Novas por contido

Hoxe pechou un centro de traballo da rede de Servizos Sociais da Xunta en Ferrol, o Centro de Menores Soutomaior. Mellor dito, desaloxouse para que poida ser ocupado por outros menores e por outros traballadores, neste caso dunha empresa privada que seguro que non terán que demostrar baixo un sistema de selección axustado aos principios de igualdade, mérito e capacidade que son os máis axeitados para levar adiante as tarefas necesarias para que este recurso social vaia adiante e os seus usuarios teñan a mellor atención como ata agora o fixo desde os anos corenta e para bastante máis de mil menores en situación de desamparo.

Aínda que o persoal xa non sexa público, o diñeiro que manterá este centro si que vai seguir a selo: paga a Xunta, gastan as empresas privadas. E algo gañarán porque tampouco está para iso o sector privado, que sen arrincar un bocado non van levantar o país. Este é o seu momento, a rendibilidade dos dereitos sociais agora mídese exclusivamente en termos economicistas. É o que teñen as crises, que xeran oportunidades e esta é a súa. É máis, se non hai crise hai que xerala... que coa culpa xa cargará o persoal funcionario.

Tampouco van ter que amortizar a inversión nunha infraestrutura nun estado excepcional, na que se gastaron 600.000€ de diñeiro público hai poucos anos para facer unha rehabilitación integral. Un gran negocio o pagar por levantar a túa casa e tela en perfectas condicións de uso e servizo e despois pagar para que outros se instalen nela, a habiten e fagan o teu traballo. Haberá que estar atentos ao DOG para "abraiarnos"coa adxudicación a unha empresa privada en ben da sociedade por unha "módica" cifra que iso si, cambiará de capítulo e xa non irá a cargo dos gastos de persoal. Se se gasta máis en outro capítulo dos orzamentos da comunidade polo mesmo servizo non terá importancia, ou se se gasta menos a costa de rebaixar o servizo á altura dos tempos do hospicio, porque contra iso a sociedade non está sensibilizada polos medios de comunicación do réxime. Todo o contrario, se se gasta noutro capítulo xa non compre pasar un proceso selectivo xusto e igualitario para acceder alí a un posto de traballo, bastará con coñecer a alguén e render pleitesía e submisión, porque este sistema actual de acceso á Función Pública e os dereitos inherentes ao posto e ao sector son unha grave molestia para todos aqueles que se consideran inseguros e incapaces de alcanzar un posto público polos seus propios medios, sen caciques valedores, e tamén para o "empresario" público que non pode exercer ás súas anchas o seu poder caciquil.  Todo isto é  o que o amigo-empresario privado está disposto a resolver para tranquilidade do xestor dos intereses de todos e todas: o empresario-político de turno, ese que é elixido democraticamente neste sistema de democracia absolutista que padecemos, que nos fixo entender e aceptamos resignadamente como o elixido para ser o ditador durante os próximos catro anos.

Con cada recurso público que cae queda un pouco menos de democracia neste país, porque nos servizos públicos que son prestados polos traballadores e traballadoras públicas, mal que lle pese a algúns, reside a prestación final que materializa os dereitos democráticos da sociedade. Seguramente xa será tarde para recuperalos cando a sociedade se decate, así que nada, que esas parte da sociedade desafectada siga a botar leña ao lume, que o que se queiman son os dereitos de todos e o que se quenta nese lume é o empresario que está esperando a xestionalos para que pasemos por caixa, se temos cartos para ter dereitos.

Grazas a todas e todos os que estiveron hoxe alí e aos que sentíndose solidarios non puideron estar. Todas e todos mostramos que outro xeito de entender o mundo está presente e ese é o xermolo para que algún día a nosa voz se escoite.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...