Mesas de negociación

O mércores 14 de marzo estamos convocados ás 17:00 en Madrid á Mesa Xeral das Administracións Públicas para darlle o visto e prace a un acordo negociado en segredo e asinado o día 9, cinco días antes de levalo á mesa de “negociación” e publicitado despois como a panacea para rematar cos recortes.

A esta Mesa á CIG vai acudir coas súas propostas, que previsiblemente a Administración e os sindicatos afíns non queiran nin negociar porque xa asinaron o acordo. Un xeito curioso de negociar.

E nos termos actuais a CIG vai dicir NON a este acordo, por ser LESIVO para as persoas empregadas públicas.

Que é o que acaban de asinar?

Primeiro acordo que desvincula a suba ao IPC e a vincula ao PIB

CCOO e UGT, que tanto se preocupan da desindexación das pensións (que non estean relacionadas co incremento do IPC) acaban de asinar un acordo que desindexa o incremento das nosas retribucións ao IPC. E é precisamente ese incremento do IPC o que se vai comer gran parte desta suba marabillosa que nos anuncian.

A CIG propón unha suba ligada ao IPC máis unha porcentaxe de recuperación do perdido. Pero nunca ligar a nosa suba ao PIB. 

 

Incremento retributivo se se cumpren condicións que Goberno e sindicatos saben que non se van cumprir

Parte do incremento está condicionado a que o PIB medre no ano anterior o 2,5% no caso do 2019 e 2020. E segundo a previsión do Goberno o medre será do 2,3%. E para o Banco de España a previsión é do 2,4% e 2,1%. 

Outro dos teóricos incrementos será un adicional do 0,55% no 2021 se se cumpren os obxectivos de estabilidade orzamentaria no ano 2020, é dicir de déficit 0%. Pero o propio Goberno prevé que non será así xa que este será do 2% no 2020.

Goberno e CCOO, UGT e CSIF asinan un acordo tendo datos previos de que as condicións moi dificilmente se van cumprir.

A CIG non admite asinar acordos SABENDO que non se van cumprir.

  

Suba real raquítica: neste ano 1,75%, un 0,25% sobre o IPC

Tendo en conta incluso as mellores previsións sobre o comportamento futuro do IPC e tendo en conta que a única suba salarial garantida é a da parte fixa, excepto no 2018, á que se sumará a parte variable a táboa dos incrementos é a seguinte:

 

2018

2019

2020

Incremento garantido

1,75%(*)

2,25%

2,00%

Previsión IPC

1,5%

1,4%

1,7%

(*) Incremento garantido 2018: 1,75%=1,50% fixo + 0,25% variable.


Como se pode observar, o incremento real se sitúa sobre o IPC previsto nuns miserentos 0,25% no 2018, 0,85 no 2019 e nun 0,30 no 2020.

Unhas cifras claramente ridículas e insuficientes si o obxectivo vai máis alá de manter o poder adquisitivo e recuperar parte do perdido e recortado durante a crise que podemos cuantificar nun 13,20% de perda no período 2010-2017.

 A proposta da CIG é que toda suba salarial no Sector Público ten que ter sempre estes dous compoñentes:

  1. Unha suba INDEXADA AO IPC (cunha cláusula de garantía salarial que controle a desviación do IPC real sobre o IPC previsto) para frear a perda de poder adquisitivo.
  2. Un compoñente adicional porcentual de recuperación do 14% de poder adquisitivo perdido dende o 2009.

Para isto a CIG propón unha suba do IPC + 4,66 durante o período 2018-2020 pero estaríamos DISPOSTOS A NEGOCIAR CALQUERA OUTRO ESCENARIO en relación ás fórmulas e prazos, no que se contemplase un horizonte de recuperación.

 

Subas de “ata” un 8%. De onde sacan as cifras?

 

 

2018

2019

2020

Incremento fixo

1,50%

2,25%

2,00%

Incremento variable

0,25%

0,25% (1)

1,00% (1)

Fondos adicionais

0,20% (2)

0,25% (2)

0,30% (2)

Cumprimento déficit

0%

0%

0,55% (1)

TOTAL

1,95%

2,75%

3,85%

(1) Importe non garantido
(2) Os fondos adicionais non son un incremento retributivo real

 TOTAL NO PERÍODO 2018-2020: 8,55% (8,79% acumulado)

Pois ben, a anunciada suba de máis dun 8% en 3 anos só ten garantido a parte do incremento fixo. As parte variable de 2019-2020 non está garantida e a de cumprimento de déficit en 2020 tampouco.

E os fondos adicionais que os asinantes suman alegremente ao total da suba salarial é un concepto diferente ao que supón individualmente unha suba pois son fondos que poden ser destinados non a todo o colectivo de empregados/as públicos/as senón a compensar determinadas situacións, conceptos retributivos ou colectivos, ou incluso, como no persoal do Estado, destinado a fondos de pensións. Isto pode ser correcto pero non se pode sumar como se fose un incremento retributivo xeral.

 Por tanto, no relativo á parte retributiva:

  • Este acordo simplemente frea a perda de poder adquisitivo pero non supón un intento de recuperación retributiva.
  • As referencias a un incremento do 8,79% en 3 anos, quedarán probablemente nun 6% nominal en 3 anos cun IPC do 4.6% para o mesmo período.
  • Asinaron este acordo sabendo que as condicións eran moi difíciles de cumprir, tanto as relativas ao crecemento do PIB como ás da consecución do déficit cero no 2020, co que vai ser moi difícil cobrar a parte variable excepto no 2018.
  • Cometen o pecado capital de dexindexar os salarios públicos do IPC xa que non asinaron un acordo referido á suba do IPC máis unha porcentaxe, senón que asinan un acordo “cego” onde fían o cumprimento ás previsións do Goberno, quen xa anuncia que non se cumprirán.
  • Nun momento en que dende a Administración do Estado se fala de incrementos retributivos de ata un 30% para Gardas Civís e Policía en pago polo seu papel na crise catalá, semella un insulto o trato que se nos dá ao resto de empregados/as públicos/as e que CCOO, UGT e CSIF consenten.

  

Oferta de emprego público para o ano 2018 e Estabilización

A novidade deste acordo é que no caso das Administracións que cumpran os obxectivos de estabilidade orzamentaria, débeda e regra de gasto, e no caso da Xunta de Galiza parece que se cumpriu, a taxa de reposición pode ser do 100% para todos os sectores, funcións e servizos e adicionalmente un 8% en sectores que requiren un esforzo adicional. Parece quererse indicar que preferentemente será en sectores prioritarios nos que se dan unha serie de circunstancias, como novos servizos públicos ou alto volume de xubilacións.

E seguimos con máis agravios ao ver que a taxa de reposición de Forzas e Corpos de Seguridade é do 115%.

Volven a intentar vendernos o que xa asinaron tanto no ámbito da Xunta como no Acordo de carácter xeral de que as prazas dos procesos de promoción interna e os de persoal indefinido non fixo por sentenza non computan para a taxa de reposición. Algo evidente porque non supón a incorporación de máis persoal do que hai, pero que queren reflectir como novidade.

Pero o que é máis grave é que non se plantexan recuperar o emprego perdido nesta década, senón evitar simplemente que non se destrúa máis, excepto en determinados sectores moi concretos.

No acordo do 29 de marzo de 2017 había unha serie de limitacións establecidas no artigo 19.1.6 dos Orzamentos Xerais do Estado que limitaba os ámbitos e agora inclúen, no caso que nos afecta na Administración Autonómica, servizos de saúde pública e inspección médica. E como no día da marmota volven a establecer datas en relación a prazas dotadas orzamentariamente e ocupadas de xeito temporal e ininterrompido nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2017. No anterior era a 31 de decembro de 2016 o que quere dicir, e xa o sabemos, que nin no Estado nin na Xunta executaron o acordo. O cal nos ten que facer reflexionar sobre a validez de asinar este.

E ademais hai que ter en conta que isto teñen que incluílo no proxecto de Lei de Orzamentos do 2018 e esta pode non aprobarse.

Que aporta neste aspecto este novo acordo? NADA. Sobre todo se temos en conta os prazos xeolóxicos que ten esta Administración para executar estes procesos.

Aquí a eiva principal é que ningunha das partes se plantexou, non xa recuperar emprego perdido como víamos antes, senón nen sequera poñer enriba da mesa todas as prazas vacantes e establecer un calendario. Tendo en conta que a Xunta non quere aportar o dato do número de vacantes, e sabendo que hai máis de 4.000 persoas temporais ou interinas de 19.000 en total, non ten sentido non abordar globalmente o problema. CCOO, UGT e CSIF acaban de dar o visto e prace a Administración para non solucionar o problema da temporalidade.

  

Onde están as 35 horas?

Do anunciado logro do século das 35 horas semanais que difundiron a bombo e prato, resulta que en realidade non é unha obriga de que o lexislativo cambie a normativa con carácter básico establecendo a xornada de 35 horas en todas as Administracións Públicas senón simplemente de que as Administracións que tiveran cumprido os obxectivos de estabilidade orzamentaria, débeda e regra de gasto poidan establecer unha xornada distinta ás 37 horas e media.

Primeiro, isto non se pode facer se antes non hai un cambio normativo onde se derrogue o disposto no Real Decreto-lei 20/2011.

Segundo, a Xunta tería que sentarse a negociar con vontade de aplicar unha redución de xornada.

Por tanto, este acordo NON OBRIGA a ningunha Administración a establecer a xornada de 35 horas.

 

Coidado de fillas/os menores, si....pero terás que recuperar as horas

Do disposto no acordo hai que dicir que o previsto se trata como unha flexibilidade, e dicir, cada Administración pode regular unha bolsa de horas de ata un 5% da xornada anual, CON CARÁCTER RECUPERABLE, polo tanto non se trata dun permiso ou licenza, senón de reducir a xornada e compensala despois.

Sobre este asunto vimos de facer dende a CIG-Autonómica unha petición para que se inclúa, ao igual que no Estado, como criterio para a concesión polo permiso de deber inescusable, o coidado domiciliario de fillos menores cando así determine o facultativo a necesidade. Porque xa é algo que se pode facer en moitas Administracións SEN TER QUE RECUPERAR NADA.

 

Descontos por IT...desaparecen?

Pois non. Cada Administración vai poder establecer o complemento retributivo que pode chegar ata o 100% das retribucións. Pero é que ata o de agora xa había moitas Administracións que bordeando o disposto no Real Decreto-lei 20/2012 sobre o complemento das IT’s complementaban ata o 100% case todas ou todas as situacións de incapacidade temporal. O que quere dicir, que AQUÍ SE DESCONTABA PORQUE A XUNTA QUERÍA. E ademais foron os primeiros en aplicar os descontos incluso antes de que se reflectiran na normativa estatal. Por tanto vai ser moi difícil facer mudar á Xunta se o acordo NON OBRIGA.

 

Xubilación parcial

Seguindo coa ornamentación do acordo rematan dicindo que abordarán a análise de medidas, en especial as que afecten á xubilación parcial de determinados colectivos.

Na Xunta de Galiza, por iniciativa da CIG, chegouse a un acordo in extremis que contemplaba a xubilación parcial do persoal laboral. Isto tiña data de caducidade imposto pola normativa ao respecto. Levamos loitando porque se poida reeditar e se poida aplicar ao persoal funcionario, pero para iso fai falla....o de sempre, UN CAMBIO NORMATIVO.

Con este acordo non se vai reeditar nada PORQUE OS ASINANTES NON QUEREN que figure ese cambio, como si falan de que o ten que haber noutras normas.

Pero incluso aínda que se modificara a LXSS o acordo fala de colectivos e se relacionan coas condicións de traballo, do cal se intúe que no caso de que houbese cambio legal, iría dirixido a colectivos moi concretos.

 

  CONCLUÍNDO

  • Incremento retributivo modesto e condicionado por variables que o propio Goberno recoñece que non se van cumprir e queda a suba sen referenciar ao IPC.
  • Taxa de reposición do 100% non só para sectores prioritarios e un aumento do 8% nestes, que sendo positivo non ten entidade para consideralo un avance.
  • Lei do eterno retorno na estabilización asinando todos os anos acordos iguais con datas distintas pero sen que se executen e sen poñer a totalidade das vacantes enriba da mesa de negociación.
  • Xornada de 35 horas. Tampouco parece que despois da barroca redacción deste apartado se poida conseguir nada sen un cambio normativo. O propio acordo establece as 37 horas e media de promedio en cómputo anual.
  • Bolsa de horas de conciliación que é unha flexibilidade camuflada onde hai que recuperar o que se desfrute.
  • Incapacidade temporal que tamén require modificar ou derrogar normas por un lado e vontade negocial por outro. O significado real é que queda todo en mans da Xunta de Galiza sen que este acordo obrigue a restituír o complemento por IT.
  • Xubilación parcial. Pura palabrería ornamental.
  • E tampouco se recupera ningún outro dereito recortado, como as compensacións por domingos ou festivos traballados, o artigo 19 do V Convenio do persoal laboral, así como outros recortes sufridos estes anos.

  

Por todo o aquí relatado, a CIG, senón hai cambios, NON VAI DARLLE O VISTO E PRACE.