Novas por contido

Non vai moito que denunciabamos outra ofensiva similar por parte de Medio Rural, agora é Medio Ambiente a que volve a gastar os cartos, que a Xunta di que non hai, para continuar externalizando servizos públicos. A Administración segue calando sobre os datos que lle demandamos e a prensa ocupando as súas páxinas con temas máis importantes como o horario de verán.

No DOG do 13/06/2012 publicaba a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas varias encomendas da área de Medio Ambiente con Tragasatec. A opacidade deste tipo de encomendas é xa a tónica xeral, porén a CIG fixo un estudo de perfis profesionais necesarios para as encomendas no que lle recomenda á consellaría que non fai falta ir fóra a buscar o que ten na casa. Existen distintas categorías profesionais recollidas no V Convenio de persoal laboral Xunta e máis diversos corpos e escalas de persoal funcionario que encaixan perfectamente no perfil profesional demandado para o obxecto de tales encomendas.

As ditas ecomendas abranguen desde cuestións de avaliación ambiental (1), apoio xurídico(2), xestión e control de expedientes de residuos (3), seguimento do estado das augas (4), apoio do observatorio mariño do litoral (5) e mostreo de substancias perigososas (6).

Tanto para a encomenda 1 como para a 3 sería adecuada a categoría I-037 (titulado/a superior ambiental) e a II-041 (técnico/a ambiental). Para a encomenda número 5 existe unha categoría atinada perfectamente: a I-039 (licenciado/a en ciencias do mar) e igualmente tamén para a encomenda número 6 serían moi adecuadas as categorías III-17 (analista de laboratorio),  IV-011 (auxiliar de laboratorio) ou as múltiples de capataz de campo. En canto á encomenda 4 hai que destacar que puidera ser levada a cabo desde a categoría I-004 con titulacións específicas, como así está xa sendo realizado dentro do propio ente de Meteogalicia.

Tamén existen variedade de escalas de corpos especias da Xunta de Galicia de ámbito técnico (enx. de montes, enx. técnica agrícola, etc.) que poderían asumir as funcións das anteriores encomendas. Por último, as tarefas de apoio administrativo, así como a encomenda 2, pode ser desenvolta a través do persoal dos corpos xerais de persoal funcionario, en caso de ser necesario, co requisito de licenciatura en dereito.

Non entendemos compatible os recortes sobre o persoal propio cando se manteñen ou mesmo amplian a externalización dos servizos públicos baixo diferentes figuras (privatización, encomendas, asistencias técnicas...), non sendo que o que se pretenda sexa un cambio na Administración dirixida a un modelo anglosaxón máis discrecional e politizado. Para evitar esta arbitrariedade na decisión de qué parte do traballo pode ser realizado cos medios propios da Xunta de Galiza, a CIG segue demandando a posta en marcha dunha comisión de control para estes casos.

Por outro lado, non hai que esquecer a problemática laboral de indefinicións que se crea coas encomendas sen que se depure ningún tipo de responsabilidade política ou penal. Xa que logo, a CIG solicitou ademais información sobre estas encomendas nos termos da súa xustificación técnica, na que conste que non poden ser asumidas por medios propios, así como o importe da contratación ou, entre outros, as medidas que se están tomando que garantan que o persoal de TRAGSATEC se atope en todo momento dentro do círculo organizativo, reitor e disciplinario da empresa contratante.

Nota remitida aos medios

Outras novas recentes

Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...
Luns, 06 Mai 2024

Fondo de Acción Social 2023 (xuntanza 2/5/24)

O día 2 de maio os axentes sociais mantivemos unha reunión con representantes da Función Pública polo mal chamado Fondo de Acción Social (FAS), xa que del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a...
Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...