Novas por contido

Advertencia importante: Prevalecen as instrucións da autoridade sanitaria sobre calquera instrución laboral.

INSTRUCIÓNS DAS CONSELLARÍAS OU CENTROS DIRECTIVOS

Cada consellaría ou centro directivo poderá ditar as instrucións oportunas de desenvolvemento do Acordo COVID-19 ou adaptalo aos colectivos afectados, que se publicarán no web  www.xunta.gal e difundiranse mediante o correo electrónico corporativo.

Exclusións: persoal sanitario, persoal dos centros de servizos sociais, o persoal de xustiza e persoal de seguridade, protección civil e emerxencias.

Recomendación: aplicación ás entidades locais por razóns de seguridade do seu persoal.

Vésaxe a Relación de instrucións e protocolos das consellarías e centros directivos.

OBXECTIVOS

Evitar a concorrencia diaria da totalidade do cadro de persoal coa finalidade de preservar a saúde, evitar a presenza do persoal especialmente sensíbel ou con síntomas da enfermidade do coronavirus covid-19, e adaptación á situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade autónoma de Galiza e ao Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga).

CONDICIÓNS DAS MEDIDAS

  • Entrada en vigor: 15 de marzo de 2020.
  • Duración: a imprescindíbel para dar resposta á situación
  • Revogación: por necesidades do servizo; cando cesen as recomendacións das autoridades sanitarias.

PERSOAL CON SÍNTOMAS DA ENFERMIDADE CORONAVIRUS COVID-19

En todos os casos é obrigatorio:

  • Chamar ao 900 400 116 e cumprir as pautas indicadas
  • Poñer en coñecemento do/a seu/súa xefa/e directo/a as pautas que lle marcou o 900 400 116 coa finalidade da adopción das medidas preventivas.
  • No caso de que fixese a proba para determinar se está infectado/a: informar do resultado.

Este persoal poderá optar ao teletraballo (se a saúde llo permite e/ou as funcións que desempeña son compatíbeis con el) (art. 8: Protocolo COVID-19).

- Síntomas que aparecen na casa: non acudirá ao centro de traballo, considerándose a súa ausencia como xustificada. 

- Síntomas que aparecen no traballo:

  • Informará inmediatamente o/a seu superior xerárquico/a e trasladarase inmediatamente a un espazo cerrado (preferiblemente un despacho pechado con ventá) e porase en contacto co 900 400 116 para adoptar as medidas que indiquen as autoridades sanitarias.
  • Os/as responsables de persoal das unidades afectadas ditarán as instrucións necesarias para que se proceda a ventilar ben o despacho e as zonas onde estivo a persoa que presentou síntomas, e limparanse cunha solución de hipoclorito sódico (lixivia) con auga as zonas con que o/a traballador/a estivo en contacto.
  • Con respecto ao resto de persoal que compartía espazo de traballo coa persoa que presentaba síntomas de enfermidade, adoptaranse as medidas preventivas que fixe o órgano competente da Consellería de Sanidade.

BAIXAS POLA ENFERMIDADE CORONAVIRUS COVID-19

No caso de que chegues a padecer a enfermidade ou sexas sometido a illamento preventivo tes dereito á baixa nas mesmas condicións económicas que as de accidente de traballo. A asistencia, administración e xestión sanitaria - diagnóstico, tratamento da enfermidade, así como decretar os períodos de illamento - realizarase exclusivamente a través do persoal médico de atención primaria do SERGAS que será o que emita os partes de baixa e alta en todos os casos de afectación por coronavirus. En ningún caso, estes partes poderán ser emitidos polos facultativos das Mutuas Colaboradoras coa S.S., do Instituto Social da Mariña ou das Empresas Colaboradoras Non hai que emitir parte de accidente de traballo nestas situacións, será sempre tramitado como enfermidade común.

PERSOAL ESPECIALMENTE SENSÍBEL 

O persoal especialmente sensible á exposición ao risco de infección, deberá comunicalo ao/á seu/súa superior xerárquico/a para adoptar, de inmediato, as medidas específicas adaptadas ao seu caso. Se as recomendacións sanitarias o aconsellan, adoptaranse medidas para que poida ausentarse do posto de traballo.

Teñen esta consideración os seguintes colectivos:

  • Embarazadas.
  • Persoal maior de 60 anos.
  • Persoal con patoloxías concorrentes ou enfermidades crónicas. Neste grupo están as persoas diagnosticadas de: hipertensión arterial, diabetes, enfermidades cardiovasculares, enfermidades pulmonares crónicas, cancro, e inmunodeficiencias.
  • Persoal con fillo/a/s menor/es de idade ou con persoas dependentes a cargo. (*) (**)
  • Persoal que se determine en atención ás súas circunstancias persoais.

(*) Persoal empregado público con fillos/s menores de idade ou con persoas dependentes, afectados polo peche de centros educativos ou de maiores (aparado 5: Protocolo COVID-19):

Serán de aplicación as seguintes medidas, polo tempo que as autoridades competentes determinen e de acordo coas instrucións dos órganos de persoal, e sempre que quede garantida a prestación dos servizos públicos:

“– Poderanse adoptar medidas especiais de flexibilidade da xornada laboral sen suxeición aos límites horarios previstos normativamente.

– Poderán acollerse á modalidade de prestación de servizos a distancia a través do teletraballo. 

– No caso de que sexa imprescindible, permitirase a presenza do persoal no seu domicilio, tendo a consideración de deber inescusable de conformidade co disposto no artigo 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. 

– No caso de que ambos os proxenitores ou responsables do maior dependente teñan a condición de empregados públicos, non se poderán empregar estas medidas simultaneamente.”

(**) Para o persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia que teña ao seu cargo menores ou maiores dependentes, e se vexa afectado no seu caso polo peche dos centros educativos ou de maiores, serán de aplicación ás seguintes medidas durante os próximos 15 días (Instrución para a aplicación do Protocolo do 13.03.20):

1) En canto as medidas especiais de flexibilidade da xornada laboral sen suxeición aos límites horarios previstos normativamente: poderá solicitarse a través do correo electrónico aos órganos de persoal onde preste os seus servizos. Dita solicitude será remitida á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa para a súa inclusión na relación de horarios.

2) Poderán acollerse a modalidade de prestación de servizos a distancia segundo o disposto no relativo as instrucións do apartado oito.

3) No caso de que sexa imprescindible, permitirase a presenza do persoal no seu domicilio, tendo a consideración de deber inescusable de conformidade co disposto 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Este suposto só será de aplicación cando exista a imposibilidade de acollerse ás modalidades anteriores (flexibilidade horaria ou teletraballo), e só en casos excepcionais e exclusivamente cando o/a empregado/a público con cargas familiares non poida realizar o seu traballo suxeito á máis ampla flexibilidade ao non poder acudir ao centro de traballo por recomendación das autoridades de saúde pública e que ademais, polas características do seu posto, ou pola natureza das funcións que ten que desenvolver non sexa posible acollerse á modalidade de prestación de servizos en réxime de teletraballo.

PERSOAL QUE TRABALLA DENTRO DOS EDIFICIOS OU INSTALACIÓNS ADMINISTRATIVAS

1. Empregadas/os públicas/os cuxas funcións (esenciais ou non) si permitan o seu desenvolvemento a distancia ou mediante teletraballo prestarán o servizo desde o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. Para tales efectos, a Administración facilitará fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia, as cales abranguen o despacho ordinario de asuntos. (Acordo COVID-19).

2. Empregadas/os públicas/os cuxas funcións (esenciais ou non) non permitan o seu desenvolvemento a distancia ou mediante teletraballo: 

2.1. Funcións ordinarias: deberán permanecer nos seus domicilios, quedando as súas actividades suspendidas temporalmente.

2.2. Funcións esenciais: deberá acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas funcións así o exixa porque así o determinen os titulares dos seus centros directivos. Nestes supostos poden estar comprendidas as funcións xenéricas seguintes:

  • persoal directivo
  • seguridade
  • mantemento de edificios
  • comunicacións e outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información,
  • pagamento a provedores
  • habilitacións
  • todas aquelas que determinen os órganos directivos por considerárense necesarias para garantir a continuidade das funcións básicas.

* Funcións esenciais de cada consellaría e/ou centro directivo: veñen indicadas nos seus protocolos específicos.

* Medidas organizativas para a protección da saúde: o titular do centro directivo establecerá as quendas de traballo necesarias para garantir a prestación do servizo e minimizar o máximo posible o risco de contaxio laboral saúde (por exemplo:  reordenación de espazos).

OFICINAS DE REXISTRO E ATENCIÓN Á CIDADANÍA: MEDIDAS XERAIS (Protocolo COVID-19)

- Trasladarase a todo o persoal a información sobre o virus, as vías de transmisión e as medidas de prevención individuais que cómpre tomar, facendo especial fincapé nas medidas hixiénicas (poñeranse carteis informativos tanto para o persoal como para os visitantes).

- Reforzo da limpeza das instalacións, especialmente as zonas susceptíbeis de transmisión do virus, con produtos desinfectantes.

- Disporase dos elementos necesarios para a hixiene do persoal e do público visitante (xel hidroalcóholico e xabón). Facilicitaránselle ao persoal que atende de forma presencial o público o acceso aos aseos co obxecto de que poida levar a cabo a práctica de lavar as mans coa frecuencia que se precise.

- Disporase unha distancia mínima dun metro co público, un tempo máximo de 15 minutos de atención e evitarase o contacto físico.

- Controlarase a afluencia de público co fin de evitar as aglomeracións de persoas nas zonas de espera.

* Extensión destas medidas a outros centros directivos e outras oficinas de atención ao público

As pautas de aplicación aos servizos de rexistro e oficinas de atención á cidadanía poderán estenderse a outros centros directivos e outras oficinas que realicen actividades de atención ao público.

PERSOAL QUE NON TRABALLA DENTRO DOS EDIFICIOS OU INSTALACIÓNS ADMINISTRATIVAS

Funcións esenciais: deberá acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas funcións así o exixa porque así o determinen os titulares dos seus centros directivos. Nestes supostos poden estar comprendidas as funcións xenéricas seguintes:

  • gardaría forestal e ambiental
  • centros de recuperación da fauna e razas autóctonas
  • servizo de gardacostas de Galicia
  • servizos de alertas sanitarias en todas as súas modalidades
  • servizos de inspección de saúde pública e inspección ambiental
  • servizos de prevención e extinción de incendios de Galicia

* Funcións esenciais de cada consellaría e/ou centro directivo: veñen indicadas nos seus protocolos específicos.

* Medidas organizativas para a protección da saúde: o titular do centro directivo establecerá as quendas de traballo necesarias para garantir a prestación do servizo e minimizar o máximo posible o risco de contaxio laboral saúde (por exemplo:  reordenación de espazos).

CENTROS EDUCATIVOS

“Nos centros de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá en réxime de quendas só unha persoa do equipo directivo do centro das 10.00 ás 13.00 horas”. (Art. Décimo, Acordo CECOP 15.03.20).

Aclaración: non ten que ir nin o persoal ordenanza, nin o persoal de limpeza. 

PERSOAL QUE SE DESPRAZA EN MEDIOS DE TRANSPORTE COLECTIVO AO CENTRO DE TRABALLO

Posibilidades asimilábeis ao persoal especialmente sensíbel, para longas distancias e cando o persoal non teña outras alternativas posíbeis.

TELETRABALLO / TRABALLO A DISTANCIA

Por teletraballo entenderase o realizado por medios telemáticos e  tamén o despacho ordinario de asuntos dende o domicilio particular. Por recomendacións sanitarias, poderanse adoptar medidas de posta en marcha do teletraballo, de modo que se evite a concorrencia diaria da totalidade do cadro de persoal nos diversos centros de traballo coa finalidade de preservar a saúde dos seus compoñentes.

Poderán acollerese a teletraballo:

  • O persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia que teña ao seu cargo menores ou maiores dependentes e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores.
  • O persoal especialmente sensible
  • O persoal que presente síntomas da enfermidade coronavirus COVID-19

 * Aclaración da Instrución do 13.03.20:

Poderán acollerse a modalidade de prestación de servizos a distancia a través do teletraballo os empregados públicos nos seguintes supostos:

  1. O persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia que teña ao seu cargo menores ou maiores dependentes.
  2. O persoal especialmente sensible: o persoal que desenvolva a súa actividade laboral en atención directa ao público e que, por motivos de saúde (trastornos inmunitarios, patoloxías crónicas previas...), estado biolóxico coñecido, poida ser especialmente sensible á exposición ou risco de infección.
  3. Empregados públicos con patoloxías concorrentes ou enfermidades crónicas.
  4. Empregadas públicas embarazadas.
  5. O persoal que presente síntomas da enfermidade coronavirus COVID-19 ou tivese contacto estreito cun caso probable ou confirmado.
  6. O restante persoal, co obxecto de evitar a concorrencia diaria da totalidade do cadro de persoal nos centros de traballo, e coa finalidade de preservar a saúde dos seus compoñentes.

Procedemento a seguir pola persoa que vai teletraballar:

  1. Comunicará por correo electrónico ao responsable da unidade e tramitará no Portax a xustificación de “autorización expresa por razóns protocolarias-COVID-19”. A este solicitude habería que xuntar a Declaración de confidencialidade e prevención de riscos laborais recollida no Anexo II. 
  2. Con carácter previo, ou de xeito simultáneo, deberá solicitar o acceso remoto ao seu ordenador, se fose necesario, cumprimentando a solicitude de acceso á VPN (acceso persoal) dispoñible na intranet da Xunta de Galicia: https://axudot.xunta.local/axudot/.
  3. O persoal que faga uso desta autorización de teletraballo, deberá estar conectado ao seu correo electrónico corporativo e estar dispoñible no seu horario habitual de traballo, debendo facilitar ao responsable da unidade o seu teléfono móbil.
  4. Dende o seu domicilio particular, o traballador/-a desenvolverá as tarefas propias do seu cargo que poda levar a cabo de xeito telemático, incluíndo tamén o despacho ordinario de asuntos.

O réxime destas autorizacións terá carácter excepcional con respecto ao réxime ordinario actual e será acordado polas persoas titulares dos centros directivos onde presten os servizos e no caso das Delegacións Territoriais polos xefes territoriais correspondentes. Cada día, ao finalizar a xornada laboral, cada Secretaria xeral/Secretaria Xeral Técnica remitirá á Dirección xeral da Función Pública e á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, ás contas de correo: direccion.xeral.funcion.publica@xunta.gal e dxara@xunta.gal, unha relación do persoal que faga uso desta autorización expresa de teletraballo, sendo suficiente a estes efectos sinalar o centro directivo do que dependa cada traballador/-a, nome e apelidos.

* Persoal previamente teletraballador: para o persoal empregado público que xa teña recoñecido o teletraballo, se así se fixese necesario en atención ás circunstancias concorrentes, poderá ampliarse o número de xornadas, comunicándoo ao responsable da unidade e tramitando a xustificación “Autorización expresa Covid-19” a través do Portax, que por defecto, xa contempla os 15 días de duración das medidas.

* O réxime destas autorizacións terá carácter excepcional con respecto ao réxime ordinario actual establecido, e serán acordadas polas persoas titulares dos centros directivos onde presten os servizos, dando conta ás persoas titulares da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e de Función Pública simultaneamente.

* Durante a xornada dedicada ao teletraballo, o/a teletraballador/a debe estar dispoñible, polo que deberá ter activado o correo corporativo e/ou o teléfono móbil indicado para o efecto.

* Nesta modalidade de prestación de servizos quedarán garantidas as condicións exixidas en materia de prevención de riscos laborais, de seguridade social, de protección e de confidencialidade dos datos.

* Instrucións para o teletraballo no web: 

- Información na web da Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/recomendacions-teletraballo

-Información na intranet da Xunta de Galicia: https://intranet.xunta.gal/recomendacions-teletraballo

- Política de Acceso Remoto Corporativo que está accesible na seguinte ligazón que poderá ver unha vez establecida a VPN:

http://ficheiros-intranet.xunta.es/manuais/seguridade_lopd/GLOBAL_PL_AccesoRemotoCorporativo.pdf

TRÁMITES NO PORTAX

- Teletraballo: pode acollerse o persoal con síntomas, o persoal especialmente sensible, e aquel que llo permitan as súas funcións e o determinen os seus centros directivos.

Xustificación: Autorización expresa por razóns protocolarias COVID-19, adxuntando a declaración do anexo II do Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19.

- Imposibilidade de teletraballo e permanencia na casa:

Xustificación: Autorización expresa: persoal que queda na casa por imposibilidade de desempeño das súas funcións mediante teletraballo.

Permiso: deber inexcusable e conciliación da vida familiar e laboral: persoal con fillos/as menores e/ou dependentes a cargo.

- Persoal con síntomas ou con enfermidade por coronavirus: baixa por enfermidade común.

- Persoal teletraballador que amplía o teletraballo: Xustificación: Autorización expresa por razóns protocolarias COVID-19, adxuntando a declaración do anexo II do Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19.

PROBAS SELECTIVAS

O órgano convocante de cada proceso selectivo en curso deberá pospoñer, polo tempo imprescindible –como mínimo dous meses–, a celebración de probas selectivas, especialmente aquelas de concorrencia masiva.

ATENCIÓN Á CIDADANÍA

Con carácter xeral, canalizarase a través do teléfono 012, sen prexuízo daquelas oficinas que determinen os titulares dos centros directivos polas súas funcións de carácter esencial.

VIAXES

Posporanse todas aquelas viaxes que non sexan imprescindíbeis para a normal prestación dos servizos esenciais.

FONTES NORMATIVAS

O desenvolvemento destas indicacións están a desenvolvelo as distintas consellarías e centros directos baixo o seu ámbito de actuación, e poden consultarse aquí: COVID-19: Instrucións e protocolos (xenéricos e para o persoal da Administración)

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...