.
  • Din que non haberá destrución de emprego público. Non teñen inconvintes en facelo constar no texto do acordo como lle pedimos.
  • O proceso selectivo será mediante un único exame test, con temario reducido sobre materias xerais.
  • Anuncian un proceso breve e inmediato: en xaneiro teremos as propostas de modificación das RPTs das prazas a funcionarizar. Os exames serían no primeiro semestre de 2019.

ACORDO SOBRE AS OFERTAS DE EMPREGO 2018-2020

Na Comisión de Persoal do martes 11 de decembro (na que se aprobou a OEP-2018), o director de Función Pública apareceu cunha proposta de acordo sobre as OEPs 2018-2020, para votar na propia sesión da Comisión de Persoal. Era un documento que nos enviaran por correo electrónico esa mesma mañá, e por tanto, sen posibilidade de estudalo como debe ser. A proposta, que era descoñecida por CIG e CSIF, sospeitamos que si era do coñecemento previo de CCOO e UGT. O intento da Administración de votar un acordo sorpresa, fora da orde do día, deu lugar a bronca e a retirada do asunto.

Na xuntanza do luns 17, o DXFP non presenta cambio algún sobre o texto do acordo referido. A CIG manifestou o seguinte:

  • O documento mantén a existencia dunha taxa de reposición de efectivos. Defendemos a súa retirada, pois esta limitación que se está a autoimpoñer a Administración, non permite recuperar o emprego destruído polo que mantén os problemas que existen nalgúns centros e servizos por falta de persoal.
  • Ocultan a información global da temporalidade, sentenzas de indefinicións e postos a funcionarizar. Así que por moito que nos ofrezan números para os anos 2018, 2019 e 2020, non sabemos o que estes supoñen no global do emprego público.
  • Un acordo que incumpre outros acordos. En anos anteriores a CIG asinou con outros sindicatos diversos acordos que afectaban aos Legoeiros e aos altos índices de temporalidade do servizo de incendios (SPDCIF) e Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Os efectos dos acordos referidos eran para o 2018 e con este novo acordo incumpren os anteriores adiando parte dos efectos para o 2019.
  • Acceso libre e promoción interna insuficientes. A maiores das 200 prazas de promoción interna separada da libre, haberá outro 25% de promoción interna das prazas de acceso libre. Tendo en conta que a promoción interna non computa para a taxa de reposición de efectivos, sería posíbel incrementar o acceso libre sen pasarnos da taxa de reposición. A CIG defende un 50% de prazas para promoción interna.
  • Promoción interna masiva. Ao tempo que se executa un proceso de funcionarización do persoal laboral fixo, queremos que ofrezan unha promoción interna masiva equivalente a todo o persoal funcionario, sen límite de prazas, con probas e temas reducidos. Sorpredentemente, para CCOO esta promoción interna masiva nas mesmas condicións que a funcionarización, é un insulto.

Finalmente, o DXFP manifesta o seguinte:

  • Na promoción interna separada para 2019 e 2020 inclúen as palabras “como mínimo”.
  • Están pendentes que que en Madrid validen os datos de temporalidade. Esperan que sexa antes de rematar o ano, e de seguido facilitaránolos.
  • Tentarán acumular o máximo posíbel de convocatorias das OEPs de 2016, 2017 e 2018 (esta semana remitirían listado das que se acumularían). As probas serán as mesmas para os procesos de estabilización de emprego temporal e de prazas con sentenza de indefinición. Na maioría dos procesos, o concurso de traslados iría á par do proceso selectivo.
  • O mércores 19 teremos unha nova xuntanza.